Memoria de Oia pretende ser un instrumento para recoller e difundir a microhistoria e a cultura popular desta parroquia, a vez que defender e poñer en valor o seu patrimonio arqueolóxico, etnográfico e natural. Unha fiestra aberta a participación daqueles que teñan algo que contar e compartir, microrelatos, documentos, contos, fotografías ou historias anónimas que quedaron arrombadas nos faiados ou na memoria dos nosos avós.

domingo, 14 de decembro de 2014

Patrimonio castrexo e romano na parroquia de Oia


Durante o espazo temporal comprendido entre os  séculos VI a.C  e o V d.C. a beiramar da actual parroquia de Oia  foi o emprazamento  escollido por  castrexos primeiro  e romanos  despois para localizar os seus asentamentos,  onde desenvolveron   distintas formas de aproveitamento do entorno  como o marisqueo, a pesca, a produción de sal e certa actividade  comercial,  dos que quedou testemuño nos  restos arqueolóxicos que aquí se describen. 

Pezas  atopadas na tumbas da necrópole tardoromana de Toralla. 1913.

Na  conservación aplicada sobre estes  xacementos atopamos contrastes  evidentes, mentres a villa romana de Toralla-Mirambell se atopa  escavada, estudada e musealizada para uso e disfrute da cidadanía,  o castro, a necrópole de Toralla e a villa de praia Sobreira  practicamente desapareceron baixo  a devastación das excavadoras e o imperio do cemento, para que uns privilexiados disfruten  dunhas excelentes vistas sobre a ría, ou dispoñan dunha “imprescindible” piscina.  Unha mostra máis  da pouca  valoración social e gobernativa co patrimonio histórico.

Con todo, estes  xacementos  eran ben  coñecidos dende décadas atrás. Cando en 1913 se descubre de xeito fortuíto  a necrópole tardoromana da illa de Toralla xa se coñecía a existencia do castro. Poucos anos  máis tarde a familia Mirambell desenterrou partes da   villa romana.  Descubrimentos que tiveron a súa repercursión nos medios de comunicación da época, nos que  se recoñecia a importancia destes xacementos. Na revista Vida Gallega do  19 de novembro de 1913 recollese a visita do crego e  catedrático de arqueoloxía  Eladio Gallego Arce invitado por Martín Echegaray tralo descubrimento das primeiras tumbas na illa de Toralla. 

Eladio Gallego Arce e outros historiadores observando unha das tumbas de Toralla. 1913.

Anos máis tarde,  despois de realizar as primeiras excavacións  na finca  de Mirambell  o diario madrileño ABC do 14 de febreiro de 1929  faise eco destes  xacementos arqueolóxicos  cando outro prestixioso arqueólogo da Universidade Central de Madrid  achegouse ata  Vigo para visitalos:
 
[…] Ha regresado  a Madrid el profesor D. Higo Obermaier, que vino para visitar el descubrimiento de la Citania, realizado en Monte Castro […] también visitó el Sr. Obermaier la  finca Villamar, propiedad de D. Tomás Mirambell, donde se han descubierto varias casas romanas, hallándose ademas, monedas, aderezos de vidrio y utensilios de aquella época. Una de dichas  casas se compone de  varios salones en excelente estado de conservación[…] Lamentó el profesor Obermaier el no poder visitar la isla de Toralla, propiedad de D. Martín Echegaray, donde existen importantes  descubrimientos arqueológicos[…]


      •       O mundo castrexo (s. VII a.C. – I d.C.)
Cando no século  VII chega o ferro as poboacións indíxenas do noroeste peninsular, traído polos comerciantes procedentes das culturas do mediterraneo, producese nos castros o fenómeno denominado  “petrificación”  consistente en construir  en pedra as vivendas que ata entonces se facían de madeira e outros materiais perecedoiros. As  novas construcións manteñen a planta  circular propia das chozas anteriores pero a disponibilidade de útiles de ferro máis resistentes  que o bronce  utilizado ata entón permitelle labrar a pedra e edificar unhas vivendas de mellor calidade, manteñendo a cuberta vexetal que se viña utilizando. A esta época corresponden  numerosos pequenos castros que salpican a nosa xeografía entre eles o da illa de Toralla. 

