Corría o ano 1793, reinaba na
coroa de Castela o borbón Carlos IV, continuador nos primeiros anos do reformismo ilustrado iniciado por seu pai Carlos III. Para
acabar o reinado sumido na maior das decadencias a causa do seu carácter
vacilante e da Revolución Francesa que
dende 1792 determinou a coiuntura exterior e interior da política española.
Galicia era un pais de labregos, cregos
e fidalgos establecidos nas áreas rurais, tan so o 10 % da poboación vivía en vilas. A economía movíase arredor das rendas e cargas pagadas polos que traballaban a terra que
sostiñan o clero secular e regular, a nobreza e a fidalguía. Os relatos de
viaxeiros foráneos describennos unha
sociedade de aldeáns dignos de compasión
pola miseria na que vivían, tan so uns poucos, os que dispuñan dun importante
volumen de terras, tiñan recursos
suficientes para garantir o sustento familiar, destes dicíase que “teñen pan, porco e carro ferrado”.
Debuxo: Ante-atrio da igrexa de San Miguel de Oia. Terra do Fragoso. José Espinosa. 1949. |
A freguesía de San Miguel de Oia
a finais do século XVIII tiña unha poboación que rondaba os novecentos veciños,
parte deles eran pobres de solemnidade, a grande
maioría dedicabanse ao traballo na terra, tamén pobres que entregaban boa parte das suas colleitas(entre o 25 -50
%) como pago de foros, décimos e censos,
xunto a metade da beneficio do gando que criaban en réxime de aparcería. Rendas que anualmente facían chegar en especie ou en metálico ao recadador, o
fidalgo rendeiro ou o abade. A actividade mariñeira era escasa, aínda non chegaran os fomentadores cataláns a Canido co negocio da salgadura. Un pequeno
número de veciños dedicabanse a actividades
artesanais, zapateiros, xastres, fiadoras,
tecedoras e barbeiros que incluso
sacaban dentes e moas. Tamén había
comerciantes como feirantes, taberneiros
ou estanqueiros. Outros trataban de
fuxir da miseria buscando fortuna como soldados da milicia ou da mariña real. A clase media formabana profesionais
cualificados, escribanos que daban fe
das vontades, testamentos e outros documentos,
ou cirurxiános que realizaban
sangrías, palpaban o pulso, examinaban os ouriños e prescribían remedios que
elaboraban eles mesmos ou o boticario mais próximo. No alto da pirámide social
da parroquia estaban as familias fidalgas dos Blanco relacionada coa casa das Grades e os Baños coa casa da Cerca no barrio da
Senra pertencentes a pequena aristocracia rural, xunto a eles un nutrido número de
cregos, tamén de familias fidalgas ou rendeiras e o abade da parroquia. Todos vivían dun xeito directo
ou indirecto da terra. Reuníanse na igrexa parroquial para compartir o culto
relixioso onde tamén enterraban os seus mortos.
Celebraban a festa dos Liñares cada oito de setembro e o
San Miguel de Maio tamén coñecido como
San Miguel das fabas.
Nos inicios do verán de 1793 chegou a parroquia de Oia Alfonso Dionisio Berastegui, médico do Real Hospital Militar da Coruña, comisionado
da Xunta Suprema de Sanidade de Madrid “… para desarraigar la epidemia de fiebres
malignas que afligen a ese pueblo…”. Epidemia causada polas emanacións que producían os moitos cadáveres sepultados dentro da igrexa durante a súa descomposición a e escasa
profundidade, enterramentos que se acostumaba a facer sen ningún tipo de
cadaleito, tan so envoltos nun hábito, xenerando un ambente tóxico e
pernicioso para a saúde no lugar de
reunión dos fregueses.
Dende a idade media as igrexas deixaron de ser un simple lugar de culto para convertirse no
lugar de encontro entre a vida e a morte.
A costume de realizar os
enterramentos intramuros consolidase como xeito de favorecer a salvación das almas, olvidándose dos vivos
que respiraban aqueles aires infectos e putrefactos. Ata ben avanzado o século
XIX mantivose esta costume de enterrar os difuntos no espazo sagrado. Era tamén, unha forma de financiamento das arcas eclesiásticas mediane a venda do
espazo interior das igrexas, “o negocio da morte”, co correspondente
segregamento económico e social a favor
dos estamentos privilexiados que ocupaban os espazos de máis valor simbólico, o altar maior e as capelas.
