Memoria de Oia pretende ser un instrumento para recoller e difundir a microhistoria e a cultura popular desta parroquia, a vez que defender e poñer en valor o seu patrimonio arqueolóxico, etnográfico e natural. Unha fiestra aberta a participación daqueles que teñan algo que contar e compartir, microrelatos, documentos, contos, fotografías ou historias anónimas que quedaron arrombadas nos faiados ou na memoria dos nosos avós.

luns, 26 de xullo de 2021

A Fogaza dos Liñares, unha ancestral carreira e danza desaparecida no século XVIII.

 

No século que a ilustración francesa iniciou a longa senda de modernidade que cambiaría o mundo occidental  a freguesía de San Miguel de Oia formaba parte do Val do Fragoso, entidade territorial de carácter señorial anterior a existencia dos concellos, creados polo estado liberal do XIX. Era unha comunidade agrícola, revolucionada naquel tempo pola chegada do millo, que en poucas décadas  cubriu os campos de cultivo co seu intenso verdor, obrigando a crear extensos sistemas de regadío para aproveitar as pequenas pero regulares correntes de  auga repartidas por toda a parroquia. A abundancia deste cereal xenerou a necesidade de dispor de  muiños con maior capacidade de moenda que os tradicionais de man, iniciándose a construción dun importante numero deles ao longo do  rego de Gontade,  dando lugar a un conxunto hidráulico con gran relevancia na vida cotián dos veciños durante os séculos posteriores. Xunto o cultivo do millo tiñan importancia  o trigo, o millo miudo e o centeo, con eles, o liño, herbácea  que daba nome a patroa da parroquia, a Virxe dos Liñares.

A sociedade daquel tempo respondía as características do Antigo Réxime na Galiza rural. Na cúspide, o clero parroquial e a fidalguía rendataria das casas das Grades, Agrón e a Cerca, con estirpes familiares como os Blanco de Losada, Baños ou Troncoso. Por debaixo, unha exigua  clase media máis ou menos acomodada formada por  escribáns, cregos, cirurxiáns-sangradores, antigos soldados beneficiarios de rendas  e uns poucos agricultores podentes con carro, muiño e gando propio. Na parte baixa da pírámide social situábase a grande maioría da veciñanza, labradores  miserables con poucas terras,  que  criaban  gando de outros, xornaleiros en ocupacións diversas  e os pobres de misericordia.

Romaría. Debuxo. Almanaque de Ferrol. 1910.


        Dende alomenos o século XII os veciños de San Miguel de Oia  veneraban a Virxe do Libramento, tamén chamada Nosa Señora dos Liñares, que naquel tempo festexaban o  oito de setembro. O día de  festa o torreiro ateigábase de xente dende primeiras horas da maña, romeiros que viñan de lonxe, despois de horas percorrendo camiños e carreiros; unicamente os máis podentes faciano en cabalo, os das poboacións da beiraría utilizaban  embarcacións mariñeiras a vela e remos. Repartíanse polos arredores do torreiro onde realizaban o xantar e participaban dos distintos momentos da festa, dende as tiradas de fogos que levantaban espectación, a misa,  a procesión,  e despois desta, a “carreira e o baile da fogaza”, acontecemento lúdico deportivo agardado durante todo o ano.

Arredor do torreiro repartíanse postos de    rosquillas chegadas de Rivadavia e melindres de Allariz, viño do Riveiro e do Condado,  xunto a  exóticos  melóns e sandías traídos da meseta polos amos dos camiños, os  arrieiros da Graña e Terra de Montes. Produtos ofrecidos  con potente  voz polos vendedores,  sumando sonoridade  a  algarabía xerada  polas gaitas e  tambores, que enchían de melodías a romaría.  Non podían faltar  para eses días os paxuriños da sorte e outras pequenas atraccións traídas por titiriteiros e acrobatas errantes, con eles o domador de  monos e cobras exóticas  que  despertaban enorme admiración  e temor entre os romeiros. Situado  nun recuncho do torreiro, onde o barullo era menor, exercía de cronista o cego, acompañado da  súa vella zanfona, cantaba os truculentos episodios e crimes ocorridos na bisbarra,  asistido por  un farrapento lázaro que mostraba as  ilustracións dos arrepiantes sucesos.

Cego. Debuxo.  1830. Biblioteca Nacional.

