Memoria de Oia pretende ser un instrumento para recoller e difundir a microhistoria e a cultura popular desta parroquia, a vez que defender e poñer en valor o seu patrimonio arqueolóxico, etnográfico e natural. Unha fiestra aberta a participación daqueles que teñan algo que contar e compartir, microrelatos, documentos, contos, fotografías ou historias anónimas que quedaron arrombadas nos faiados ou na memoria dos nosos avós.

domingo, 14 de maio de 2017

Crónica negra da parroquia de Oia. Medio século de crimes, sinistros e asasinatos políticos (1890-1940).


        A crónica negra, entendida como a  historia dos crimes e mortes tráxicas  dunha veciñanza,  pola súa  condición de expresión extrema e traumática da vida  dunha comunidade, axudanos a retratar o contexto histórico e   as relacións  sociais dun tempo determinado.

Na microhistoria de San Miguel de Oia tamén temos    días, semanas incluso anos escuros, marcados polo infortunio, cheos de sangue e dor, resultado da fatalidade,  pero tamén do odio, a violencia e  a intolerancia.

Os  dramáticos acontecementos  que a continuación se describen produciron  unha enorme conmoción e impacto entre a veciñanza, nun tempo onde  calqueira  feito  sobresainte  rompía o devir da vida cotían. Agás os asasinatos políticos executados pola Falanxe en 1936, as mortes violentas eran foco de atención para  centos de curiosos. Os primeiros rexistros fotográficos recollidos na prensa mostrannos sempre grandes concentracións humanas nos lugares de crimes e traxedias, onde acudían os veciños da contorna para saciar a súa curiosidade e  despois relatar aquel suceso nas  distintas formas de socialización que se daban naquel tempo, na taberna, arredor da lareira, na igrexa e  noutros multiples momentos de encontro, tamén podían incorporarse o repertorio dos cantares de  cego que os invidentes interpretaban en romarías, feiras e mercados.

Nesta  crónica negra de Oia podemos establecer  catro tipoloxías de sucesos  segundo a natureza dos mesmos. Dende os crimes  resultado de liortas, disputas por terras e  os motivados por enemizade entre veciños; pasando polos accidentes fortuítos, entre os que atopamos os primeiros producidos pola chegada do automóvil; seguindo cos sinistros laborais, maiormente relacionados coas grandes obras públicas que se realizaron na parroquia, estradas, porto e tranvía;  e por último, temos os asasinatos políticos, a represión,  que se cometeron tralo golpe de estado do  verán de 1936, sen dubida os de maior calado social e que aterrorizaron a veciñanza pola cantidade e significación das vítimas xunto a  crueldadade e impunidade con que se cometeron.

  • Crimes  por liortas, resentimentos  e disputas de terras.

Forma parte da idiosincrasia campesiña as disputas entre veciños, resultado de  vellas enemistades entre familias que pasan dunha xeneración a outra, conflictos por lindes de terras, reparto de augas,  camiños de servizo, sempre fonte de problemas nas áreas rurais,  ou rifas por liortas de xuventude, por amores perdidos ou non correspondidos.

o   O crime do chuzo,   discusión amo-criado con resultado de morte.  6 de marzo de 1893.

O que inicialmente se creía que fora unha morte accidental  dun veciño de Oia, acabou por descubrirse que fora un homicidio. As dilixencias realizadas polo Xulgado de Instrución de Vigo pola morte do mozo de 19 anos  Manuel Benito Pedreira Sanromán sacaron a luz que non se produxera como inicialmente se contara. Segundo  se recolle no sumario, na noite do 6 de marzo de 1893, cando en compaña do seu amo Francisco Alvarez Fernández se atopaban debullando millo,   rifaron sobre asuntos de traballo e o mozo contestou de malas maneiras o amo. Este  botou man dun chuzo dos utilizados para esfollar o millo,  clavandollo a altura do vientre.  Vintecatro horas despois  Manuel Benito  morría  a causa das feridas producidas. Unha vez practicada a autopsia o xulgado de Vigo decretou o ingreso na cadea de Francisco Alvarez.