Predica del arte del bene morire. Girolamo Savonarola(1452-1498) |
Durante a inspección do comisionado Berastegui en 1793 observou a saturación
de enterramentos dentro da parroquial de Oia e informou
ao obispado de Tui nunha carta onde manifestaba que o foco de
insalubridade estaba na mesma igrexa,
dispoñendo o selado das xuntas das lousas que formaban o piso da igrexa
parroquial “…por donde se liberaban los
podridos vapores que incesantemente exalan los muchos cadáveres que están
sepultados en la parroquia…”. A orde tamén establecía o xeito de facelo “…es
preciso que se tapen las juntas y agujeros de las piedras de su piso con masa
compuesta de dos partes de cal y una de arena y que se entierren los cadáveres de los que vayan
muriendo fuera de la misma iglesia por ser ya
muchos los sepultados en ella…”. Dispuña ademais a recomendación de non facer enterramentos durante un período
de dezaoito meses, se ben podían inhumalos
noutra das capelas existentes que non
fose a parroquial ou no atrio. A vez establecía
outras prácticas hixienistas para futuros enterramentos, “ …que
en el acto de poner el cadáver en ellas se cubrirá su vientre y pecho con un
ferrado de cal y algún vinagre…” e
que se levantase un cemiterio nas casas
arruinadas que naquel tempo existían na cara norte da igrexa.
Carta do bispo de Tui ao párroco de Oia informando das recomendacións hixienistas do comisionado Berastegui. 18.xullo.1793. Arquivo Histórico Diocesano de Tui. |
O acontecido en Oia en 1793 encadrase no contexto do
tempo histórico correspondente a segunda metade do século XVIII, onde cos ventos racionalistas da ilustración xurde o hixienismo, corrente que
sinalaba a importancia das condicións ambientais na aparición e
propagación de epidemias. Iniciándose a
preocupación dos sectores ilustrados
da administración pola saúde pública, coa construción de redes de saneamento para as augas fecais, a retirada
de residuos e excrementos das vías públicas, as prácticas profilácticas na mediciña ou a erradicación dos enterramentos no interior
das igrexas como xeito de previr enfermidades e contaxios.
A voz de alarma deuna a epidemia de 1780 de París que afectou o
barrio onde se ubicaba o cemiterio dos Inocentes. Levou a Francia a ser o
primeiro país en prohibir os enterramentos en igrexas e a iniciar a construción de cemiterios fora dos núcleos habitados. Un ano máis tarde, en 1781 a localidade de Pasaia (Guipúzcoa) tamén sufriu unha epidemia causada polo “hedor intolerable que exhalaba la parroquia por los muchos
cadáveres sepultados allí” . A
reacción institucional non chegaría ata 1787 cando
Carlos III decretou mediante Real Cédula a prohibición de enterrar nas igrexas
por razón de sanidade pública,
establecendo a obriga de levantar cemiterios extramuros. Con todo, como acostuma a mostrarnos a nosa historia,
esta Real Cédula tivo unha aplicación tardía e limitada a causa
do arraigado da costume e da oposición dos estamentos privilexiados e
inmovilistas do antigo réxime, de feito a construción de cemiterios fora dos
núcleos poboados non se realizou ata ben
avanzado o século XIX.
Consultados os libros de defuncións da parroquia de San
Miguel de Oia confirman a practica de
enterrar maioritariamente dentro da
igrexa. En 1791 morreron 40 veciños dos que 30
foron enterradas no templo
parroquial, en 1792 de 31 mortos foron
27 os sepultados intramuros, entre xaneiro e
setembro de 1793 dos 27 difuntos 19
foron inhumados dentro da igrexa o que supuña un promedio
do 77,5 % dos difuntos.
