O barrio de Canido é
hoxe en día un espazo residencial, que coñeceu distintas formas habitacionais ao
longo da historia determinados pola súa situación na beiraría e o
aproveitamento dos recursos mariños, testemuñados
os mais antigos no castro da Illa de Toralla e a Villa
Romana da finca Mirambell (ver neste blog:
Patrimonio castrexo e romano da parroquia de Oia).
Descoñecemos a actividade económica deste barrio
durante a idade media e moderna, a finais desta, no século XVIII atopamos determinadas denominacións na toponimia que perduraron ata a actualidade, como
Sobreira, Barxa de Oia, Xunqueiro, Canido, Breña e Toralla, espazos adicados
naquel tempo a usos agrarios como o cultivo de millo, trigo e centeo. As fontes arquivísticas non mencionan ningún tipo de uso habitacional
nin artesanal, sendo os espazos
habitados da parroquia de Oia máis próximos o mar os barrios de Rozo, Oia, Mide e Rochas.
Polos datos que nos
achega o Catastro de Ensenada(1752) a parroquia de Oia tiña naquel momento
histórico unha escasa actividade mariñeira, tan so se recolle a existencia de tres dornas
adicadas a pesca. Eran os seus propietarios o veciño de Toucido Francisco Balverde que explotaba “a medias” unha dorna de dez quintales con Gerónimo
Alvarez de Verdella, unha segunda dorna tamén explotada en aparcería da que era
medio propietario o veciño do barrio da Poza, Francisco de San Román, e
por último, a terceira con un único propietario
figura a nome de Pascual
Balverde do lugar de Aldea.
Praia de Canido antes da construción do actual porto. Vida Gallega. 1933. |
Coa información de que dispoñemos
a día de hoxe, podemos establecer que o despertar mariñeiro da parroquia de Oia e o
nacemento do barrio de Canido viu dado
da instalación dos salgadores cataláns na primeira metada do século XIX (ver
neste blog: O Canido da Conserva: da salgadura a lata hermética) que semella xenerou unha actividade mariñeira para atender a
demanda de peixe desta industria. Os
fomentadores-salgadores eran tamén armadores e foron os responsables do
incremento da frota xeiteira para garantir o abastecemento de sardiña das súas factorías.
A actividade da salgadura estivo, polo tanto, asociada as lanchas do xeito, así
chamadas pola utilización desta arte de pesca.
A finais do XIX chegan
as rías as traíñas procedentes do Cantábrico e con elas a arte do cerco-xareta,
con non poucas protestas dos mariñeiros do xeito. Levaban tripulacións de ata
24 homes e multiplicaron o volumen de
capturas, dando satisfación a demanda que xeneraban as nacentes industrias
conserveiras.
Durante as primeiras décadas do século
XX, asistimos a novas transformacións no mundo da pesca coa introdución de métodos de
extracción industriais facilitada pola
motorización das embarcacións,
primeiro a vapor e a partir dos anos vinte cos motores de explosión, que
se desenvolveron da man da industria conserveira e do aumento do consumo urbano
de peixe fresco, alentado pola mellora das comunicacións coa meseta por medio do
ferrocarril. Momento no que a Praia de Canido foi testemuña da aparición dun novo tipo de embarcación, as motoras
da sardiña, que conviviron coas tradicionais gamelas e
lanchas do xeito.
Lanchas do xeito. |
A arte do xeito era unha rede de deriva, coa que se faenaba no entorno da boca da ría,
colocandoa por diante do banco da sardiña e segundo fosen as correntes. Largabase
todo o aparello quedando amarrada
a popa por un chicote. Como a sardiña navega entre augas, a rede do xeito leva uns boureles que permiten situala a
distinta profundidade. Para saber a que brazas
da superficie camiña a sardiña os mariñeiros observaban as aves, sobre todos os mascatos(Sula bassana), que seguen co seu voo o
devir dos bancos e lanzanse en picado a procura de peixe, segundo sexa a altura
dende onde se deixan cair, tanto igual vai a sardiña entre augas. As lanchas do
xeito realizaban dous lances, o asexo
a primeira hora da noite a a alborada,
antes da abrir o día, porque é cando os reflexos do sol na auga fan menos
visible a rede, de maneira que o peixe
queda enganchado na malla cando intenta atravesala. Despois dun tempo prudencial que podía ser unha
ou duas horas, ou cando apreciaban que o aparello fundíase polo peso do peixe
iniciábase a recollida da rede pola popa
da embarcación.
