A día de hoxe descoñecemos da existencia de gaiteiros no San Miguel de
Oia (en diante Oia) anterior a 1900. As nosas investigacións non chegan máis aló
do primeiro cuarto do século XX. E como acontece con outros lugares da bisbarra
de Vigo, en Oia, en cuestión de intérpretes de música tradicional galega, danse
dous momentos históricos na formación de agrupamentos: un a partir dos anos
1920 e outro na década dos 1950. No caso que nos ocupa falaremos dos Catro Irmáns
Toralla, coñecidos popularmente como Os Pirrallos pertencentes ao primeiro
momento e dos Galiños de Oia ou Os Felisindos ao segundo.
No verán de 1987 tivemos a fortuna de conversar durante varias tardes con
Martín Piñeiro Hermida(1905-1989),
quen, como tamborileiro e co-fundador dos Catro Irmáns Toralla, contounos todo
canto sabemos deles e doutros grupos e gaiteiros. Contounos que dende moi
pequenos él e os seus irmáns sempre sentiron admiración polos gaiteiros que
acodían á romería dos Liñares. E foi alí cando sentiron a necesidade de aprender
a tocar seguindo os consellos dos Tornillos de Moaña: un cuarteto de gaita e
frautín formado por un pai e tres fillos que aproveitaban a súa participación
na festa sen abandoar os seus labores profesionais, pois vivían do que lles
daba a pesca e na viaxe de ida aos Liñares botaban unhas cantas nasas que recollían
á volta. E así, á semellanza dos de Moaña, xurde Os Catro Irmáns Toralla en
torno a 1930 como cuarteto de gaita e frautín, formando parte dun reducidísimo
número de grupos que empregaron este tipo de formación nas festas e romerías da
Ría de Vigo ata a chegada da Guerra Civil Española: Os Fragoselos de Coruxo, Os
Fonas de Matamá, Os Peruchos de Sárdoma, os Terribles de Borreiros ou O Roxo de
Navia.
Os Tornillos de Moaña |
Lóxicamente o de “catro” era polo de ser un cuarteto, o de “irmáns” por
estar formado por algúns dos sete irmáns Piñeiro Hermida, da familia dos Pirrallos, e o de “Toralla” por ser este
o seu lugar de nacemento. Vestían ao xeito dos colectivos da época: polainas,
pantalón e chaleque de cor marrón cos bordes en verde ou amárelo, na súa parte
traseira de cor branca levaban bordado un touro vermello sobre un monte en
castaño. As monteiras, que foran feitas por Tía Enriqueta Varela, eran moi
características pois tiñan cinco puntas semellando unha man aberta cara ao
fronte, ao xeito do Tornillo Vello.
Martín e Serafín dos "Catro irmáns Toralla" |
Ata o golpe de estado de 1936, tocaron por diferentes festas da zona e incluso do Morrazo, chegando nunha ocasión a Ribadavia. Formaban con Martín na caixa, Joaquín na gaita en Re, Enrique no bombo e Avelino no frautín en Re alternando coa armónica. En ocasións o bombo fora tocado por Luis, outro dos irmás. Incluso antes do estallido da guerra xa decidirán trocar de formación sustituíndo o frautín por outra gaita, convertíndose así en cuarteto de dúas gaitas, se cadra, e como pasara co resto dos grupos nomeados, como consecuencia do paso dos afamados Soutelo de Montes polas festas da Ramallosa o 23 de xullo de 1933.
A súa vida artística concluiu a principios da década de 1940 aínda que
con posterioridade continuaran de xeito individual como no caso de Serafín, un
dos mestres de Felisindo Cabreira dos Galiños de Oia. Todos eles deixaron tras
de sí un importante repertorio para baile, procesións e mesmo para algunha
festa do ciclo anual colaborando cos
veciños como no caso dunha mazurca que coa música de La Cucaracha e a letra
composta por un tal Alejos pretendían certas críticas sociais e políticas tan
escasas na época para protestar polo incumprimento de promesas de construir un
novo lavadeiro en Canido e que segundo contaba Martín nalgunha ocasión chegaron
a ser disoltos pola Garda Civil por “atentar contra el orden”:
Se oía
decir
que un lavadero cubierto
que se iba a construir.
Todo pasó al olvido,
de eso no se acuerda nadie
y con pasar en Canido
cada tres meses de alcalde.
La cucaracha, la cucaracha,
que un lavadero cubierto
que se iba a construir.
Todo pasó al olvido,
de eso no se acuerda nadie
y con pasar en Canido
cada tres meses de alcalde.