Rexistro de defunción e enterramento dentro da igrexa de Luisa García, veciña de Oia. 7. Maio. 1793. Arquivo Histórico Diocesano de Tui. |
A saturación de cadáveres dentro
da igrexa parroquial obrigaba a realizar varios niveis de enterramentos e a
continuas exhumacións para facerlle sitio aos novos, realizadas no mesmo día do novo enterramento,
en ocasións sin haber completado o proceso de
putrefacción, causando un ambente infecto dentro do templo parroquial que
respiraban os fregueses asistentes a cada novo enterramento e nas sucesivas
visitas a casa de Deus.
A partir de setembro de 1793 iníciase a aplicación da recomendación hixienista do comisionado Berasteguí pasando a realizarse os enterramentos no
atrio da igrexa:
“En catorce de septiembre del año de mil setecientos nobenta y tres se dio principio a sepultar en el atrio de
esta iglesia Parroquial de Sn Miguel de Oya por mandato de este obispado…
presentación écha por Dn Dionisio de Verastegui medico de la suprema gunta de
sanidad comisionado para el desarraigo de epidemia en esta provincia cuyos
oficios se hallaran en el libro de la fabrica
y lo firmo. Benito Alonso.”
Durante o tempo que durou a moratoria foron enterradas no atrio da igrexa de
Oia 73 veciños, con dúas excepcións, o presvitero e fidalgo, veciño de Loureiro, Dn
Miguel Perez Armida enterrado o 7 de
xullo de 1794 na capela maior, e o neno de 7 anos Antonio Fernández.
A partir do 13 de xaneiro de 1795, dezaseis meses despois de iniciada a moratoria, retomase a vella costume de enterrar dentro da igrexa, práctica que semella
mantense en anos posteriores e durante o primeiro terzo do século XIX, aínda
que non sempre os rexistros de defunción especifican este detalle. En determinados anos mesturanse ou alternanse as
inhumacións dentro e no atrio da igrexa. Haberá que esperar ata 1835 cando aparecen as primeiras
referencias a enterramentos no cemiterio
parroquial.
Sepultura de José Pedreira e Juan M. Pedreira. Atrio da igrexa de Oia. |
Con todo, semella que ata finais do século XIX e os inicios do XX mantivose a práctica de
enterramentos alomenos no atrio da igrexa, como acredita a sepultura que todavía se
conserva a día de hoxe do crego José Pedreira finado o 29 de xaneiro de 1904 e a de seu pai Juan Manuel Pedreira morto o 25 de abril de 1873.
Fontes arquivísticas:
Arquivo Histórico Diocesano de Tui.
-Libro de contas de fábrica da parroquia de San Miguel de Oia(1730-1842)
-Libro de difuntos da parroquia de San Miguel de Oia(1781-1837)
Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra.
-Catastro de Ensenada. San Miguel de Oia. 1752. Personal de legos, Personal de eclesiásticos, Real de eclesiásticos. Estados.
Arquivo Xeral de Simancas. Valladolid.
-Catastro de Ensenada. San Miguel de Oia. 1752. Respuestas Generales.
Fontes bibliográficas:
-La construcción de cementerios extramuros. Un aspecto de la lucha contra la mortalidad en el antiguo régimen. José Luis Santoja. Revista de historia moderna, nº 17. 1998-1999.
- A vida cotiá en Galicia de 1550-1850. Pegerto Saavedra. Universidade de Santiago. 1992.
Arquivo Histórico Diocesano de Tui.
-Libro de contas de fábrica da parroquia de San Miguel de Oia(1730-1842)
-Libro de difuntos da parroquia de San Miguel de Oia(1781-1837)
Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra.
-Catastro de Ensenada. San Miguel de Oia. 1752. Personal de legos, Personal de eclesiásticos, Real de eclesiásticos. Estados.
Arquivo Xeral de Simancas. Valladolid.
-Catastro de Ensenada. San Miguel de Oia. 1752. Respuestas Generales.
Fontes bibliográficas:
-La construcción de cementerios extramuros. Un aspecto de la lucha contra la mortalidad en el antiguo régimen. José Luis Santoja. Revista de historia moderna, nº 17. 1998-1999.
- A vida cotiá en Galicia de 1550-1850. Pegerto Saavedra. Universidade de Santiago. 1992.