Debuxo. Elementos da arte do xeito e esquema dunha largadura. |
As lanchas
do xeito eran de maior tamaño cas
gamelas e podían levar dous, tres ou máis homes a bordo, utilizaban vela e
remos. O último xeiteiro de Canido do
que temos constancia foi Francisco Piñeiro González. Nado en
1879 no barrio de Seara en Moaña,
mariñeiro dende neno, acostumaba a vender a sardiña as conserveiras de Canido,
quedándose a durmir moitas ocasións
en alboios que lle deixaban os
vecinos de Oia, os que lle trocaba pan de millo
por sardiñas, ata que acordou instalarse a vivir coa súa familia no barrio da Senra. Casou con María Pombal coa que tivo oito fillos, algún deles mariñeiro de prestixio como
“Chuco”, coñecidos na parroquia co alcume de os “Moaña”.
Debuxo. Lancha do xeito. |
Pero a embarcación característica da pesca da
sardiña na primeira metade do século XX foron as motoras, que evolucionaron
dende as tradicionais traíñas ás que se lle incorporou un motor mecánico ata
barcos de maior embergadura e con cabina, das que Canido contaba con unha flota de
alomenos seis embarcacións adicados a este tipo de pesca, levaban tripulacións de
12-18 homes e utilizaban a arte do cerco-xareta, co que se rodea o banco de
peixe mediante unha rápida manobra. Aparello utilizado polos barcos do caldeo,
denominación coa que se coñecia a pesca da
sardiña durante o día, na que se utilizaba como cebo a raba do bacalao importada de
Noruega ou bragada de pescada salgada que se esparcía pola superficie mezclada
con salvado de millo para atraer os bancos de sardiña, tarefa coñecida como engadar.
Motoras e gamelas de Canido trasladando xente a illa de Toralla. Vida Gallega 1927. |
Unha
vez descuberto o banco de peixe os
mariñeiros saltan a gamela auxiliar situada xeralmente a popa e tomando
un extremo do aparello iban largando a rede en forma circular hasta alcanzar o outro extremo, manobra que require certa rapidez para que o
peixe quede cercado antes de fuxir. Unha vez completado o cercado do peixe os mariñeiros tiran da
xareta para pechar por abaixo, en
ocasións utilizábase a dinamita ou o carburo para evitar que o peixe fuxira.
Daniel Rodríguez Valverde, Lucho,
veciño do
lugar do Bouzo de San Miguel de Oia, nado en 1925, que
aprendeu o oficio de mariñeiro nas motoras do caldeo de Canido para despois
traballar en distintos caladoiros. Supervivente de dous naufraxios, describenos
as tarefas propias do caldeo :
[…] o caldeo era de
día, comprabase antes a
bragada da merluza e salabase, e despois con un cuchilo picabase mui ben picadiña e ibase po mar, o barco e mais a
chalana, a remolque ou a bordo. Cando se chegaba o sitio donde mais ou
menos lle parecía o patrón , si se miraba o
peixe, porque o peixe aínda que non se mire fai como unha sombra no mar, si fai bo tempo enton sube parriba e anda abollado. Entonces cando se miraba eso, parabase, botabase a gamela
o mar, chamabanlle a chalupa ou a chalana,
levabase un saco de salvado do
millo e mais a bragada ben picadiña. Entonses o mirar onde estaba a sardiña parabase,
un estaba engadando e o outro, o que estaba a
remos marcabache mais ou menos onde esta o peixe. Pero claro, o pèixe o millor marchaba pa
outro lado, entonces había que ir indo con él, cando se miraba que o peixe estaba todo xunto viña o
barco, largaba a rede con unha bolla no extremo, unha vez cercado o peixe, e o coller a
bolla,! veña!, mete, aparello a bordo. Había unhas cordas por
baixo que pasaban por unhas anillas(xareta) e iban cerrando e xa traías o peixe parriba. Entonses
despòis había uns ganapáns grandes e collias o peixe dali, e ! veña! pa bordo, porque antes todo era
a man, non había maquinilla nin nada, todo había que meter
a man. Primeiramente metíase nas caixas
que había poucas, e
despois pa uns compartimentos pa
botar alí, e na popa tamén, o puente mais ou menos iba
no medio, no puente iba solo o que levaba o