A vida nos castros estaba determinada polo entorno onde se ubicaban,  do  que dependían as  actividades de subsistencia dos seus moradores(agricultura, ganderia, pesca, caza, recolección) que mesturaban con actividades artesanais(metalurxia, tecido, cerámica). Nos castros da costa como o da illa de Toralla tiña gran importancia o marisqueo( mexilón, croque, ameixa, lapas) e a pesca, para o que utilizaban anzois e redes, tamén criaban animáis como ovellas, vacas, porcos e galiñas. Practicaban a caza de especies como o coello, raposo e o  xabarín. Cultivaban millo miúdo que moían nos  muiños naviculares sustituidos polos circulares coa chegada da romanización. Elaboraban recipientes de cerámica para usar na cociña pendurados sobre o lume. Tecían roupa  de liño e de la para o que usaban fusos e teares,  e adornabanse  con colares,  colgantes, agullas, broches para o pelo e as fíbulas para suxetar a  roupa o xeito dos imprendibles actuais. Un dos aspectos menos coñecido desta cultura son os seus ritos funerarios pola ausencia de restos que os documenten.

Os  pequenos castros como o de Toralla estiveron habitados ata o século  I d.C., mantendose  como centros de habitación e actividade nos primeiros momentos da romanización. Foron abandonados para establecer novas formas de asentamento en pequenos núcleos  vencellados a  explotación agraria, mineira e  pesqueira desenvolvidas polos romanos  e  que sería en algúns casos a  orixe de moitas poboacións.

Foi polo tanto  o mundo castrexo resultado dunha evolución das comunidades indíxenas galaicas que se veu favorecido  polos intercambios comercias co mundo mediterraneo, sobre todo polo comercio dos metáis.


      •       O castro da  illa de Toralla.
Cando no verán de  1913  o arqueólogo Eladio Gallego Arce visitou a illa de Toralla invitado pola familia Echegaray para estudar as  tumbas  da necrópoli recen descubertas achegouse ata o promontorio castrexo da illa,   pensaba  o catedrático de Noia que o realmente  importante era este poblado castrexo que estaba por estudar: 

[…] No esta en las tumbas eclécticas  el prodigio de Toralla. Está en su magnífico castro[…]

Gallego Arce creía que o castro de Toralla estaba coronado con unha gran mámoa que agochaba un gran dolmen enterrado.

Illa de Toralla   co promontorio do castro a esquerda. Data estimada 1930.

As primeiras excavacións realizounas  José María Álvarez Blázquez en 1970, nas que desenterrou  unha  vivenda e recolleu numeroso material arqueolóxico que  pasou a formar parte dos fondos do Museo  de Castrelos.  Despois desta data iniciase a urbanización da illa na que non se respetou   o patrimonio  nela soterrado.  Na década  dos oitenta realizase unha nova excavación na que se descubren niveis máis antigos que os descubertos por Álvarez Blázquez e de novo nos anos noventa ten lugar a excavación “express” nun solar propiedade de Joaquín Arbones-Davila Mondina, próximo o mar, situado na zona norte do castro na parte baixa. Resultado das  cuadrículas excavadas atoparonse 5 muros de pedra e tres fogares xunto a outro material arqueolóxico, datando  ás oríxes deste castro entre os século VII-V a.C. baseandose nos materiais de importación atopados, sendo, polo tanto, un dos máis antigos do término municipal de Vigo.

Vivendas escavadas no castro de Toralla nos anos noventa.
 
Os muros correspondían a vivendas, unha delas de de 6,5 metros de diámetro, no interior  conservabase o  burato do poste que sostiña o cumio do tellado, noutra vivenda apareceu un fogar, delimitado por pequenas pedras  fincadas de barro roxizo e de forma semicircular, xunto a pavimento de cor amárelo. Esta mesma vivenda serviu de cimentación para outra posterior. Os materiais arqueolóxicos atopados estaban formados por  cerámica indíxena, fabricada a man ou en torno lento, cerámica importada, púnica e do centro ou sur da península e ánforas romanas. Tamén apareceron obxetos de bronce, como unha moeda púnica, impresa en Malaca (Málaga), diversos tipos de fíbulas, tres colgantes acampanados e  un pequeno anzo de bronce e dous aros ou contas de reducidas dimensións, unha conta de collar ou  de pulsera de vidro, tamén pequenos muiños naviculares e  unha machada pulimentada.

Ceramica indíxena. Castro de Toralla.

A día de hoxe este castro,  o único dentro do marco xeográfico da parroquia de Oia,  permanece  baixo luxosas construcións residencias. As distintas excavacións realizadas  antes da edificación das vivendas identifican  dous niveis de ocupación, un pertencente o período galaíco,  que abarcaría os séculos V-III a.C. o que pertencería  a cerámica indíxena, xunto a de engobe vermello e os colgantes e as cerámicas púnicas,  que nos indican  unhas relacións comerciais co sur da península ibérica  seguindo as rutas de navegación de épocas anteriores.   O segundo nivel de ocupación  comprendería   entre o século II a.C. e I d.C. cando tivo lugar a romanización para despois  ser  abandonado de forma pacífica.

