Memoria de Oia pretende ser un instrumento para recoller e difundir a microhistoria e a cultura popular desta parroquia, a vez que defender e poñer en valor o seu patrimonio arqueolóxico, etnográfico e natural. Unha fiestra aberta a participación daqueles que teñan algo que contar e compartir, microrelatos, documentos, contos, fotografías ou historias anónimas que quedaron arrombadas nos faiados ou na memoria dos nosos avós.

mércores, 20 de xullo de 2016

A Lira de San Miguel de Oia, do alboio ao palco da festa da man de Severino Alonso Mallo.

Houbo un  tempo no que o tranvía cruzaba a diario e a distintas horas a  parroquia de San Miguel de Oia naquela incesante viaxe entre A Ramallosa e Vigo, das fábricas de Canido saían milleiros de latas de conserva que acababan nas mesas de medio mundo, os bares da praia ateigabanse de mariñeiros do caldeo  nas horas do xantar e o día de Liñares o torreiro da festa recibía centos de homes, mulleres e nenos chegados en tranvía, en barco ou a pe para escoitar as mellores bandas de música de Galicia e norte de Portugal.

        Un tempo de transformacións, modernidade e inquedanzas que ocupou o primeiro lustro dos anos trinta, no que os veciños de Oia crearon distintas entidades coas que dinamizaron a vida agraria, laboral e cultural da parroquia: o Sindicato Agrícola, o Centro Republicano de Cultura e a Sociedade de Mariñeiros de Canido,  que se completarían coa creación dunha banda de música, A Lira de San Miguel de Oia, así chamada, con toda probabilidade, pola admiración que na veciñanza xeraba a súa homónima de Ribadavia.

     Naquela sociedade basicamente agraria  e rural o oficio de músico complementaba ben co traballo no campo, permitialle ós labradores achegar uns ingresos extras a economía familiar sin ter que ausentarse da casa por longos períodos de tempo, a vez que adquirir unha formación musical e ampliar os seus horizontes personais, percorrendo distintas vilas e localidades da bisbarra e participando de diferentes acontecementos festivos e relixiosos.

       Ata o nacemento da Lira na parroquia de Oia os veciños con coñecementos  musicais integrabanse na Unión Musical de Coruxo, banda de referencia na contorna por aqueles anos, dirixida na década de 1920 por Eusebio Alonso. A quen sucedeu trala sua morte en 1930  seu fillo Severino Alonso Mallo, titular da batuta durante dous anos, ata o outono de 1932, cando a consecuencia das diferenzas que mantiña con seu irmán Roque é obrigado a abandonar a dirección e a banda de Coruxo.





Unión Musical de Coruxo. 1931. Músicos de Oia:  1-Severino Alonso Mallo. 2- Adolfo Milego.3- José Alonso Sanromáan. 4- Modesto Alvarez. 5- Manuel Alonso Sanromán .6- Juan Vila.
 

         Semella que as causas que levaron a deixar a Unión foron diversas, os dous irmáns, Severino e Roque eran músicos profesionais da Banda Municipal de Vigo e os dous querían dirixir a banda de Coruxo, que vivía momentos de sona e prestixio. Severino era un gran músico pero "daballe pouco aire a batura" cousa que si facía Roque, que ademáis, era partidario de incluír músicos profesionais da municipal de Vigo para subir o nivel  e rivalizar coa Lira de Ribadavia.  Estas diferenzas entre os dous irmáns desencadenaron un altercado que tivo lugar na festa dos Liñares de 1932, na  que Severino foi agredido por outros músicos partidarios de Roque. Sobre estes feitos causantes do nacemento da Lira de San Miguel de Oia dispoñemos da testemuña de Manuel Alonso Sanromán"da Cerca" fillo de Severino e membro fundador: 

  ... Meu pai foi Severino Alonso Mallo...quedou de director da banda de
 Coruxo cando morreu o finado de meu abuelo...chamabase Eusebio
 Alonso...no ano 1930 colleoa, no ano 1932 foi cando a deixou. Despois 
 viñemos facer a de San Miguel... tuveron un pequeno lío ahí, él e máis  
 o hermano Eusebio, conocido por Roque, tuveron un percance ahí na 
 festa  de Liñares, e o finado meu pai fundou a de San Miguel, fixoa do
 32 ao 33. Desde o primeiro momento era a Lira de San Miguel...