barco, non tiña cuberta nin nada, o resto ibamos metidos
abaixo. Chamabamoslle “o caldeo” […]o caldeo sempre foi dentro da ría,
desde cabo de mar hasta a ghoeira sempre se andaba por ahí […]
As
motoras do caldeo faenaban
preferentemento a primeira hora da maña e e a última hora do día que eran os momentos
en que se realizaban as mellores capturas. Polo mediodía eran moitos os barcos
doutros portos da ría que se achegaban a
praia de Canido, vendían as capturas da maña directamente as fábricas, sen pasar pola lonxa e fondeaban o barco, quedando
as tripulacións a xantar nos bares da praia como o da
familia Riera, e incluso subían hasta as
tabernas do Rozo como a de Plácido Dios ou a de
Pepe ”Bagullo” no Cruceiro,
creandose un peculiar ambente mariñeiro onde se mesturaban os tripulantes das
motoras coas mozas das conserveiras nos
momentos que saían das fábricas para xantar ou descansar. A media tarde as tripulacións das motoras voltaban de novo para a boca da ría onde
completaban a xornada para despois dirixirse a lonxa do porto de Vigo.
Debuxo. Dúas variantes do cerco de xareta. |
Debuxo. Manobras de cercar o peixe auxiliados dunha gamela e cobrar o aparello do cerco. |
Tanto
os barcos do caldeo como os da ardora tiñan a obriga de
vender a sardiña a lonxa do Berbés,
desembarcaban unhas poucas de caixas, a modo de mostra para que os compradores, os industriais
conserveiros, apreciaran a calidade das
capturas, a venda facíase por
embarcación completa, aínda que en ocasións obrigabanos a deixar algunhas
caixas para as peixeiras que abastecían o mercado local. Unha vez realizada a subasta os barcos estaban obrigados a levar a pesca as fábricas.
A partir de 1937 e por petición dos industriais
conserveiros Floro González Sieiro e
Guillermo Curvera Solleiro permitese aos
conserveiros de Canido comprar o peixe directamente aos barcos sin pasar
pola lonxa do Berbés, comprometendose estes a cobrar aos patróns os arbritrios
municipais do dous e medio por cento que
gravaban a pesca e ingresalo na depositaria municial. Esta práctica, autorizada
en plena Guerra civil, xa se facía con
anterioridade, semella que de xeito ilegal. As
motoras aproveitaban a proximidade coa boca da ría do porto de Canido para vender directamente os
conserveiros, voltando co barco baleiro para realizar novos lances.
Ademais, un dos conserveiros, Floro González
dispuña dunha embarcación a motor coa que saía ao encontro dos barcos acordando cos patróns o prezo do peixe, estes aforraban o desprazamento hasta Vigo, vendían
en Canido e seguían faenando, Eugenia
Comesaña Alonso, nada en 1920, natural
de Priegue e veciña de Loureiro, Oia, traballou
na fábrica de Puntapinos dende os once anos, recorda :
[…] neses
barcos andaba o meu home, a pescar a sardiña ahí, que iban a mañan e viñan as doce, marchaban ahí polas duas e viñan as cinco. Entón había peixe, pescaban das Cies paquí, mirabamalos nos desde
as fábricas .- ahí os veñen[…].- que
ese barco entra, pois xa o mirabamos
virar […] e ven paca[…] ao millor traian catro ou cinco caixóns[…] xa viñan a fábrica a vender o peixe[…] traian aquel peixiño, !madre mia! […] porque na fábrica había unha
lancha[…] con esa lancha iban ahí a
boca, porque despois de estar en Vigo os barcos non lle querian vir paqui pola
entrada que había, entón a lancha estaba xa no medio do mar, ahí na boca, estaba con unha bandeira
[…] en Vigo pagana a tanto, .-¿e vos como pagades?.
-nos pagamola a tanto, e se lle conviña
enton xa entraba[…]
Unha
vez no antigo peirao de Canido, dotado
tan so de unha pequena rampa, e sempre que a marea o permitise, realizabase a descarga do peixe, facíase en
caixóns, con un tamaño estandarizado
para toda a ría, cunha capacidade de
0,55 metros cúbicos, colgado dun pau o simbalé que apoiado nos ombreiros de dous mariñeiros era levado ata a fábrica de conservas
onde se depositaba nas mesas de salgado.