Polos camiños e carreiros  que accedían o torreiro repartíanse esmoleiros de todo tipo,  mancos, coxos, cegos, xorobados, incluso antigos leprosos. Escuálidos, sucios e fanados, exercían o oficio de conmover a caridade cristia  da xente que acudía a romaría. Toda esta paisaxe de mendicantes un tanto miserable   contrastaba coa  fermosura natural  do entorno da capela dos Liñares coa beiramar de Oia, a illa de Toralla,  a rompente sempre espumosa da Marosa, a boca da ría e a lagoa das Poulas, rodeada do intenso verdor de amieiros e salgueiros.

Segundo se recolle  en distintos documentos relativos á herdade denominada “cocho de Liñares”, sementeira de medio ferrado de trigo, situada a carón do torreiro,  cada ano chegado o día da festa este predio debía pagar unha renda a  capela consistente nunha fogaza de pan. Colocábase no altar, ó lado da imaxe da virxe, a quen estaba dedicada,   para despois   correla e bailala entre os veciños e romeiros,  rematando coa puxa  a beneficio da santa.


…y  además dello en dicho día se hace traer al atrio de dicha  hermita una hogaza de trigo cozido para  que la luchen o bailen por qualesquiera personas que allí vinieren de romería...

A tradición  de  “correr e bailar a fogaza” na festa dos Liñares, tal  e como se recolle nun documento custodiado no Arquivo  Diocesano de Tui,  mantívose ata 1793 cando o entonces abade de Oia, Alejo Rodríguez,   descontento co pouco edificante que resultaba  a tradición e a escasa contribución pecuniaria que supuña  para as arcas da capela, iniciou un conxunto de reclamacións coas que,  ademáis da bola de pan  pedía  un ferrado de trigo.  Argumentaba  que: 

 

la hogaza suele traer malas consecuencias y por consiguiente ninguna utilidad ni conveniencia a la capilla y a sus vecinos…

 Tras meses de litixio cos arrendadores  do cocho de Liñares, o tribunal eclesiástico ditaminou o pagamento dunha pensión de oito reais, desaparecendo a obriga de entregar a fogaza e, supoñemos,  perdéndose a  celebración desta tradición.

Polo tanto, ata alomenos 1793, cada  8 de setembro, despois da misa maior, celebrábase no torreiro dos Liñares  a ancestral competición  coñecida como a   “carreira da fogaza” que se completaba con un  baile  onde os participantes tamén disputaban  unha bola de pan de trigo de  grandes dimensións.

Esta singular  combinación atlético-folclórica  celebrábase tamén noutras romarías  do bispado de Tui,  como  Parada do Miñor,  Santo Tome de Freixeiro, San Sebastián do Porriño ou San Roque do Couto,  onde acostumaba a formar parte  das celebracións do segundo día da festa.

Nos Liñares, porén,  celebrábase o día grande,  o remate da procesión, coincidindo co momento de maior concorrencia de romeiros.   Os mordomos despexaban un corredor de cento cincuenta pasos  de largo a carón da capela, onde se  realizaba a carreira. Os rapaces e mozos situábanse nas  ramas dos carballos que rodeaban a ermida,  o resto dos romeiros arrexuntábanse para ver de preto e animar os corredores. O ansiado espectáculo iniciábase  cando o mordomo saía  da capela, mostrando, mans en alto, a  enorme bola de pan amasada con fariña de trigo, ovos e azucre, adornada con figuras de releve e decorada con azafrán; detrás, un gaiteiro acompañábao  ao son  dunha ribeirana. Realizaba dous ou tres paseos entre a multitude expectante.  O mesmo mordomo, solemnemente e  a viva voz,  informaba  os romeiros do inicio da carreira, e  de que aquela fogaza de trigo sería o premio para o vencedor. 

Os dous concursantes  situábanse  no lugar de saída, descalzos, en calzóns e camisola, a espera  da sinal de saída; executada por  un   mordomo axudado dunha vara  sostida en posición horizontal. Consistía  en dúas voces preventivas e a de saída, tocando coa vara nas costas   dos concursantes que, saían correndo como unha exhalación  entre os gritos, berros e silbidos dos romeiros, durante os breves instantes que duraba a carreira. No extremo oposto do torreiro situábase a meta,  que podía ser un pau  cravado no chan con un trapo colgado, ou un mordomo con unha vara collida coas dúas mans en posición horizontal. O corredor que primeiro tocara  a vara era o gañador.  Tres eran inicialmente as carreiras, tendo  que gañar dúas para proclamarse vencedor. Acostumaba a ocorrer que  un terceiro participante desafiaba  o gañador,  tendo este a obriga de competir co novo rival. Rematadas as  carreiras, o mordomo entregaba a enorme bola de pan ó vencedor e este,  mostraba o público ao longo do torreiro a vez que recibía os parabéns pola  vitoria. Acompañabao un gaiteiro entre  os aplausos e vitores da multitude,  para rematar  co ofrecemento o mordomo  da piña ou coroa da fogaza.