o   Liorta  mortal  na Senra por resentimentos  entre veciños.  
     30 de agosto de  1916

Arredor da unha da tarde do xoves 30 de agosto de 1916 catro veciños de Oia falaban mentres  descansaban sentados sobre unhas pedras no camino da Senra de Abaixo, eran  José González Pérez, Manuel Dios Argibay, Enrique Moreira Pérez, Victoriano Nogueira Araujo e Generoso González Costas, momento no que acertou a pasar por alí Pelegrín Pereira Filgueira camiño da súa casa.

Pelegrín nada dixo cando se cruzou diante dos veciños que facían reunión  pero o pouco volveuse cara a eles e comenzou a insultalos  por algún vello resentimento,  non imaxinaba que a discusión  iba a ter por punto final a súa propia morte.

Generoso González  respondeu o desafío verbal de Pelegrín que o invitou a apartarse do grupo e ir  onde a él, cousa que fixo, levantouse do asiento e achegouse ata Pelegrín, este esgrimíu unha navalla de barbeiro  coa que intentou dar un corte no vientre a Generoso que esquivou  o navallazo dando uns pasos atrás. Sin darlle tempo a que Pelegrín realizara un novo intento, Generoso deulle un golpe con un pau que levaba na man, de tal xeito que  Pelegrín caiu o chan sin sentido. Ao pouco chegou Maria Costas Araujo, muller de Pelegrín que vivía a pouca distancia do lugar, atopou a seu marido totalmente postrado. Sen axuda de ninguén colleuno e levouno inconsciente ata a casa, mandando aviso o doutor Jesús Fontán que atendeu o ferido sen poder evitar  que falecera cinco horas máis tarde. Realizada a autopsia demostrouse que Pelegrín morreu por unha hemorraxia cerebral.

Generoso González Costas na condición de autor da morte de Pelegrín foi detido  polos carabineiros do posto de Canido mandados polo cabo Candido Regidor,  que o entregaron a Garda Civil para o seu ingreso na cadea de Vigo.


o   Crime en Canido por  vellas disputas de terras. 
     4 de xaneiro de 1923.

Nun tempo en que o  barrio de  Canido  era un activo núcleo industrial e mariñeiro, con tres fábricas de conserva e unha pequena flota de motoras da sardiña,  dous veciños de avanzada idade  mantiñan vellas disputas por asuntos de terras que semella agudizaronse coa chegada do ano 1923. Os dramáticos acontecementos que conmociononaron a veciñanza de Oia e parroquias lindeiras desencadenounos o mariñeiro de 66 anos Vicente Santomé cando arredor das dúas da tarde se presentou  na  casa de Simón Vila, labrador de 77 anos, onde mantiveron unha acalorada disputa verbal  preámbulo  da traxedia.  Vicente Santomé armado con un cóitelo de grandes dimensións degolou a Simón seccionandolle a iugular, caíndo desplomado sobre a súa propia sangue.

 Alarmado polos gritos da vítima  un veciño presentouse  no lugar do crime a tempo para escoitar as últimas palabaras do infortunado: “Matoume o vagamundo” alcume co que se coñecía o homicida. Iniciouse despois unha disputa  entre o agresor e o veciño, quen armado con unha ferramenta de labranza conseguiu que  Santomé soltara o coitelo,  iniciando a fuxida do lugar  ante a presenza doutros veciños que acudiron o auxilio dende  un campo lindeiro onde traballaban e  que finalmente conseguiron  darlle  captura.

Avisada a Garda Civil de Bouzas realizou a detención do Santomé e o atestado policial, ingresando na cadea de Vigo as nove da noite.

Barrio de Canido e Illa de Toralla 1911

  • Sinistros e accidentes.