   
  José Antonio Rial Misa"Judicha" tamén membro fundador, acheganos o seguinte relato sobre aquela disputa: 

...Querían a dirección os dous, Severino era moi bo músico, pero pouca 
pantalla, pouco director, e o outro, menos músico, con máis  aires  de
batuta, e pelearonse por mandar a de Coruxo, que era unha boa banda
por aquela, era  o millor  que había  por aquí, estaba  Coruxo,  estaba
Valadares... e pelearonse por mandar, entonces foi cando viu él,
Severino, e formamola nun inverno...nun inverno preparamos  a banda e 
o primeiro concerto xa o demos o domingo de Pascua do trinta e tres...
   
        
Severino Alonso Mallo e súa  dona María Dolores Alonso. Data estimada 1930.

     Dende o outono de 1932 Eusebio Alonso "Roque" quedou a fronte da banda de Coruxo e Severino, casado en segundas nupcias con Mª Dolores Alonso veciña de San Miguel de Oia e asentado no barrio da Hermida funda unha modesta "academia"  para formar musicalmente a mozos e rapaces. Academia  que tivo distintos emprazamentos durante o tempo que tardou en crearse a banda. Inicialmente estivo nun vello alboio do barrio de Hermida coñecido como "casa de tío Antonio de Gontade", tal e como nos contou Lucía Puentes Alonso, veciña do mesmo eido que sendo nena acompañaba a súa nai a escoitar os  ensaios que facían os aprendizes de músicos. Naquel precario alboio Severino Alonso instruíu a parte dos membros fundadores da Lira, maiormente veciños dos barrios de Gontade e Hermida e incluso da lindeira parroquia de Coruxo que pola tarde noite percorrían camiños e carreiros  ata o alboio-academia para saciar a fame de saber musical. Testemuño daquel tempo  atopámolo nas memorias do veciño de Coruxo, Manolo Barros:

  ... Na parroquia de San Mighel de Oia, que estremaba coa nosa, estaban
 formando unha banda de  música e daban clases de solfexo a todos os
 rapaces que quixeran aprender música de balde. A mín  e a Basilio  e a
 Gumersindo gustábanos muito ser músicos e desidimos  apuntarnos á
 escola que montaran nunha adega terreña; menos mal que era vran e non
 chovía, porque no inverno alí tiña que entrar auga como unha sesta.  As
 clases eran das des ás doce da noite. Como lle poñiamos muito interese,
 en dous mese xa levábamos o primeiro método de solfexo dado, e chegou 
 a hora dolorosa: o profesor díxonos que había que comprar o instrumento
 pra dar o segundo método con él. Os meus avós deixáranme  ir   estudar 
 porque non pagaban nada, pero ó  pedirlles  os  cartos para    comprar o
 instrumento non quixeron saber nada... 

         Dentro daqueles muros de mamposteria onde os pentagramas e atrís convivían con herba, palla, batume e utís do campo foi callando a nova formación musical da man de Severino. Ao pouco tempo a familia Alonso trasladouse a vivir para o veciño barrio de Gontade e con eles a "academia" atopou acubillo noutro vello alboio propiedade de Florentino García, de onde saíu a primeira formación da banda. 

Primeiro alboio-academia onde naceu a Lira en 1932. Barrio da Hermida. Oia.

          E deste xeito, en apenas uns meses,  no tránsito do outono  a primavera  Severino Alonso Mallo creou da nada unha banda de música, con uns poucos veteranos e  unha maioría de  mozos novos formados musicalmente nuns poucos meses. Contaban os vellos de Gontade que coñeceron o nacemento da Lira  como saían a ensaiar o paso para os desfiles e procesións polo monte de Gontade chegando ata os outeiros de  Carballoso. 