      •       A romanización (s. II a.c – VI d.C)
Iníciase en  Galicia  no ano 137 a.C.  cando as tropas de Décimo Xuño Bruto chegan  ata o Miño despois  da conquista de Lusitania,  anos máis  tarde no 96-94 a.C.  unha nova expedición mandada por Publio Craso  descubre a riqueza mineral do noroeste e sería  Xulio César no ano 60 a.C.   quen se achega o noroeste peninsular para iniciar a explotación dos recursos minerais, pero será con Octavio Augusto,  entre o 29 e 19 a.C cando se consolide a ocupación. As lexións romanas  apenas atoparon resistencia  dos  pobos castrexos  cos que viñan comerciando dende anos atrás e que se integraron na nova estrutura política establecida polos conquistadores.  Producíndose un proceso de culturación entre os dous pobos, romanos e castrexos onde  cada un deles asimilou elementos da cultura do outro.

A  verdadeira romanización producese a partir de mediados do xéculo I d.C.  co abandono dos castros   nos que convivirán durante último século  as dúas culturas para establecer  novos centros de poboación e  coa construción  das  grandes vías para controlar militarmente  e artellar o territorio. Paralelamente introducense novas formas de produción agraria e industrial como  a salgadura de peixe,  a vez que se explotan os recursos minerais (ouro, chumbo, estaño, ferro, cobre…). A cerámica desta época caracterizase pola abundancia de ánforas utilizadas para o transporte de viño do sur da península  e  vaixela  para a cociña. Tamén aparecen  obxetos de vidro, importados primeiramente e de produción local despois. Coa romanización tamen chegan novos ritos funerarios, os mortos enterrabanse en cemiterios (necrópoles) acompañado de algún tipo de axuar  formados por  vasos  ou colares a vez que se realizaban  uns rituais para que o finado tivera un bo pasamento. Tamén  trouxeron novas formas de construción, como os  muros rectos, enlazados entre si mediante angulos de 90 grados e a cuberta con tella (tégula), a utilización de ladrillo de barro cocido, de canalizacións, pontes, etc.

Tégulas(tellas) romanas atopadas na necrópole de Toralla


      •        A villa romana de Toralla.

Cos ventos da crise do século III o mundo romano  empeza a mudar, consecuencia destes cambios xurde un novo tipo de  asentamento residencial asociado  a unha actividade económica, son  as villas (villae). Nas zonas rurais dedicanse a  explotación agraria e gandeira, na costa,   como o caso da de Toralla,  a explotación da pesca e a sal.  Nas villas era inseparable   o concepto de residencia  e factoría, un espazo económico dedicado a  explotación do medio circundante, pesca e sal, probablemente para a exportación a outras zonas do imperio. Produto deste comercio sería o luxo  que  se aprecia nos restos arqueolóxicos atopados.  Mesturábanse as construcións dedicadas a  vivenda do dono e da servidume  coas propias da actividade extractiva. As villas aparecen salpicando a costa de Vigo,  Sobreira, Toralla, Alcabre, Teis,  favorecidas pola riqueza pesqueira, a dispoñibilidade de sal e as boas  condicións comerciais a carón do mar dentro da ría.

Villa romana de Toralla na actualidade
  
Na década de 1920  a familia Mirambell, arrendataria da promontorio  situado entre a praia do Vao e a de Canido, coñecido co topónimo “Toralla” no que habían levantado na década de 1880 a fábrica dedicada a produción de fíos e cordas e unha residencia de verán descubriu os restos dunhas construcións a poucos metros do río que separa as parroquias de Oia e Coruxo e realizaron as primeiras excavacións. Décadas máis tarde, cando o concello de Vigo recuperou a titularidade da finca para uso público tras un largo contencioso coa familia Mirambell,  realizanse os primeiros sondeos arqueolóxicos para delimitar o xacemento, corría o ano 1992. Saíron a luz  unha estrutura de planta rectangular  de 20,5 x 17,3 metros dividida en varios  compartimentos ou estancias, tamen recolleron importante material arqueolóxico, moedas, azabache e cerámica. Sucedendose en anos posteriores a excavación do que podemos visitar na actualidade.

Figuración da villa romana de Toralla

A villa  de Toralla é  un exemplo de villa costeira,  estivo habitada entre o 300 e o 450 d.C.  durante o denominado período tardoromano. Distínguense distintos usos,  a Pars urbana ou residencia do dominus(propietario ou dono), probablemente de planta baixa con un corredor e varias dependencias e a Pars rústica, construcións dedicadas a almacéns e actividades  produtivas como as salinas.