       No período histórico que nos ocupa unha simple infección ou traumatismo podía desencadenar a morte en poucas horas ou días. A inexistencia de infraestruturas sanitarias  e as limitacións da practica médica, a penincilína non chegaría ata xa avanzados os anos corenta, producían una alto índice de mortantadade en idades mozas de mulleres pero sobre todo de homes.   A  partir da década de 1920 prodúcese a irrupción do automóvil nas estradas  e na vida da xente e con él unha nova modalidade de sinistro no que os nenos de corta idade foron as principais vítimas.


o   Morte accidental por disparo  de escopeta nas Illas Cies. 
     4 de xullo de 1896.

Antes do mencer o día, sete veciños de Oia embarcaron nunha  gamela a   vela con rumbo as illas Cíes, ían comprar ovellas das que alí criaban os insulares. Chegados a  Illa Norte,   adquiríron cinco ovellas  e iniciaron a viaxe de regreso, facendo escala na Illa Sur,  onde sacrificaron  un dos animais  e xantaron.  Pola sobremesa  acordaron dormir nunha sombra próxima, momento no que  Manuel Barreiro Costas acercouse a praia  co obxecto de cubrir a gamela coa vela para protexela do sol e evitar que se derretera a brea das xuntas.  Foi entonces cando os demais veciños  despertaron sobresaltados pola detonación dunha escopeta. Unha vez na  praia, atoparaon  a Manuel  agonizando a causa da sangue perdida consecuencia   dun disparo. Aínda que o trasladaron a un almacén da illa morreu os poucos minutos.

Segundo a versión recollida sobre o accidente, cando o  infortunado Manuel  se dispuxo a cubrir  a gamela coa vela botou man   dunha escopeta,  que descoñecía estaba cargada, collendoa  polo canón, momento no que se  disparou a bocaxarro no costado dereito debaixo da axilla, que lle produciría a morte. 

Gamela a vela nas Illas Cies

O Alcalde de Barrio das Illas Cíes comunicou o accidente o Xulgado de Instrución de Vigo, desprazándose ó día seguinte o  xuíz para o levantamento do cadáver, que xa se atopaba en avanzado estado de descomposición polas altas temperaturas do verán, ordenando o inicio de dilixencias para exclarecer os feitos e a practica da autopsia.


o   Cornada  mortal a unha veciña de Oia. 
     13 de xaneiro de 1918.

A porta da taberna que Manuel Alamo rexentaba no barrio das Travesas en Vigo, próxima as cocheras de Tranvías, estaba unha vaca con unha cría sen que nada fora a presaxiar o que o pouco occorreu. Cando a veciña do barrio das Figueiras de San Miguel de Oia Juana Pérez Hermida saíu da taberna o animal  deulle unha cornada na rexión inguinal de tal magnitude  que deixou ao descuberto os intestinos.  Axiña levarona en padiola a Casa de Socorro onde lle suturaron a ferida, ante a gravedade na que se atopaba foi trasladada o hospital Elduayen onde morreu. A infortunada muller tiña 58 anos e deixaba viuvo e dez fillos. Horas despois  da mortal cornada a vaca e a toura permanecían custodiadas  polas autoridades a espera de identificar o seu dono. No momento do accidente estaban dentro da taberna os gandeiros Saturnino Barreiro Boullosa de Ponte Sampaio e Antonio Barreiro Millán de Soutomaior, pero ambos negaban ser os propietarios dos animais.


o   A chegada do automóvil,   os nenos principais vítimas.

O 24 de xaneiro de 1925 apareceu morto a altura do barrio das Figueiras un peón camiñeiro dos que se adicaban ao coidado e mantemento da estrada de Vigo a Baiona, era veciño  de Priegue, Nigrán. As informacións periodísticas da época indican que presumiblemente foi atropelado por un vehículo que se deu a fuga sin socorrer o infortunado.