Mariñeiros cargando un caixón de sardiña colgado do simbalé. |
Diariamente
concentrabanse dende a maña as peixeiras
de Coruxo, Oia e parroquias lindeiras xunto a algún rapaz a espera da chegada
dos barcos cargados de peixe para as fábricas,
aos que lle mercaban algunha patela, cubrían o peixe cun anaco de saco húmedo
ou unha verza fresca e cargabana na cabeza para percorrer os barrios e lugares
das parroquias ofrecendo esta mercaduría.
Os nenos recollían o peixe que caia dos caixóns
durante o transporte ou o que lle daban os mariñeiros. Leonides E. Vila Alborés veciña de Gontade, Oia onde
naceu en 1919, traballou dende os 11
anos nas conserveiras de Canido, recorda :
[…] daquela
vivía muita xente do peixiño, muita xente, cantas familias,
estaban alí as pescantinas con aquelas patelas, a esperar os barcos, paque lle deran un caixón de sardiña entre eu
e ti, e iban a vendela polas parroquias.
Os rapaces iban cando chegaban as
motoras, cando viñan eses barcos grandes, e traían a cuarenta e a cincuenta
cestas de sardiña, entón enchían aqueles caixóns para levar pa fábrica, e os homes ao
andar pola rampa caíalle algunha sardiña, como un iba arriba e outro abaixo
sempre caía algunha e os rapaces
collíana, os rapasiños xa empesaban a traballar, e cando collían muitas, pois
vendían algunha e tamén levaban pa casa […]
As
motoras da sardiña eran propiedade de patróns e armadores, veciños da parroquía residentes a
mairoría en Canido, que formaban sociedades mercantis para a súa explotación, Birollo, Lorecho, Rosendo Durán, Basilio Durán González, Francisco
Durán Pérez, Ricardo
Iglesias Otero, Enrique Durán, Clemente, José Hermida.
Motoras no porto de Canido. Data estimada 1936. |
As
motoras do caldeo podían ser pequenas, sen cabina e con un máximo de vinte tripulantes, as grandes, con cabina
chegaban a levar 30-40 homes a bordo. Os mariñeiros das motoras da
sardiña eran asalariados que cobraban un
xornal que podía oscilar entre 1,50 e 3,50
pesetas díarias ademáis de outras cantidades, as partillas, resultantes de partir co armador o beneficio
libre de gastos, polo que nos anos trinta un
mariñeiro asalariado nas motoras da sardiña podía obter un salario de 4-8
pesetas diarias.
Dende
finais do século XIX coa introdución da arte do cerco iniciase a utilización de
explosivos na pesca da sardiña, inicialmente ante a ausencia de medios
mecánicos e a lentitude do proceso de pechar o banco co aparello utilizábase
como xeito de adormecer o peixe e evitar a
fuga deste, co paso do tempo converteuse nunha práctica depredadora. Os pistóns podían ser botellas de gaseosa cheas de carburo ou dinamita.
Alvaro González Costas
veciño do barrio de Matoca en Oia e mariñeiro de mozo nas motoras da sardiña de Canido, recorda un grave accidente polo uso da dinamita no que
un mariñeiro perdeu unha man :
[…]no barco no que andaba antes de ir ao servicio militar un mariñeiro perdeu unha man porque entonces
daquela empezaban a pescar con dinamita, porque a sardiña non se queda quieta, sempre busca de salir, e ti vaslle cortando a salida. Levabamos un pirotécnico que era de San Andrés e se encargaba de levar a
dinamita, porque andaban moi encima delo.