          A Lira de San Miguel de Oia subiu por primeira vez  a un palco da música no  atrio do Cruceiro de San Miguel de Oia o 16 de abril de 1933, domingo de Pascua,  eran arredor de 18 músicos, co uniforme feito na sastreira de Inocencio Misa en  Camos, que décadas máis tarde tamén sería músico desta banda.

Lira San Miguel de Oia. Hio-Cangas de Morrazo. Data estimada 1933. 1- Adolfo Milego. 2 -Florindo Fernández.3-José A.Rial. 4-Manuel Alonso Sanromán. 5-Benigno Goberna.6- José Alonso Sanromán 7-Alfonso Hermida. 8-Urbano Santomé.  9-Benedicto Pedreira. 10- Carballo. 11-Antonio Rodríguez. 12-Manuel Estévez Sequeros. 13-Gonzalo Peleteiro.

          Nos anos posteriores a banda de Oia pasou por distintos locais de ensaio, utilizaron a mesma casa onde residía a familia de Severino a carón da estrada de Baiona na coñecida como curva dos muiños en Gontade, despois trasladaronse as Figueiras, tamén a beira da estrada. Outros lugares de ensaio forón o local do Sindicato Agrícola e a Casa das Novenas fronte a igrexa.


Faro de Vigo,  22.06.1933

     Dos primeiros concertos da nova banda dispoñemos dunha reseña informativa no Faro de Vigo do 22.06.1933 na que informa da participación nas festas de Matamá e Comesaña os días 15 e 18 dese mes, tamén temos constancia documental da presenza da Lira na festa conmemorativa da inaguración do local social do Sindicato Agrícola de San Miguel de Oia e Saiáns o 29 de abríl de 1934. Nese mesmo ano subiu por primeira vez o palco da festa dos Liñares celebrada os días 15, 16, 17 e 18 de setembro na que actuaron durante tres días, compartiu  cartel coa venerada Lira de Ribadavia. A nosa Lira cobrou uns honorarios de 500 pesetas por tres días, mentres a de  Ribadavia percibiu 1500 pesetas por actuar dous días.


Batuta  de Severino Alonso Mallo, agasallo de veciños de Oia. Data estimada 1933


       Entre os músicos fundadores estaba  o clarinetista de Cangas coñecido como "Carballo", era un veterano das  bandas do Morrazo que non precisaba ensaiar, encargabase de contratar as festas que facían polo Morrazo. Todos os anos realizaban varios concertos por Hío, Aldán e Bueu, contrataban unha motora da sardiña de Canido para o traslado de músicos e instrumentos e botaban varios días actuando  nas festas daquelas parroquias. Recordaba Manuel Alonso Sanromán "da Cerca", fillo de Severino e baixo da primeira formación,  estando nas festas de  Hío acordaron  cambiar  as garabatas verdes propias do uniforme da Lira por outras de cor vermello,  segundo a estética socialista  da época. Eran tempos de efervescencia política traídos pola II República, pero aquelas garabatas non  gustaron o cura párroco de Hío que avisou a Garda Civil, presentandose  en pleno concerto e obrigando ós músicos a retiralas.




Membros fundadores
 Lira de San Miguel de Oia
1932-33
Nome

Instrumento
Barrio
Severino Alonso Mallo
Director
Gontade

Adolfo Alonso

Clarinete
Gontade
Adolfo Milego

Platillos
Cruceiro
Alfonso  Hermida“ Roxo”

Trombón
Outeiro
Antonio Rodríguez 

Trompeta
Gontade
Benedicto Pedreira Puentes

Bombardino
Hermida
Benigno Goberna Romero

Saxofón
Senra
“Carballo”

Clarinete
Cangas
Evencio Valverde Alvarez

Friscornio
Gontade
Florindo Pedreira Puentes

Bombo
Hermida
José Alonso Sanromán”da Cerca”

Clarinete
Senra
José Antonio Rial Misa “Judicha”

Caixa
Bouzo
Manuel Alonso “Cabezas”

Barítono
Gontade
Manuel  Alonso Sanromán “da Cerca”
Baixo

Senra
Manuel Estévez Sequeiros
Trompeta
Bouzo

Francisco Alonso “Pateco”

Trompa
Lavandeira
Urbano Santomé
Saxofón
Gontade

     
 Outro músico fundador foi Benigno Goberna, veciño do lugar da Senra, considerado un bo escritor de música, estaba encargado de facer as partituras para toda a banda.