Velorio dún "anxiño"

No mesmo ano,  a veciñanza de San Miguel de Oia quedou conomocionada polo atropelo dun  rapaz,   era o  domingo  8 de agosto de 1925, cando  o coñecido médico de Vigo Moises Luna circulaba no seu coche  con dirección a Praia de Canido acompañado da familia  e conducido polo chofer, arredor das once da maña, cando pasaban polo barrio do  Cruceiro atropelaron a un rapaz que saíu dun camino colindante, rápidamente colleron o infortunado e trasladarono a casa do médico de Coruxo Manuel Cendón, onde tralo primeiro recoñecemento foi trasladado ó hospital de Vigo,  onde faleceu os poucos días a consecuencia das contusións sufridas na cabeza. Chamabase Silvino Cortes Rodas, tiña  oito anos de idade, era veciño do barrio de Eiras, onde vivía con sua nai Magdalena e seu avó. Seu pai estaba emigrado en Montevideo.

Dous anos máis tarde, en  abril de 1927 o vehículo PO1480 propiedade de Fernando  Costas e conducido polo chofer Julio Hermida Varela circulaba camiño de Panxón a onde se desplazaba a familia. Dunha tenda situada a carón da estrada no barrio das Figueiras saiu correndo  a nena de cinco anos Felisa Comesaña Sanromán, no preciso momento en que pasaba o coche, producindose o fatal atropelo. Os ocupantes do coche recolleron a critatura e levarona urxentemente a casa do médico Manuel Cendón en Coruxo, onde falleceu ao pouco.

Tería que pasar unha década para que se producirá un novo atropelo destas características, en marzo de 1938  o camión PO5596 que circulaba en dirección a Baiona cargado con materiais de construcción, a altura do barrio de Estonada atropelou a un neno de dous anos e medio, Manuel Alvarez Villaverde que tuvo a desgraciada ocorrencia de cruzar a estrada sin percatarse do paso do vehículo. O infeliz recibiu tal impacto que faleceu no acto.

Dous meses despois, en  maio de 1938 producese outro atropelo, esta vez do tranvía, a  vítima foi o veciño de Oia Marciano Romero Cortés,  de 81 anos de idade,  atropelado no momento de cruzar a a vía, morrendo no acto. Dase a circunstancia de que Marciano tiña moi disminuída a súa capacidade auditiva polo que non escoitou a  proximidade do tren que o matou.


  •  Sinistros laborais que conmocionaron a parroquia de Oia.

O espazo temporal abarcado neste relato correspondese cun momento de grandes transformacións tecnolóxicas e  económicas. No caso de San Miguel de Oia  asistimos a chegada da nosa revolución industrial da man  das conserveiras e a pesca motorizada da sardiña, xunto  a creación de importantes infraestructuras que mudaron a vida da xente, o tranvía, o porto de Canido, a electrificación e  a mellora das estradas para atender a nacente automoción.


o   Queimaduras mortais nunha fábrica de conservas.

A actividade fabril da Praia de Canido viviu tamén momentos tráxicos, o máis antigo corresponde o ocorrido en xuño de 1913 na fábrica de conservas da que era titular o veciño de San Paio de Navia, Joaquín Costas.  Cando un operario veciño de Coruxo de 19 anos  realizaba manipulacións co gasómetro, producindose a explosión deste e alcanzanzou o infortunado mozo que sufriu graves queimaduras causantes  da morte en poucas horas.


o   Tráxico desprendemento de terras no barrio de Estea.

Dous anos máis tarde,  o 14 de xuño de 1915,  temos constancia dun novo  accidente laboral, esta vez nunha canteira do barrio de Estea próxima a estrada de Vigo-Baiona, a altura do kilómetro 46, na que traballaban arredor de vinte obreiros empregados de Obras Públicas,  adicados a extracción de pedra para a consolidación de taludes da estrada. As cinco  e media da tarde  caiu sobre os obreiros un desprendemento de terra e pedras dende unha altura de uns 16 metros, consecuencia do que morreu aplastado un dos traballadores  ferindo a outros. O finado era Candido Sanjuan, de 62 anos, casado e natural de Fregeneda de Duero, Salamanca, veciño de Panxón onde deixaba muller e sete fillos. Os feridos  eran Enrique Alonso de 19 anos, veciño de Coruxo e Virgilio Prado, de 20 anos, de San Miguel de Oia, barrio de Figueiras.