Esa noite non estaba o patrón de noite estaba o dueño do barco, entonces
vas navegando mirando si hai filón de peixe, tratas de cortarlle a salida, de
paralos, a dinamita ten que levar unha
pedra pa que explote abaixo. Serían as tres da maña e andabamos cerca das Illas
Cies pola parte do norte, nunha zona conocida como os Viduios. Entonces
cando tiña que tirar a dinamita, tiña unha mecha falsa, que non lle funcionou
ben e explotoulle na man, e volvemos pa
terra. Foron a buscar ao fillo de Don
Floro o conserveiro, chamado Julian,
porque esa xente eran empresarios e tiñan roce entre uns e outros e foron xunto
ao doctor Troncoso. Levantarono da cama,
e Troncoso dixo que había que cortar a man porque estaba albarada e se lle
mandaban enseñala descubríase todo, así que, lle cortaron a man[…]
As motoras de Canido ao rematar a xornada
retiraban as redes do barco, e levabanas ao lombo dos mariñeiros ata a praia de
Canido ou en carro ata a do Vao onde as extendían a secar. Antes da chegada do
nailon as redes elaborabanse con fibras
pouco resistentes a podremia como cáñamo
ou algodón, polo que tiñan que ser cocidas en grandes caldeiras con
determinados productos químicos e secadas o aire con regularidade. Os
mariñeiros vestían pesadas roupas de augas impregnadas con grasa
de porco ou con aceite de figado de
bacalao para impermeabilizalas. Daniel Rodríguez
Valverde, Lucho :
[…] entonses levabase o aparello con un carro o Vao, e no Vao botabamos a
secar, tiradas alí […] e si tiña algo roto en algún
sitio arreglabase, despois a tarde xa se desía,
a tal hora coller o aparello e metelo a bordo e despois xa salir o mar […]
Cargando redes para levar a secar. |
As motoras da sardiña tamén faenaban pola noite, a ardora, en referencia a fosforescencia que producen os bancos de
peixe na oscuridade. En lugar de cebo
utilizaban unha pedra, o pandullo, para
detectar os bancos de peixe, tal e como
nos describe Daniel
Rodríguez Valverde, Lucho:
[…] cando nos ibamos a ardora de noite, había unha
pedra ben redonda tiña así un rebaixe pa meterlle un cabo, chamabamoslle o pandullo. Entonses iba andando o barco pouco a pouco, non sabes, e de vez en
cando collías aquel pandullo, !purrun! e tirabalo o mar, e
si había
peixe moviase e
mirabase. Entonses
xa !veña! prepara, listos, uns barcos levaban unha chalana outros no, largabase unha bolla de corcho e o
aparello e fasíase o cerco e collías a bolla outra ves,
o ir tirando fasía como un saco, daquela todo era a man[…]
O traballo de pesca intensiva nas motoras da sardiña era penoso e moi perigoso, os barcos
estaban pensados para albergar aparellos
de grandes dimensións e a pesca capturada, pero non as persoas. Ademais, a falla de
dispositivos mecánicos de virada
facía que se precisaran de moitos brazos
a bordo, realizando o traballo nunhas
condicións espartanas onde eran
frecuentes os accidentes con
consecuencias dramáticas.
O
caldeo deixou de practicarse a mediados de século para impoñerse a ardora e as
lanchas do xeito desapareceron das
praias e peiraos das rías por non
adaptarse a motorización.
Fontes orais:
Alvaro González Costas. Rúa Lalín. Vigo.
Leonides E. Vila Alborés. Gontade. Oia.
Daniel Rodríguez Valverde. O Bouzo. Oia.
Eugenia Comesaña Alonso. Loureiro. Oia.
Julia Sanjuán Roman. Cruceiro. Oia.
Alejandro Piñeiro. Os Liñares. Oia.
Fontes arquivísticas:
Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra. Catastro de Ensenada.
Arquivo Concello de Vigo.
Fontes documentais:
As artes de pesca. Cuaderno do Museo do Pobo Galego. Santiago. 1980.
A última lancha xeiteira. Museo Massó. Bueu. 2011.
Fontes orais:
Alvaro González Costas. Rúa Lalín. Vigo.
Leonides E. Vila Alborés. Gontade. Oia.
Daniel Rodríguez Valverde. O Bouzo. Oia.
Eugenia Comesaña Alonso. Loureiro. Oia.
Julia Sanjuán Roman. Cruceiro. Oia.
Alejandro Piñeiro. Os Liñares. Oia.
Fontes arquivísticas:
Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra. Catastro de Ensenada.
Arquivo Concello de Vigo.
Fontes documentais:
As artes de pesca. Cuaderno do Museo do Pobo Galego. Santiago. 1980.
A última lancha xeiteira. Museo Massó. Bueu. 2011.