        Benedicto Pedreira Puentes, tocaba o bombardino, foi un daqueles mozos  reclutados por Severino Alonso  no outono de 1932 para a primeira  academia-alboio no barrio da Hermida, de onde era veciño. Morreu as 21:55 horas do seis de maio de 1939 no Campo de Concentración de Camposancos na Guarda, vítima da represión franquista, contaba 23 anos. 


Membros  fundadores: 1-Florindo Fernández Pedreira. 2- Manuel Alonso"Cabezas". 3-José Alonso Sanromán. 4-Evencio Valverde Alvarez. 5- Benedicto Pedreira Puentes. 6-Adolfo Alonso.

        Naqueles tempos de escasezes os músicos de banda percorrían a xeografía da bisbarra de Vigo participando nas festas das parroquias, coñecían distintos lugares, xentes e celebracións. As comisións organizadoras acostumaban a contratar unha banda para varios días, facíano "a mantido" incluído un lugar onde dormir, que acostumaba a  ser a escola pública, o local da sociedade agraría ou as mesmas casas dos maiordomos e veciños. Deste xeito os músicos de banda compartían comida e entablaban amizade coa familia que os acollía, participando doutro xeito da festa que eles mesmos amenizaban. Eran días de fartura nas comidas e ceas acompañando a familia anfitriona, paseos polo torreiro, anís, café, galletas e outras excepcións gastronómicas que non se daban no devir diario.

        Severino Alonso Mallo dirixiu a Lira de San Miguel de Oia ata 1943 ano no que puxo fin a súa vida nas tomadas de Carballoso, nun día de mediados de agosto que a banda actuaba na festa de Santa Marta en Baiona, dirixida circunstancialmente por seu fillo José. O enterro de Severino foi un dos acontecementos que máis fondo recordo deixaron na parroquia de Oia durante anos. A comitiva fúnebre ocupou a Estrada de Camposancos dende Gontade ata as Figueiras, nunha sentida expresión de duelo de familiares, amigos, veciños  e xente do mundo da música que quixeron darlle o último adeus. Contou coa presenza da Banda Municipal de Vigo, da que formaba parte, que interpretou temas fúnebres durante todo o percorrido. Contaban os vellos de Gontade que partiparon daquela manifestación de respeto e admiración pola figura do insigne músico que os coches que pasaban pola estrada  paraban a preguntar quen era o difunto, sorprendidos polo acompañamento que levaba.


Lira de San Miguel de Oia, Data estimada 1950.
Lira de San Miguel de Oia. Data estimada. 1960.
Lira de San Miguel de Oia. Bouzas. 1969.


      Trala morte de Severino sucedeuno na batuta seu fillo José Alonso Sanromán, alcumado "da Cerca" por criarse nesta casa do barrio da Senra,  hasta que emigrou a Montevideo arredor de 1950.  Durante os anos seguintes a Lira desfixose pasando moitos músicos para a de Coruxo. É neste período cando se crea unha formación mixta de músicos de Coruxo e Oia que ensaiaba na casa das novenas baixo a batuta de Jesús Pérez de Nigrán e que non era nin a Lira nin  a Unión. Arredor de 1956 refundase baixo a dirección de Enrique Goberna Moreira hasta 1962 en que se disolve de novo, reiniciando a actividade en 1969 da man, unha vez máis,  de Enrigue Goberna e formando parte do corpo de músicos Eusebio Alonso, Jesús Goberna, Belarmino Goberna Arjona, Joaquín Alejos e Manuel Alonso, entre outros. 


  • José Antonio Rial Misa "Judicha", o último da primeira Lira.

      No barrio do Bouzo de San Miguel de Oia naceu en 1920 o último daquela ducia e media de músicos que iniciaron a andaina musical da banda da parroquia. José criou no seo dunha familia alcumada "sacristáns" pola ocupación de seu avó, súa nai Amelia Misa era peixeira e rosquilleira, e moitos maiores da parroquia recordan  a súa persoa no posto de rosquillas que cada ano instalaba na entrada da capela durante a festa dos Liñares.


