A historia persoal deste fillo
predilecto da cidade de Vigo debuxanos
un home do seu tempo, que lle tocou vivir o agromar e as primeiras
décadas do século XX, un período histórico cargado de transformacións globais que afectaron moi intensamente a cidade de Vigo e as parroquias da bisbarra como San Miguel de Oia. A industria da salgadura deu paso a conserva en lata
hermética, as traiñas transformaronse en
motoras, chegaron para quedarse a electricidade, o teléfono e o automóvil, mellorou o grao de
alfabetización a vez que xurdían
numerosos xornais que os aldeanos lían de xeito colectivo na taberna ou na barbería, nacendo o fenómeno da opinión pública.
Martín Echegaray. Retrato. 1906. |
Moitos labregos converteronse en obreiros asalariados nas fábricas de conserva onde adquiriron conciencia de clase, incorporaron o asociacionismo como instrumento da sociedade civil para transformar a dura realidade daquel tempo, na bisbarra de Vigo parello o desenvolvemento sindical xurden as sociedades agrarias que levaron a modernidade as parroquias do rural como Coruxo e Oia.
Simultaneamente importantes sectores da
clase media alta, tradicionalmente elitista
e impermeable aos problemas da maioría social, foron deixando
o liberalismo e o conservadorismo
dominantes para acercarse a formas máis
avanzadas de pensamento político como o republicanismo e a esquerda emerxente, que encarnaban os valores de modernidade e
progreso. Dun xeito paulatino foi creándose un novo grupo social con valores humanistas, aínda
que heteroxéneo na súa composición, que participaba
na vida política e creaba opinión. Eran ilustrados que habitaban no mundo das
ideas(científicos, médicos, xornalistas,
escritores, artistas, profesionais liberais, mestres, incluso
empresarios), opostos ao secular
monopolio por parte dunha minoría do
mundo da cultura, do coñecemento e da ciencia, que consideraban a educación
como un dereito universal de todos os
cidadáns que tivera como limite a capacidade de cada un. Aquela escisión da elite tradicional daría ao país unha xeración de destacados
científicos, artistas e creadores(Castelao, Picasso, Buñuel, Maside,
Lorca…). Homes e mulleres academicamente moi ben formados, que viaxaron polo
mundo coñecendo outras culturas onde se
empaparon de modernidade. Acabaron por
implicarse no mundo da política para modernizar
o país, uns dende o ámbito empresarial,
outros dende o artístico, o educativo, o científico.
A esa escisión da élite tradicional que quixo mudar un
país culturalmente atrasado e socialmente inxusto pertenceu o empresario Martín Echegaray, “O Señor de Toralla”, un
vigués enriquecido na emigración americana, que ademáis de masón era seguidor dos librepensadores e republicano
convencido. Echegaray nunca desempeñou ningún posto de responsabilidade
política mentres durou a monarquía en coherencia co seu ideario republicano,
chegou a ser proposto para ocupar a alcaldía de Vigo, o que foi obxecto do seu
rexeitamento para non ser nomeado polo
rei.
A súa riqueza económica permitiulle
adquirir a perla da xeografía da ría de Vigo, a Illa de Toralla, ubicada na parroquia de San Miguel de Oia, que se converteu nun lugar de visita de moi
distintos persoeiros daquel tempo, onde iniciou o estudo e posta en valor do valioso patrimonio arqueolóxico soterrado durante
séculos e que os propietarios posteriores, autenticos excravos da codicia, ignoraron e arrasaron.
Vista aérea da illa de Toralla antes da barbarie. Data estimada 1965. |
Cronobiografía
1866.- Martín Echegaray Olañeta nace en Santo Tomé de Freixeiro nunha
familia de tradición republicana de orixe vasco, onde pasa a infancia.
1879.-
Con trece anos desembarca en Bos Aires a procura de fortuna, traballa inicialmente como dependente de
comercio convertendose en poucos anos
nun prospero comerciante representando produtos galegos como Augas de Mondariz
e Cabreiroá. Vai amasando unha gran
fortuna en negocios relacionados coa
navegación e o comercio transoceánico. Casou
en segundas nupcias con Inocencia García Iglesias coa que tivo sete
fillos.
1900.- No tránsito do século XIX ó XX xa é un membro destacado da colectividade
galega de Bos Aires, dos círculos
republicanos e da masonería liberal na que militaban os máis destacados
dirixentes da emigración galega por aqueles anos.