O lugar do accidente trasladouse o alcalde de Vigo  Sr Arbones, o enxeneiro de obras públicas e o médico do cuarto de socorro e persoal sanitario da cruz vermella, xunto a eles o  xuiz de instrucción e o médico forense, xunto a periodistas para o que utilizaron dous coches. Os feridos foron atendidos  inicialmente polo medico establecido en Oia naqueles anos José Rubín de Santacruz. O veciño de Oia ferido Virgilio Prado foi trasladado a casa próxima o lugar do accidente no barrio das Figueiras onde foi visitado polo xuiz e demais autoridades, comprobando que non sufría ninguna lesión grave, os país de Virxilio pedironlle o xuiz que non trasladaran o mozo o hospital.


o   Días negros nas  obras do Tranvía.

As obras do tranvía que se desenvolveron nos anos previos a 1926 e que transformaron a fisonomía da parroquia, tiveron tamen días de infortunio. O primeiro  dos accidentes tivo lugar o 21 de xaneiro de 1923 a consecuencia  da explosión dun barreno polo que morreu  un  traballador  e tres resultaron feridos. O suceso tivo lugar as doce da maña  na canteira aberta para a explanación da vía a altura do barrio de  Lavandeira. O falecido era veciño de San Miguel de Oia chamabase Deolindo González Alfaya, un dos feridos, José Guisande tamén era veciño desta parroquia.
 
Obras do tranvía en Oia, 1923

Dous anos mais tarde, o 17 de  setembro de 1925, cando xa as obras estaban a punto de rematar,  volcou unha vagoneta cargada de cemento aplastando a un empregado das obras de 30 anos chamado Victor Cortizo.


o   Un morto nas obras do porto de Canido.

Por último, temos constancia por testemuñas orais da morte dun traballador  nas obras do Porto de Canido, accidentado na canteira da que se realizou a extracción de pedra  debaixo de Puntapinos, en data estimada arredor de 1935.

Canteira do porto de Canido, 1935

  • O tempo da infamia, a represión franquista de  1936.

Coa sublevación armada dos militares fascistas en xullo de 1936 contra o goberno constitucional da República, iniciouse un proceso represivo na retaguardia da fronte de guerra consistente e eliminar os adversarios políticos, identificados como todos aqueles que participaron das multiples entidades asociativas que artellaban a sociedade civil da República. Mediante  distintas modalidades represivas, das que a máis común foron os denominados «paseos», execucións á beira dunha cuneta, dunha praia ou dun río, nun lugar algo afastado das casas e  maiormente realizado  ao amparo da escuridade de noite.


Mentres en momentos anteriores atopamos mortes tráxicas e violentas de xeito  aillado e espaciados no tempo, a concentración en tan so uns meses  de asasinatos de veciños Oia  e doutras localidades traídos a morrer a nosa xeografía tivo  que producir un grande impacto psicolóxico  entre a veciñanza. As xentes de  Oia próximos aos lugares das execucións  espertaban sobresaltados durante á noite polo ruído dos disparos,  co conseguinte  efecto aterrador, correndo a noticia da aparición dos cadáveres   por barrios e lugares co novo día. 


o   Veciños de San Miguel de Oia paseados  en 1936.

     O negro mes de setembro de 1936 iniciouse co asasinato de Eloy Pereira Fernández e Albino Pedreira Puentes, veciños desta parroquia,  executados na madrugada do 1 de setembro de 1936, despois de sacalos das casas durante a noite e levados ata a rompente de Baiona  onde  foron paseados. Eloy Pereira era veciño do barrio das Figueiras, ferroviario e directivo do Consello Obreiro da Liña Vigo-Ramallosa, fora ademáis, fundador do Centro Republicano de Cultura de Oia, sociedade fundada en 1931 que dinamizou a parroquia coa organización de actos de divulgación cultural e política. Albino Pedreira Puentes era un traballador da industria conserveira  de Canido simmpatizante da causa republicana.