José A. Rial Misa "Judicha"

      José viviu unha infancia de pobreza e necesidades, nunha familia sen apenas terras que traballar, adicada a oficios para poder vivir, seu pai emigrou a America onde "perdeu a maleta" xeito de expresar que non fixo fortuna.  Foi a escola  no barrio da Senra onde aprendeu a leer, escribir e as catro regras da man do ilustre mestre e pintor Manuel Torres, para poñerse a traballar na construción con tan so  11 anos. Recorda José que o primeiro salario que cobrou como aprendiz foi de 1 peseta por día.

      Transitou da infancia a mocedade durante a II República, polo que coñeceu e participou en acontecementos daqueles anos como a manifestación do 1º de maio de 1936 na que desfilou uniformado con camisa azul e garabata vermella xunto a outros mozos de Oia e Coruxo  na que se considera como a maior manifestación do lustro republicano. Achegouse colgado dun tranvía "daquela os tranvias iban dentro dos pasaxeiros" ata  o concello de Lavadores para asistir  o histórico mitín de Dolores Ibarruri  "Pasionaria" e foi testemuña e parte da efervescencia política e cultural da parroquia durante  aqueles anos de democracia e liberdade. Formou parte da resistencia que os veciños de Oia de doutras parroquias realizaron contra o levantamento militar do aciago verán de 1936 que poría fin a república. Na súa casa atoparon  refuxio e protección  moitos dos escapados durante aquela infame guerra. Pese a esa xuventude revolucionaria e republicana, os acontecementos levarono a ser soldado de recrutamento no exército de Franco formando parte da "quinta do biberon" xunto a outros compañeiros da Lira como Evencio Valverde. Fixo a instrución en Oviedo, non chegando  a entrar en combate por enfermedade cando se encontraba na fronte de Madrid a altura de Avila. José  participou coas tropas vencedoras daquela guerra no desfile da vitoria que se desenvolveu na Castellana madrileña o 19 de maio de 1939, onde tamén estivo seu compañeiro fundador da Lira Manolo "da Cerca". Fixo seis anos de servizo militar , estivo destinado no destacamento militar que por aqueles anos se ubicaba  no barrio de Estonada. 

      De volta a vida civil traballou durante arredor de dez anos na empresa de tranvías, casou con María García Costas, veciña de Coruxo e fartos de traballar e pasar calamidades naquela posguerra que nunca remataba acordaron emigrar, primeiro foi a Brasil e dalí a Uruguay, fixo a viaxe entre Sao Paulo e Montevideo  en tren, nun interminable traxecto que durou oito días. Permanecu durante vinte anos na capital uruguaya onde residía unha importante colonía de veciños de Oia, taballou como condutor da empresa de autobuses urbanos. Regresou a terra nai en 1975 e volveu a incorporarse a Lira que vira nacer.

      José Antonio Rial Misa, alcumado Judicha  é a día de hoxe un dos lonxevos avós da parroquia, testemuño vivo da nosa pequena historia durante o pasado século e o último membro fundador vivo da Lira de San Miguel de Oia.

     ___________________________________________________________  
     
      Fontes orais:
Leonides E. Vila Albores. Gontade. Oia.
José A. Rial Misa. O Bouzo. Oia.
Manuel Alonso Sanromán. Senra. Oia.
Dolores Alonso Alonso. Cean. Nigrán.
Joaquín Alejos. Cean. Nigrán.
Jesús Goberna. Loureiro. Oia.
Amparo Acuña Valverde.  Tarrio. Coruxo.

Fontes documentais:
Faro de Vigo. 22.06.1933
O rapaz da aldea. Manuel Barros Fdez. Edit. Dez de Marzo. Santiago. 2009.
Memoria dunha parroquia repúblicana. San Miguel de Oia na década dos trinta. 
Instituto de Estudos   Vigueses. Vigo. 2012.  Bernardo Vázquez  Acuña.