Estivo vinculado ás distintas
iniciativas para crear unha entidade que aglutinara a emigración galega como o
Centro Galego, a Unión Galega que
pasaría a denominarse Círculo Galego.
Formou parte de múltiples iniciativas
filantrópicas financiadas mediante subscricións entre a comunidade galega e
española para distintos proxectos, sobre todo escolas en distintos puntos de
Galicia. Estreito colaborador da
Sociedade Hispanoamericana Val Miñor, que presidía Manuel Lemos.
1903.-
Participa como membro fundador e convertese nun dos principais
dirixentes da Liga Republicana Española formada por españois emigrados naquel
pais e vogal da xunta directiva do Partido Republicano na Arxentina.
Sinatura de Martín Echegaray. |
1905.- Contando co apoio do goberno da República Arxentina pon en marcha o proxecto de navegación rápida de grandes transatlánticos entre Europa e o Río da Prata. Echegaray desenvolveu unha intensa actividade para que fora Vigo o porto base en Europa e non Lisboa, tal e como pretendía o goberno portugués que enviou un ministro a Bos Aires mentres o goberno español vivía na indiferenza. Conseguiu o apoio dos gobernos de distintos países ademais do uruguaio e do arxentino que o nomeou “comisionado” para que se desprazara á Europa e negociara co goberno español. Echegaray pretendía obter o apoio do goberno de Madrid mediante a concesión de facilidades administrativas, fiscais e servizos para o porto de Vigo, ademáis do establecemento dunha liña de ferrocarril con vagóns dormitorio ata a fronteira francesa de Irún para os pasaxeiros de primeira e segunda clase. A favor de Vigo estaban as condicións do seu porto natural, a menor distancia coa fronteira francesa que Lisboa e a cuestión do idioma, pensando que a liña estaba ideada para viaxeiros sudamericanos que visitaran Europa e tan so habería que atravesar unha fronteira, mentres dende Lisboa serían dúas.
Illa de Toralla , vista dende Canido-Oia. Data estimada 1930. |
1906.- En
maio desembarca en Vigo entre
salvas de bombas, música da banda
municipal e un xentío que abarrotaba a estación marítima, entre a súa equipaxe centos de cartas de apoio ó proxecto remitidas polas
elites periodísticas, económicas e culturais da Arxentina e as sinaturas de
55.000 galegos pedindolle ó goberno español que escoitara o proxecto de establecer liñas rapidas entre
America e Europa tendo como porto de referencia Vigo. Con anterioridade a súa
chegada Echegaray viña axitando a opinión pública a favor dos seus postulados. A cidade recibiuno con todo tipo de
agasallos, sucedendose as homenaxes das
distintas institucións e
sociedades.
Con todo, agás o entusiasmo dos
vigueses e a potente subvención económica do goberno arxentino para financiar a liña, Echegaray atopase coa indiferenza do goberno español e co recelo
da clase política e económica da veciña Coruña. que vían ameazado o seu estatus de
primeira cidade de Galicia.
Viaxa a capital acompañado do alcalde e unha comisión onde se
entrevista co ministro de fomento Gasset e os directivos da Compañía de Ferrocariles do Norte. Daquela xuntanza saíu o compromiso de establecer de forma provisional lanzadeiras de tren dotadas de vagóns de luxo entre Vigo, Irún e Barcelona. Continuou
viaxe hacia a cidade condal, Francia, Italia, Austria, Alemaña e
Inglaterra para explicar o proxecto e
xestionar coas compañias navieras o establecemento doutros viaxes
rápidos con diferentes nacións europeas.
Chegado outubro de 1906, cando o goberno arxentino tiña que resolver o concurso e Lisboa contaba coas mellores condicións administrativas e económicas para sair elixida, a campaña de Echegaray conseguiu o concurso quedara deserto.
Chegado outubro de 1906, cando o goberno arxentino tiña que resolver o concurso e Lisboa contaba coas mellores condicións administrativas e económicas para sair elixida, a campaña de Echegaray conseguiu o concurso quedara deserto.
O proxecto despertou gran interés e
axiña se foron incorporando outros complementarios, dende o establecemento de
zonas neutrales(zona franca) para depositar mercaudurías ata a
construción de un “grandioso hotel” que
podería competir con calqueira do extranxeiro, levantado por un sindicato de
capitalistas ingleses e españois e patrocinado pola naviera “Mala Real
Inglesa”, as crónicas periodísticas da época garantizaban que os planos xa
estaban terminados e que se levantaría próximo a estación de ferrocarril.