La cucaracha, la cucaracha,
Entre as pezas que formaban o seu repertorio destacaron O Vals de Malamorte, O Padín (aprendido dunha banda de música
nunha festa en Priegue), A Pandeira, A Miña Rosiña, Pasodoble dos Toralla (composta por Avelino Piñeiro) e a Marcha Procesional dos Tornillos
(reinterpretada por Xistra de Coruxo no seu traballo “A Charurga”, Vigo–2014).
Por outro lado, queremos destacar o papel que Felisindo Cabreira cumpriu como acompañante doutro tipo de manifestacións fora da disciplina do seu grupo. Estamos a referir á súa aportación como gaiteiro de cantos de entroido e dos cantos e danzas do ciclo de nadal, tanto en Oia como en Coruxo, fundamentalmente. De feito, gracias a el podemos recuperar xaneiras e melodías daquelas danzas de arcos e castañetas ensaiadas por Berto, o augardenteiro de Guláns, que os mozos e as mozas de Coruxo realizaban pola parroquia e as rúas de Vigo pedindo o aguinaldo acompañado pola caixa do Barricas de San Andrés e polo bombo de Cándido de Casás.
Xaneira de San Miguel de Oia
Aquí vimo-los tres reis
dispuestos para cantar,
si ustedes nos dan lisensia
vámosllos a encomenzar.
A lisensia xa traemos
do señor corregidor
que na casa donde entremos
que nos dean do mellor.
Déanos de todo algo.
Déanos de todo un pouco.
Déanos tousiño e medio
e maila mitá do outro.
Non andes con chilindrinas.
Non andes con chilindrainas.
Ench-o folle de morcillas:
o folliño das castañas.
Cantámosch’os reis
barrigha pelada.
Cantámosch’os reis
non nos deches nada.
Cantámosch’os reis
do ki-ki-ri-kí
senón nos dan nada
caghamos aquí.
Aghora por despedida.
Aghora por derradeira.
Aghora por despedida
botámoslle a muiñeira.
Como xa apuntamos, o outro grupo de gaitas significativo de San Miguel foron Os Galiños de Oia, fundado en 1960 por Felisindo Cabreira Costas a imitación dos afamados Galiños de Belesar ou Gaiteiros da Granxa (décadas dos 1930 e 1940). E é precisamente sobre esta persoa en quen imos centrar aos acontecementos que a continuación descreberemos:
Felisindo naceu en San Miguel de Oia en 1933. Con doce anos construiu o seu primer instrumento: una frauta traveseira feita coa cana dun rabo de basoira e coa que aprendeu a tocar Adiós con el corazón de xeito autodidacta. Pasados uns anos recibe consellos e ensinos sobre o toque da gaita da man de Serafín O Pirrallo. Formou parte de grupos insignes da música tradicional galega entre os que destacan Os da Granxa de Belesar ou Os Terribles de Donas ata que en 1960 crea o seu propio co nome de Os Galiños de Oia ou Os Felisindos facendo parella de gaita con Jesús, sustituido por Puime logo da súa marcha a Francia, Virgilio, caixeiro dos Alegres de Coruxo e O Pixoubas de Belesar no bombo. Tamén é de destacar a participación dun dos caixeiros máis activos do sur pontevedrés; estamos a falar do rosaleiro Ricardo Rodríguez Avilés, percusionista ocasional cos de Oia debido á súa amizade con Felisindo e a coincidencia noutros colectivos como OsTerribles de Donas e Albariños do Rosal.
Os Galiños de Oia. Puime a caixa, Felisindo( segundo pola esquerda) e Jesús as gaitas. |
Os «nosos Galiños» percorreron as festas da zona ofrecendo un repertorio de música tradicional que podemos calificar como completo, pois ademais de ofrecer pezas da súa autoría como a Marcha Procesional dos Liñares e doutros colectivos da época como os pasodobles dos Terribles e dos Morenos, o Danzón dos de Donas, a Rumba das paradas dos Albariños e dos Leóns de Camos, tamén variaron con jotas, muiñeiras e vals como Adiós Toralla: adaptación da canción popular vasca Soy de Santurce.
Cantos de entroido
En San
Miguel d’Oia
nos vamos a
ahoghar
porque aquí
señores
nos van a
enregar.
O alumbrado
en Canido
solo
alumbra no vrán
porque os
señoritos
teñen medo a cair no chan
Para rematar esta pequena exposición sobre os gaiteiros de San Miguel de Oia nomearemos a outros dos que pouco sabemos e que sen dúbida intentaremos profundizar: un tal Vicente, irmán dun platilleiro da Lira, e de Pepe O Roubacáns do lugar de Estonada.