Memoria de Oia pretende ser un instrumento para recoller e difundir a microhistoria e a cultura popular desta parroquia, a vez que defender e poñer en valor o seu patrimonio arqueolóxico, etnográfico e natural. Unha fiestra aberta a participación daqueles que teñan algo que contar e compartir, microrelatos, documentos, contos, fotografías ou historias anónimas que quedaron arrombadas nos faiados ou na memoria dos nosos avós.

venres, 31 de xullo de 2015

A epidemia de febres de 1783 polas emanacións dos cadáveres enterrados na parroquial de Oia


       Corría o ano 1793, reinaba na coroa de Castela  o  borbón Carlos IV,  continuador nos primeiros anos  do reformismo  ilustrado  iniciado por  seu pai Carlos III.  Para acabar o  reinado sumido na maior das decadencias a causa do seu carácter vacilante e da  Revolución Francesa que dende 1792 determinou a coiuntura exterior e interior da política española. 

      Galicia era un pais de labregos,  cregos  e fidalgos establecidos nas áreas rurais, tan so  o 10 % da poboación vivía en vilas. A  economía movíase arredor das rendas e  cargas pagadas polos que traballaban a terra que    sostiñan o clero secular e regular,  a nobreza e a fidalguía. Os relatos de viaxeiros foráneos   describennos unha sociedade de aldeáns  dignos de compasión pola miseria na que vivían, tan so uns poucos, os que dispuñan dun importante volumen de terras, tiñan  recursos suficientes para  garantir o  sustento familiar, destes dicíase que “teñen pan, porco e carro ferrado”.

Debuxo: Ante-atrio da igrexa de San Miguel de Oia.  Terra do Fragoso. José Espinosa. 1949.

      A freguesía de San Miguel de Oia a finais do século XVIII tiña unha poboación que rondaba os novecentos veciños, parte deles  eran pobres de solemnidade,   a grande maioría dedicabanse ao traballo na terra, tamén pobres que entregaban  boa parte das suas colleitas(entre o 25 -50 %) como pago de foros, décimos  e censos, xunto  a metade da beneficio do  gando  que criaban en réxime de aparcería.  Rendas que  anualmente facían chegar  en especie ou en metálico ao recadador, o fidalgo  rendeiro ou o abade.  A actividade mariñeira era escasa, aínda non chegaran os fomentadores cataláns  a Canido co negocio da salgadura. Un pequeno número de veciños dedicabanse a actividades  artesanais,  zapateiros, xastres, fiadoras, tecedoras e  barbeiros que incluso sacaban dentes e moas.  Tamén había comerciantes como feirantes, taberneiros ou  estanqueiros. Outros trataban de fuxir da miseria buscando fortuna como soldados da milicia ou da mariña real.  A clase media formabana profesionais cualificados,  escribanos que daban fe das vontades, testamentos e outros documentos,  ou  cirurxiános que realizaban sangrías, palpaban o pulso, examinaban os ouriños e prescribían remedios que elaboraban eles mesmos ou o boticario mais próximo. No alto da pirámide social da parroquia estaban  as familias fidalgas dos Blanco   relacionada  coa casa das Grades e os  Baños coa casa da Cerca no barrio da Senra pertencentes a pequena aristocracia rural, xunto a eles un nutrido número de cregos, tamén de familias fidalgas ou rendeiras e o  abade  da parroquia. Todos vivían dun xeito directo ou indirecto da terra. Reuníanse na igrexa parroquial para compartir o culto relixioso onde tamén enterraban os seus mortos.  Celebraban a festa dos Liñares cada  oito de setembro   e  o San Miguel de Maio tamén coñecido  como San Miguel das fabas.

      Nos inicios do verán de  1793 chegou a parroquia de  Oia  Alfonso Dionisio Berastegui, médico  do Real Hospital Militar da Coruña, comisionado da Xunta Suprema de Sanidade de Madrid   “… para desarraigar la epidemia de fiebres malignas que afligen a ese pueblo…”. Epidemia causada polas emanacións  que producían os moitos cadáveres  sepultados dentro da igrexa  durante a súa descomposición a e escasa profundidade,  enterramentos  que se acostumaba a facer sen ningún tipo de cadaleito, tan so envoltos nun hábito,  xenerando un ambente tóxico e pernicioso para a saúde  no lugar de reunión dos fregueses.