Tanto as crónicas históricas e periodísticas que describen esta celebración, como o documento que acredita a realización desta tradición nos Liñares de Canido,  mencionan a practica de bailar a Fogaza, que complementaría o espectáculo da carreira. Consistía nunha muiñeira moi animada e bailada soamente por homes. Os competidores saían o centro dun circulo onde executaban  diferentes  puntos e saltos sumamente difíciles, nunha demostración de destreza e dominio da técnica deste baile, dando voltas tan rápidas que asombraban os asistentes. Entre o público situábanse os membros do xurado que escollían o vencedor da competición,  obsequiando coa fogaza similar a do vencedor da  carreira.

Danza tradicional onde se mostra unha fogaza, festa de San Roque, Vigo. 1879. La Ilustración Gallega y Asturiana. 

Finalizada a  carreira e o baile da fogaza, chegaba a hora do xantar, os de preto volvían as súas casas onde ese día degustaban  o mellor viandas gardadas no salgadouro, os de fora  facíano nos arredores do torreiro, protexidos pola sombra dos carballos e amieiros. Pola tarde  iniciábase a marcha dos que  viñeran de lonxe. Os que chegaran por mar baixaban a praia de Canido para izar as velas que os devolvería a cotidianidade.


        Cando a escuridade da noite cubría co seu manto o torreiro dos Liñares prendíanse  as antorchas, folións e fogueiras, repartidas polos arredores da capela.  Xa naquel tempo anunciábase a festa con foguetes, e pola noite uns poucos de lucería que xeraban o asombro dos romeiros e admiraban dende a distancia   daqueles que non puideran ou quixeran acudir. Tamén era común  soltar o aire  globos de papel. Coa caída do sol  moitos romeiros  abandonaban a festa percorrendo os mesmos carreiros e camiños de volta as súas casas. Entre cantos corais e conversas deixaban  atrás o son das gaitas que co avanzar no camiño apagabanse entre o silencio da noite. E así,  ano tras ano,  como viña ocorrendo dende séculos o fermoso torreiro situado sobre a praia de  Toralla e a lagoa das Poulas   vaciábase de xente.

Gaiteiro. Debuxo. Almanaque Gallego. 1910.


Historiadores  do século XIX atribuían unha orixe celta a esta competición, tanto no aspecto atlético como na utilización da bola de pan que vencellaban a “torta céltica”, outros, como Taboada Leal, asociábana coa  ximnástica grega. Algunha crónica das primeiras décadas do XX describen  a presenza dun gaiteiro dende días antes da carreira anunciando  o acontecemento polas  freguesías da contorna, acompañado dun mozo que exhibía a monumental fogaza de dez libras (arredor de 5 quilos). As mesmas fontes  mencionan distintos tipos de fogaza,  en forma de bola ou de rosca de pan doce feita con ovos, confeti e azucre, destacando a enorme bola polo seu cor vermello do azafran que a recubría. A descrición da carreira que cada ano se celebrada na finca da Pastora en Vigo, menciona a colocación da bandeira de meta cravada nun carballo en lugar da vara, igualmente menciona que en ocasións o vencedor ofrecía a fogaza o santo ou santa, ou xunto de mordomos, familiares e amigos merendabana  nun dos postos da romeria acompañada do valorado viño do Condado ou do Ribeiro. A fogaza ou bola de pan de trigo era tamén o premio para moitos xogos, concursos e celebracións,  caso de regeifas ou carreiras de sacos.

                                                          Bernardo Vázquez Acuña. Xullo 2021.

Fontes documentais :

Arquivo Diocesano de Tui. Fondos  parroquia San Miguel de Oia.

Descripción histórico topográfica de la ciudad de Vigo.  Taboada Leal. 1840.

Heraldo de Galicia(A Habana).20.09.1927.

Heraldo Gallego(semanario). 8.11.1876.

La temporada en Mondariz. 31.01.1909.

La Integridad. Diario católico. 10.09.1920.

Noticiero de Vigo. 6.09.1911.

El Pueblo Gallego. 28.07.1927- 15.08.1928.

Vida Gallega. Setembro. 1909.