1907.-Martín Echegaray é nomeado fillo
predilecto da cidade de Vigo.
1908.- Arranca a campaña antiforal do Directorio de Teis,
mobilización das sociedades agrarias que
prendeu como lume na sociedade rural galega farta desta formula de tributación medieval. Martín Echegaray foi o
embaixador dos agrarios ante a colonia de galegos da capital do plata, o 20 de
marzo de 1908 o Centro Galego de Bos Aires
suma o seu apoio a campaña antiforal.
1910.-
Martín Echegaray establecese en
Vigo despois dunha breve estancia en Xixón, merca a Illa de Toralla o
industrial da salgadura e do escabeche Enrique Lameiro e construe unha residencia de verán no lugar da vella fábrica. Nos anos sucesivos a Illa de Toralla aparece regularmente na prensa de todo pais por converterse nun lugar de visita e
estancia de persoeiros diversos da vida
política e cultural.
1911.- Durante o verán Echegaray inagura Villa Gioja, para o que organiza distintas festas e convites. A
primeira delas tivo importantes
repercusións para o desenvolvemento de Vigo, foi o venres 11 de agosto, contou
con numerosos invitados entre os que estaban Manuel Losada, tamén indiano natural de Gondomar, Eladio de Lema director do Faro de Vigo, Prudencio Landín e Miguel Fernández de Lema,
periodistas, o violinista Manuel
Quiroga, o industrial asentado en Canido Tomás Mirambell Maristany, José Ramón Arbones Carballido fundador do
Banco de Vigo, Francisco Arbones, enxeneiro, Ricardo Mella
Cea tamén enxeneiro e teórico
anarquista, Concepto López Lorenzo,
Victorio Pig, Jaime Solá fundador
da revista Vida Gallega, Ricardo Echegaray irmán do anfitrión, Inocencia García, esposa e Segundo Echegaray, fillo. Iniciouse a xornada con un xira marítima pola
ría, o mediodía desembarcaron na illa onde realizaron o xantar.
Chegada a sobremesa e como era costume nos xantares conmemorativos
sucederonse os discursos animados polos
viños e licores, Manuel Losada puxo sobre a mesa a necesidade de construir un tranvía na cidade de Vigo como
os que funcionaban en outras ciudades de
Europa e América, compromentendose a
achegar 200.000 pesetas, seguiulle na demostración de xenerosidade
Concepto López con outras 200.000 pesetas,
Victorio Pig con 50.000
pesetas, Martin Echegaray con 25.000 pesetas, parece que rematados os
postres entre os alí presentes habían comprometido a achegar cerca de un millón
de pesetas para crear unha compañía que construiría o tranvía eléctrico de Vigo.
Xantar inagural de Villa Gioja, Toralla, 11. agosto.1911. Fundación non formal dos tranvías de Vigo. |
Asistentes o xantar do 11 de agosto de 1911. No centro con chapeu e lentes Martín Echegaray. |
Días despois, o domingo 27 de agosto
Echegaray e familia obsequiaron a multiples amigos con unha festa consistente
en baile, regatas, cucañas e fogos de
artificio marinos e terrestres, ademais dunha
iluminación da illa que chamaba a atención dende moi distintos lugares
da ría.
1912.- Tralo proceso de captación de
capitais constitúese formalmente a Compañía de Tranvías Eléctricos de Vigo,
da que Martín Echegaray foi o primeiro
presidente.
1913.-
Cando se
construía un muro a carón da praia descubrense na illa uns enterramentos que
despertan o interés de Echegaray. Ordea
paralizar as obras e invita o crego e
arqueólogo de prestixio Eladio Gallego Arce quen cataloga as tumbas como romanas.
Eladio Gallego Arce revisa as tumbas romanas. Toralla. 1913. |
Áncora e tégula romanas achadas na recrópoli de Toralla. 1913. |
1914.- O 9 de agosto empezan a rodar os primeiros tranvias pola
cidade de Vigo.
1915.
Sae do Consello de Administración da Compañía de Tranvias xunto o seu veciño e compañeiro de multiples
proxectos Tomás Mirambell. Sucedeuno á fronte da
compañía o teórico anarquista e
librepensador Ricardo Mella de quen foi valedor para ocupar o cargo e que
resulta indicativo do talante democrático de Echegaray.
1915.- Durante o verán realizase a primeira
excavación no castro da Illa de Toralla, descubriuse unha vivenda circular de
seis metros de diametro interior con un añadido adicional de metro e medio onde
apareceron restos de cinza. Atoparonse fragmentos de cerámica.