Eloy Pereira Fernández
Albino Pedreira Puentes

Xa avanzado o mes de setembro, o día 15 aparece morto en Cabral, no  concello de Lavadores, Segundo Echegaray, herdeiro da Illa de Toralla. Echegaray,  pese a formar parte da burguesía máis próspera da contorna, como o seu pai era masón e republicano convencido, polo que tamén foi eliminado. Formaba parte das elites burguesas reformistas comprometidas co sistema parlamentario e a  democracia e que tamén sufriron en propias carnes a represión.
Segundo Echegaray

Aquela orxía de terror continuou o 22 de setembro. De novo un veciño de Oia entre as vítimas das milicias falanxistas, Aladino García Estévez, Grecho, apareceu  morto xunto a dous veciños de Coruxo  na estrada de Porriño a Gondomar a altura da parroquia de  Cela en  Mos.  Neste caso os presos foron sacados do cuartel da Garda civil de Bouzas onde estaban detidos. 

Aladino García Estévez "Grecho"

    Dous días despois, a negra sombra da morte achegouse  Frónton da rúa María Berdiales para darlle o  paseo a José Cabreira Valverde, tranviario natural da Senra en Oia e veciño de Nigrán,  directivo do Consello Obreiro da liña Vigo-A Ramallosa,  executado xunto a catro compañeiros ferroviarios en Ponte dos Ríos, na parroquia de Tebra en Tomiño.

José Cabreira Valverde



Asasinatos políticos de veciños de Oia en 1936

Nome e apelidos

        Data e lugar
Datos personais
Eloy Pereira Fernández
01.09.1936
Rompente Baiona
28 anos, tranviario, veciño das Figueiras Oia

Albino Pedreira Puentes

01.09.1936
Rompente Baiona
25 anos,  conserveiro, veciño da Hermida Oia

Segundo Echegaray García

15.09.1936
Cabral Lavadores
36 anos, propietario, Illa de Toralla Oia

Aladino García Estévez “Grecho”
22.09.1936
Cela Mos
24anos, mariñeiro, veciño de Esteriz Oia

José Cabreira Valverde
24.09.1936
Tebra Tomiño
32 anos, tranviario, natural da Senra Oia, veciño de Nigrán



o   Execucións na  parroquia de Oia durante o ano 1936.

Lugares da nosa xeografía como a praia de Canido-Vao, as Roteas e as Castiñeiras foron mudas testemuñas daquela masacre,  cometida pola Falanxe en colaboración coa Garda Civil, mandados polos militares sublevados e santificados pola igrexa,  das que trece aparecen no entorno da Praia de Canido-Vao e dúas no lugar das Castiñeiras.

O modus operandi consistente en dispersar os mortos por distintos lugares producía un efecto multiplicador do terror,  sempre á beira de estradas transitadas onde os cadáveres se exhibían  ante os veciños e viandantes que dende primeira hora da maña iban transmitindo a terrible noticia co que se conseguía  espallar unha mensaxe  de violencia extrema e paralizar todo intento  de disidencia.

Ao largo do mes de agosto empeza a coñecerse  a práctica de paseos e asasinatos na bisbarra. Non sería ata a madrugada do 19 cando aparecen os dous primeiros mortos nunha cuneta da estrada de Vigo a Baiona no lugar coñecido como Castineiras para continuar con outros cobardes  asasinatos  realizados a altura da desembocadura do rio de Gontade que facía  de linde entre San Miguel de Oia e Coruxo.

Na táboa que segue  detallanse  por orde cronolóxico  as persoas que foron traídas a morrer  a esta parroquia e as inmediacións durante aquel infame semestre de 1936.