      Dende a idade media  as igrexas deixaron de ser  un simple lugar de culto para convertirse no lugar de encontro entre a vida e a morte.  A costume  de realizar os enterramentos intramuros consolidase como xeito  de favorecer  a salvación das almas, olvidándose dos vivos que respiraban aqueles aires infectos e putrefactos. Ata ben avanzado o século XIX  mantivose esta costume de   enterrar os difuntos no espazo sagrado. Era tamén,  unha forma de financiamento das arcas eclesiásticas mediane a venda do espazo interior das igrexas, “o negocio da morte”, co correspondente segregamento económico e social  a favor dos estamentos privilexiados que ocupaban os espazos de máis valor simbólico,  o altar maior e as  capelas.

Predica del arte del bene morire. Girolamo Savonarola(1452-1498)

      Durante a  inspección  do comisionado  Berastegui en 1793 observou a saturación de  enterramentos  dentro da parroquial de Oia e   informou ao obispado de Tui nunha carta onde manifestaba que o foco de insalubridade estaba na mesma igrexa,  dispoñendo o selado das xuntas das lousas que formaban o piso da igrexa parroquial  “…por donde  se liberaban los podridos vapores que incesantemente exalan los muchos cadáveres que están sepultados en  la parroquia…”.  A orde tamén establecía o xeito de facelo  “…es preciso que se tapen las juntas y agujeros de las piedras de su piso con masa compuesta de dos partes de cal y una de arena y que  se entierren los cadáveres de los que vayan muriendo fuera de la misma iglesia por ser ya  muchos los sepultados en ella…”. Dispuña ademais a recomendación  de non facer enterramentos durante un período de dezaoito meses, se ben  podían inhumalos  noutra das capelas existentes que non fose a parroquial ou no atrio. A  vez establecía  outras prácticas  hixienistas para futuros enterramentos,  “ …que en el acto de poner el cadáver en ellas se cubrirá su vientre y pecho con un ferrado de cal y algún vinagre…”  e que se levantase  un cemiterio nas casas arruinadas que naquel tempo existían na cara norte da igrexa.

Carta do bispo de Tui ao párroco de Oia informando das recomendacións hixienistas do comisionado Berastegui. 18.xullo.1793. Arquivo Histórico Diocesano de Tui.

      O acontecido en Oia en 1793  encadrase no contexto   do tempo histórico correspondente a segunda metade do século XVIII,  onde cos ventos racionalistas da ilustración  xurde o hixienismo,  corrente que  sinalaba a importancia das condicións ambientais na aparición e propagación de epidemias. Iniciándose a  preocupación dos sectores ilustrados  da administración pola saúde pública,  coa    construción de redes de  saneamento para as augas fecais, a retirada de residuos  e excrementos das vías  públicas,  as prácticas profilácticas na mediciña ou   a erradicación dos enterramentos no interior das igrexas como xeito de  previr  enfermidades e contaxios.

      A voz de alarma deuna a  epidemia de 1780 de París que afectou o barrio onde se ubicaba o cemiterio dos Inocentes. Levou a Francia a ser o primeiro país en  prohibir os enterramentos en igrexas  e a iniciar a construción de cemiterios  fora dos núcleos habitados.  Un ano máis tarde, en  1781 a localidade de  Pasaia (Guipúzcoa) tamén sufriu unha epidemia  causada polo “hedor intolerable que exhalaba la parroquia por los muchos cadáveres  sepultados allí” . A reacción institucional  non chegaría ata  1787  cando Carlos III decretou mediante Real Cédula a prohibición de enterrar nas igrexas por razón de  sanidade pública, establecendo a obriga de levantar cemiterios extramuros. Con todo,  como acostuma a mostrarnos a nosa historia, esta  Real Cédula  tivo unha aplicación tardía e limitada a causa do arraigado da costume e da oposición dos estamentos privilexiados e inmovilistas  do antigo réxime, de feito a construción de cemiterios fora dos núcleos poboados non se realizou  ata ben avanzado o século XIX.