Cerámica castrexa. Illa de Toralla. |
1922.- febreiro. Nas eleccións municipais
sae elixido concelleiro na quenda de elección popular xunto a outro persoeiro
vencellado a Canido, o arquitecto Manuel Gómez Román.
1922.- setembro. O prestixioso arqueólogo austríaco Hugo
Obermaier, catedrático de Prehistoria da Universidade Central de Madrid visita
a illa de Toralla onde Echegaray lle mostrou os descubrimentos arqueolóxicos
realizados.
1922.- decembro. 23. Chega a illa de Toralla
o cuestionado xeneral e gobernador civil
de Barcelona Severiano Martínez Anido para pasar uns días de descanso. Un alto cargo amigo do
xeneral escribiu a Tomás Mirambell a procura dun lugar que reunira boas
condicions de seguridade para aloxar o
controvertido militar relevado uns meses antes pola desproporcionada
violencia empregada na represión de folguistas e sindicatos. Martínez Anido
convertírase no obxetivo prioritario de
grupos anarquistas o que obrigou ó militar
a ocultarse por un tempo.
Martín Echegaray. 1921. |
1926.- Visita a illa de Toralla o xeneral
Berenguer, despois de xantar na finca de Mirambell acompañado do gobernador
provincial, o notario Velo de la Viña e Gregorio Espino entre outros, trasladados a illa foron
recibidos por Martín Echegaray. Poucos anos despois sería presidente
do ultimo goberno da monarquía no pèríodo coñecido como “dictablanda”
comprendido entre a caída de Primo de Rivera e a proclamación da II República.
Xogadores do Motherwell F.C. equipo da Premier League escocesa. Recibidos por Echegaray en Toralla. 1927. |
1927.- Douscentos nenos das Escolas Val Miñor
acompañados de profesores e do fundador
desta institución Manuel Lemos da que é
un destacado patrocinador Martín
Echegaray realizan unha excursión a Toralla, trasladaronse ata Canido en
tranvia e ata a illa en embarcacións diversas, onde pasaron boa parte do día e
foron invitados a comer polo anfitrión.
Chegada dos nenos de Escolas Pro-Val a Toralla. 1927. |
Echegaray rodeado de nenos das Escolas Pro-Val. 1927. |
1928.- xullo. 16. Martínez Anido volve a illa de Toralla, na condición de
Ministro de Gobernación da ditadura de Primo de Rivera, corría o 16 de xullo, o mediodía xantou en
Vilamar, propiedade de Tomas Mirambell, presidente do comité organizador do
monumento a mariña universal de
Monteferro, pola tarde Martínez Anido percorreu a illa de Toralla para recordar
a estadía de anos atrás, despois desprazouse a Panxón onde
inagurou o monumento de Monteferro.
Martínez Anido en Toralla. 16 de xullo de 1928. |
1929.- Martín Echegaray e Tomas Mirambell
adiantaron do seu peto as 17.000 pesetas que lle correspondía achegar a
Deputación Provincial para que non se demorara o inicio
das obras da estrada de novo
trazado entre Coruxo-Tarrio e Canido,
unha vella aspiracion da Sociedade de Agricultores de Coruxo que definitivamente se facía realidade.
1930.-
Visitan a illa de Toralla invitados por Martín Echegaray unha misión da Xunta Superior de Excavacións da que formaba parte o historiador e intelectual
galeguista Xosé Filgueira Valverde.
1931.- xuño. O xornal El
Heraldo de Madrid publica unha noticia na que se comenta a estancia entre
finais de 1922 e principios de 1923 do xeneral Severiano Martínez Anido na Illa
de Toralla no que se lle reprochaba a
Echegaray que tivera de invitado na súa illa a este discutido e
sanguinario personaxe. Martín
Echegaray responde ó Heraldo mediante a publicación
dunha carta onde argumenta que a hospitalidade prestada foi para
satisfacer a un amigo(Tomás Mirambell)
e que el non coñecía persoalmente a Martínez Anido nin compartía o seu
xeito de pensar, pero que, unha vez dada a súa palabra, debía cumprila.
Respecto dos que o acusan de republicano de última hora, Echegaray responde:
...Soy hijo y pariente por consangüinidad de hombres que figuraban inscritos como afiliados y aún como dirigentes de los comités que procedieron a la proclamación en España de la primera República, no había de esperar yo a la proclamación de la segunda para significar mi sentir y mis aspiraciones en lo tocante al régimen de gobierno de mi patria...