Asasinatos políticos realizados

na parroquia de Oia e inmediacións en 1936

Nome e apelidos

         Data e lugar
Datos personais
José Pereira Lameira
19.08.1936
As Castiñeiras
17 anos, xornaleiro, Mañufe Gondomar, disparo na cabeza

Descoñecido

19.08.1936
As Castiñeiras

28 anos,  morte por disparo no tórax
Florencio Trigo Cabral

03.09.1936
Praia de Canido-Vao
25 anos, barbeiro, A Ramallosa-Nigrán, disparo na cabeza
Manuel Iglesias Lago
03.09.1936
Praia de Canido-Vao
33 anos, garda municipal. Vigo, disparo na cabeza

Aladino Vila Alonso
03.09.1936
Praia de Canido-Vao
39 anos, tranviario, Navia-Vigo, disparo na cabeza
Descoñecido
15.09.1936
As Roteas
Home, 40 anos, morte por disparo de arma de fogo

José Vázquez García
21.09.1936
Praia deCanido-Vao
45 anos, mariñeiro, Rúa Pobladores-Vigo, disparo na cabeza
Francisco Iglesias López

21.09.1936
Praia deCanido-Vao
31 anos, empregado, Lavadores, disparo na cabeza

Antonio Freiría Alonso
21.09.1936
Praia deCanido-Vao
30 anos, labrego, O Sello-Cabral, disparo na cabeza

Gumersindo Hernández Sánchez
26.09.1936
As Roteas
25 anos, chofer, A Rola-Sárdoma, disparos de arma de fogo
Candido Fernández Lago
01.12.1936
Praia do Vao
59 anos, labrego, Cabral-Lavadores, disparo na cabeza

Constantino Cabaleiro Lago
01.12.1936
Praia do Vao
30 anos, delineante, Teis, disparo na cabeza

Edelmiro Blanco
01.12.1936
Praia do Vao
36 anos, xornaleiro, Cabral-Lavadores, disparo na cabeza

Manuel Iglesias Prado
01.12.1936
Praia do Vao
23 anos, albanel, Riomao-Lavadores, disparo na cabeza

Emilio Otero Cons
01.12.1936
Praia do Vao
31 anos, ferroviario,  Vigo, disparo na cabeza

Luciano Soto Pérez

24.12.1936
Praia de Canido-Vao
34 anos, maquinista, Rúa Mexico-Vigo, disparo na cabeza
José Villaverde Trigo
27.12.1936
Praia do Vao
36 anos, latoeiro,  Rúa Hernán Cortés-Vigo, disparo na cabeza




A estas mortes violentas padecidas por veciños da parroquia e por outros traídos a morrer a nosa xeografía hai que engadir aquelas outras mortes consecuencia doutras formas de represión e pola contenda bélica que sucedeu o golpe militar,  fusilados, desaparecidos, mortos na cadea, mortos pola propia guerra, e que converteron o período que seguiu o verán de 1936 na maior concentración de acontecementos tráxicos da nosa historia recente, pese a que a fronte de guerra estaba moi  lonxe da xeografía de Oia.


Fontes documentais :
Faro de Vigo, 9.03.1893, 7.07.1896, 15.06.1915, 29.06.1913, 14.01.1918, 06.01.1923.
El Compostelano, diario independiente, 11.08.1925, 12.05.1938.
El Correo de Galicia, diario independiente de avisos y noticias, 30.06.1913, 15.06.1915, 02.09.1926.
Diario de Galicia, periódico de la mañana, telegráfico, noticiero y de información general, 03.09.1916.
Diario de Pontevedra, periódico liberal, 14.11.1918,  25.04.1927, 08.03.1938, 11.05.1938
El Eco de Galicia, diario de la tarde ,Lugo. 14.03.1893.
Galicia, diario de Vigo, 5.01.1923, 22.12.1923.
El Heraldo Gallego, organo de las colectividades gallegas en el Plata. 25.01.1925.
El Ideal Gallego, 17.09.1925. 
Memoria dunha parroquia republicana. San Miguel de Oia na década dos trinta. 2015. Bernardo Vázquez Acuña. Instituto de Estudos Vigueses.