Plano da villa romana de Toralla na actualidade
 
Dispuña dunhas termas con unha sala quente  e outra  fría. Conserva en excelente estado o   hipocausto,  espazo baleiro  baixo as dependencias residenciais  de uns 70 cms de alto, que tiña por utilidade  a de ser unha calefacción subterránea, similar a un chan radiante da actualidade, que se quentaba mediante un forno situado nun extremo. A salina  estaba formada por varios tanques, cinco descubertos ata de agora,  de forma rectangular  de 7 metros de ancho por unha lonxitude descoñecida que se debía extender ata o antiguo rego do Vao e ata o mar. Tamén se descubriron fragmentos de mosaicos decorados con motivos vexetais e xeométricos, exemplo do luxo e a calidade de vida das elites dominantes daquel tempo.

A mediados do século V a villa quedou abandonada,  probablemente as dunas fixeron imposible o  mantemento das salinas e a edificación foi expoliada, utilizando a pedra para outras construcións no entorno, co tempo a area cubriuna por completo ata o seu descubremento pola familia Mirambell.

      • A villa romana de praia Sobreira.
Situada nesta praia da parroquia de Oia, totalmente destruída pola construción dunha vivenda unifamiliar. Cando se realizou a cimentación desta  e as obras de explanación descubrironse restos de muros de sillería, parte de un pavimento de opus signinum e recolleronse diversos ladrillos, tégulas,  terra sigilata hispánica, cerámica pintada de motivos xeométricos e cerámica de paredes finas, tégulas e ladrillos que  datan este xacemento arredor dos séculos III-IV d.C. Os materiais cerámicos foron enviados o museo de Pontevedra e os restos construtivos destruídos  para a  construción dunha piscina.

Restos de pavimento "opus signinum" da villa romana de praia Sobreira
Muro de sillería da villa romana de praia Sobreira

      •      A necrópole tardoromana da illa de  Toralla.
Descuberta de xeito  fortuito   no verán de 1913  cando se realizaban labores de construción ao pe de  Villa Gioja, residencia de verán  da familia Echegaray, levantada sobre a  antigua fábrica de salgadura e escabeche.  A información periodística da época sinala a aparición de tumbas trapezoidales, con paredes, fondo e cuberta de  laxas de granito e pizarra, coa cabeceira orientada ao norte. As medidas das sepulturas eran: ancho a altura da cabeza,  45 cm.  ancho  nos pes, 25 cm. e 1,95 cm. de largo. Apareceron tres niveis de tumbas,  estando vacias as superiores, realizándose os maiores achados no terceiro nivel,  estiletes, arracadas, xunto a moedas romanas, aneis, un pendente, contas de barro e varias fíbulas de bronce.

Vista aérea da illa de Toralla con villa Gioja a carón da praia de Area Grande. Data estimada 1930.

Nesta necrópole  atopouse unha importante peza, un  estilo, stilus,  instrumento  de escritura romano, un tipo de punzón do tamaño dun lápiz utilizado para escribir sobre unha   tabliña de madeira cuberta con unha fina capa de cera de abella, tábula celata. Podían ser de ferro, oso, marfil, plata, neste caso é de bronce, pesa 43 gramos e mide 184 milímetros de largo, foi atopada dentro dunha tumba  a altura dos osos da pelvis que aínda se conservaban. Ata non fai moitos anos era propiedade dos descendentes de Echegaray residentes na Arxentina. 

Recreación de tábula celata  e stilus

O arqueólogo Eladio Gallego Arce tomando notas durante
 a visita a  necrópole  de Toralla. 1913

Son  poucos os  datos de que se dispón sobre esta  necrópole, coincide cronoloxicamente coa villa situada na costa,  que probablemente utilizaron  os seus moradores como lugar de enterramento. Estaría situada  no espazo central da illa, cercano o edificio torre actual. Descoñecemos se foi vítima das excavadoras ou permanece soterrada a espera dun estudo e valoración arqueolóxica.



Fontes documentais e fotos :

Revista Vida Gallega.Novembro. 1913.
Diario ABC.14.02.1929.
Castrelos nº 3-4 (1993).
Castrelos nº  9-10(1996-1997).
Castrelos  nº 13 (2007).
http://arqueovigo.blogspot.com.es.
http://vigoarqueologico.blogspot.com.es.
Tríptico Toralla Villa Romana. Concello de Vigo.
Guía sala de arqueoloxía Museo Municipal Quiñones de León.