...Soy hijo y pariente por consangüinidad de hombres que figuraban inscritos como afiliados y aún como dirigentes de los comités que procedieron a la proclamación en España de la primera República, no había de esperar yo a la proclamación de la segunda para significar mi sentir y mis aspiraciones en lo tocante al régimen de gobierno de mi patria...
1931. xullo. 18. Morreu
de xeito repentino cando tomaba as augas en Baños de Molgas, Ourense, tan só uns meses despois da
chegada a súa soñada República. O día seguinte o seu cadáver foi
trasladado á Vila Inocenta, residencia familiar en Coia onde foi velado ata o
enterro no cemiterio de Pereiró
acompañado dunha multitudinaria
manifestación de duelo.
Foi presidente do Centro Republicano
Vigués e membro da Loxa Masónica
Jovellanos de Xixón durante a súa estancia nesta cidade co nome
simbólico de Vigo, e alcanzou o grao 33, o máis alto dentro da masonaría. En Vigo formou parte da Loxa Vicus nº 8 no que ostentaba o cargo de membro honorario no momento da súa morte.
Martín Echegaray. Retrato. Data estimada 1931. |
1932.- decembro. A Sociedadede Agricultores de Coruxo
acordou en Xunta Xeral
propoñer o Concello De Vigo para que a
estrada de Tarrio ó Vao pasara a denominarse “Avenida de Martín Echegaray” polo determinante apoio prestado a
consecución desta obra considerada unha necesidade inaplazable para
a parroquia.
1936.- abril.
Inagurouse unha placa que daba nome a unha praza da cidade de Vigo que
levaba o nome de Martín Echegaray.
1936. agosto. 1. E detido na illa de Toralla o dirixente
socialista Apolinar Torres López onde
estaba agochado. Foi condeado a morte e fusilado o 27 de agosto.
1936. setembro. 15. O primoxénito do señor de Toralla, Segundo Echegaray morre paseado a mans dos falanxistas no cemiterio de Cabral.
Meses despois a familia Echegaray sae do pais e exiliase na Arxentina. Anos
mais tarde os restos mortais de Martín Echegaray así
como os de seu fillo Segundo foron trasladados a Bos Aires por expreso
desexo da familia onde descansan no panteón familiar.
Fontes documentais:
- El Eco de la Fusion, periódico republicano. Bos Aires. 18.06.1903.
- El Correo Gallego. Ferrol. 8.11.1906.- Noticiero de Soria. 11.07.1906. 3.11.1906.
- La Correspondencia de España. Madrid. 23.05.1906. 4.06.1906. 3.07.1906. 2.11.1908.
- La Correspondencia Gallega. Pontevedra. 2.07.1906.
- El Eco de Galicia. Bos Aires. 10.09.1905.
- El Noroeste. 1.06.1907.
- El Progreso. 16.01.1915.
- El Correo de Galicia. Bos Aires. 21.05.1922.
- El Pueblo Gallego. 17/06/1931. 3.12. 1932.
- El Debate. 16.01.1923.
- Almanaque Gallego. Bos Aires. 1927.
- Cando o xeneral Martínez Anido estivo agochado en Toralla. MemoriadeOiablospot.com.es.
- Memoria dunha parroquia republicana. San Miguel de Oia-Vigo na década dos trinta. Bernardo Vázquez Acuña. Instituto de Estudios Vigueses. Vigo. 1915.
- El Correo Gallego. Ferrol. 8.11.1906.- Noticiero de Soria. 11.07.1906. 3.11.1906.
- La Correspondencia de España. Madrid. 23.05.1906. 4.06.1906. 3.07.1906. 2.11.1908.
- La Correspondencia Gallega. Pontevedra. 2.07.1906.
- El Eco de Galicia. Bos Aires. 10.09.1905.
- El Noroeste. 1.06.1907.
- El Progreso. 16.01.1915.
- El Correo de Galicia. Bos Aires. 21.05.1922.
- El Pueblo Gallego. 17/06/1931. 3.12. 1932.
- El Debate. 16.01.1923.
- Almanaque Gallego. Bos Aires. 1927.
- Cando o xeneral Martínez Anido estivo agochado en Toralla. MemoriadeOiablospot.com.es.
- Memoria dunha parroquia republicana. San Miguel de Oia-Vigo na década dos trinta. Bernardo Vázquez Acuña. Instituto de Estudios Vigueses. Vigo. 1915.