      Consultados  os libros de defuncións da parroquia de San Miguel de Oia confirman a  practica de enterrar maioritariamente  dentro da igrexa. En  1791  morreron 40 veciños  dos que 30  foron enterradas no  templo parroquial, en 1792 de 31 mortos foron 27 os sepultados intramuros, entre xaneiro e setembro de 1793  dos 27 difuntos 19 foron inhumados dentro da igrexa o que supuña   un promedio  do 77,5 % dos difuntos.

  Rexistro de defunción e enterramento  dentro da igrexa de Luisa García,  veciña de Oia. 
 7. Maio. 1793.  Arquivo Histórico Diocesano de Tui.

      A saturación de cadáveres dentro da igrexa parroquial obrigaba a realizar varios niveis de enterramentos e a continuas exhumacións para facerlle sitio aos novos, realizadas no mesmo día do novo enterramento, en ocasións sin haber completado o proceso de  putrefacción, causando un ambente infecto dentro do templo parroquial que respiraban os fregueses asistentes a cada novo enterramento e nas sucesivas visitas a casa de Deus.  

      A partir de setembro de 1793  iníciase a aplicación  da recomendación hixienista  do comisionado Berasteguí  pasando a realizarse os enterramentos no atrio da igrexa:

“En catorce de septiembre del año de mil setecientos nobenta y tres se dio principio a sepultar en el atrio de esta iglesia Parroquial de Sn Miguel de Oya por mandato de este obispado… presentación écha por Dn Dionisio de Verastegui medico de la suprema gunta de sanidad comisionado para el desarraigo de epidemia en esta provincia cuyos oficios se hallaran en el libro de la fabrica  y lo firmo. Benito Alonso.”


      Durante o tempo que durou a moratoria  foron enterradas no atrio da igrexa de Oia  73 veciños, con dúas  excepcións,   o  presvitero e fidalgo,  veciño de Loureiro,   Dn Miguel Perez Armida  enterrado o 7 de xullo de 1794  na capela maior, e o  neno de 7 anos Antonio Fernández.

      A partir do 13 de xaneiro de 1795, dezaseis meses despois  de iniciada a moratoria,   retomase a vella costume de  enterrar  dentro da igrexa, práctica que semella mantense en anos posteriores e durante o primeiro terzo do século XIX, aínda que non sempre os rexistros de defunción especifican este detalle.  En determinados anos mesturanse ou alternanse as inhumacións  dentro  e no atrio da igrexa.  Haberá que esperar ata  1835 cando aparecen as primeiras referencias  a enterramentos no cemiterio parroquial.

Sepultura  de José Pedreira e Juan M. Pedreira. Atrio da igrexa de Oia.

      Con todo, semella que ata finais do século XIX e os  inicios do  XX mantivose a práctica de enterramentos alomenos no atrio da igrexa, como acredita a sepultura que todavía se conserva a día de hoxe do  crego José Pedreira finado o 29 de xaneiro de 1904 e a de seu pai Juan Manuel Pedreira morto o 25 de abril de 1873.


Fontes arquivísticas:
Arquivo Histórico Diocesano de Tui.
-Libro de  contas de fábrica da parroquia de San Miguel de Oia(1730-1842)
-Libro de difuntos da parroquia de San Miguel de Oia(1781-1837)
Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra.
-Catastro de Ensenada. San Miguel de Oia. 1752. Personal de legos,  Personal de eclesiásticos, Real de eclesiásticos.  Estados.
Arquivo Xeral de Simancas. Valladolid.
-Catastro de Ensenada. San Miguel de Oia. 1752. Respuestas Generales.

Fontes bibliográficas:
-La construcción de cementerios extramuros. Un aspecto de la lucha contra la   mortalidad en el antiguo régimen. José Luis Santoja. Revista de historia moderna, nº 17. 1998-1999.
- A vida cotiá en Galicia de 1550-1850. Pegerto Saavedra. Universidade de Santiago. 1992.