Memoria de Oia pretende ser un instrumento para recoller e difundir a microhistoria e a cultura popular desta parroquia, a vez que defender e poñer en valor o seu patrimonio arqueolóxico, etnográfico e natural. Unha fiestra aberta a participación daqueles que teñan algo que contar e compartir, microrelatos, documentos, contos, fotografías ou historias anónimas que quedaron arrombadas nos faiados ou na memoria dos nosos avós.

martes, 4 de xuño de 2024

Modesto García Nóvoa, o médico republicano desterrado en Oia

 

    A parroquia de San Miguel de Oia foi o lugar escollido por algúns persoeiros sobranceiros para establecerse ou desenvolver algunha actividade profesional. Dende Tomás Mirambell a finais do século XIX ou Martín Echegaray a inicios do XX, sucedéronse diferentes casos, na década dos vinte, co arquitecto-galeguista Manolo Gómez Román e o mestre, renovador da plástica galega, Manuel Torres. O drama da guerra do 36 e a lousa da ditadura trouxeron outro perfil de “ilustres” que buscaban pasar desapercibidos pola súa condición de desafectos, caso do médico obxecto deste artigo, Modesto García Nóvoa, e o pastor protestante de Valladolid e mestre, Manuel Borobia. En Canido tiña a súa segunda residencia por aqueles anos a que foi primeira muller médica e xinecóloga de Galicia, a galeguista Olimpia Valencia. Na década dos setenta, nun contexto diferente, estableceuse aquí outro loitador polas liberdades, o aviador lugués e heroe da revolución de Asturias, Antonio Nieves. Todos eles, movidos por diferentes motivacións e circunstancias, enriqueceron o microcosmos económico, social e cultural da nosa parroquia. Dende aquí este sinxelo tributo de lembranza e admiración.

 

    Modesto García Nóvoa, coñecido en Oia como “Don Modesto” ou “O médico das Grades”, era fillo da emigración, nado en Chabas de Santa Fe, Arxentina, en 1896, de pais oriúndos de Gomesende, Ourense. Estudou medicina en Valladolid, obtivo o doutoramento en 1923 e ingresou ao pouco no Corpo de Inspectores Municipais. Especializouse en doenzas do pulmón, corazón e medicina interna. Deu os primeiros pasos en clínicas de Valladolid capital e Madrid e conseguiu despois a praza de Médico de Asistencia Pública Domiciliaria na localidade valisoletana de San Miguel del Arroyo.

Carné do Colexio Oficial de Médicos de Valladolid. 1925.
Documento cedido pola familia García.

    Afiliado a Izquierda Republicana, foi un home que viviu con ilusión o lustro democrático saído do 14 de abril de 1931, apoiando os cambios que supuxo o novo réxime e xerando a conseguinte inimizade dos caciques locais, que vían ameazados os privilexios de sempre. Co golpe de estado de 1936 detivérono, polo que pasou máis dun ano como preso gobernativo no Campo de Concentración de las Cocheras de Tranvías de Valladolid, onde coincidiu con Manuel Borobia, futuro sogro e veciño na posguerra en San Miguel de Oia, e con Leopoldo García Ortega, membro das Xuventudes Libertarias, a quen don Modesto atendeu dunha parálise facial polos malos tratos recibidos, o que lle custaría un severo e humillante castigo, ao ser obrigado a saudar coa man en alto durante unha longa noite sen baixar o brazo, como represalia por incumprir a prohibición de atender os presos, cousa que non deixou de facer en ningún momento durante o tempo que permaneceu recluído nas cocheiras.

Modesto García, Petra Parada, os fillos Pepe e Tomás e o can Pinto. 

San Miguel del Arroyo. Valladolid. 1929. 

Foto cedida pola familia García.


    Na súa ausencia, a maquinaria do espolio e da rapina actuou sobre os seus bens; primeiro foi o coche, un Buick, que aparece na foto familiar, requisado pola columna Serrador, formada por falanxistas de Valladolid e membros do exército sublevado. Tamén se apropiaron dunha granxa avícola, e incluso dos móbeis da casa e do instrumental da consulta, amais de expulsalo do Colexio Médico e de desposuílo da súa praza en San Miguel del Arroyo. As dificultades da familia, mentres estivo preso, chegaron a tal extremo, que foi a empregada da casa, Flora, quen se fixo cargo dos nenos, levándoos a vivir cos seus a Tordesillas, facéndoos pasar por fillos propios e evitando que os ingresasen nun hospicio.

    Ao pouco de saír da cadea, falece a súa muller, Petra Parada, a consecuencia dunha doenza cardíaca agravada pola cruel situación que estaba vivindo, chegando a ser covardemente agredida e pateada na estación do tren de Valladolid por un falanxista. 

    Desterrado e con tres fillos, elixiu San Miguel de Oia por quedar Ourense dentro do raio de prohibición de 400 quilómetros establecidos na orde gobernativa. Mercou parte da casa das Grades, edificio histórico pertencente á familia fidalga dos Blanco Losada dende o séc. XVIII. En novembro de 1937 abriu consulta no número  67 do Paseo de Alfonso XIII, e despois trasladaríase á rúa Carral, onde se celebraban reunións con membros da resistencia antifranquista interior baixo a aparencia de pasar consulta médica. Modesto García era un home vixiado polos seus antecedentes e non foron poucas as ocasións en que foi detido baixo calquera pretexto. Abría os domingos pola mañá para prestar asistencia sanitaria gratuíta aos pobres de Vigo e contorna.

Modesto García Nóvoa, con familiares e amigos na costa de Oia. 

Primeiro pola dereita.  Data estimada:  1940.

Foto cedida pola familia García.


    Naqueles escuros anos corenta, o seu antigo compañeiro de cadea, Leopoldo García Ortega, estableceuse en Vigo para traballar. Un día, baixando a rúa Carral, atopouse co cartel que anunciaba a consulta do médico das Grades. Modesto García púxoo en contacto coa feble resistencia viguesa daquel tempo.

    Casou en segundas nupcias con Juanita Borobia Mayorga, mestra nacional depurada e filla do mencionado pastor protestante de Valladolid, natural de Zaragoza,   Manuel Borobia, casado coa tamén mestra Carmen Mayorga, que deixaron unha profunda pegada na memoria colectiva da parroquia de Oia pola calidade da súa actividade docente. En 1941 os Borobia e Modesto García crearon unha sociedade mercantil e adquiriron un pequeno barco de pesca, o “Popeye”, que tiña base no porto de Canido.

Anuncio de prensa.

El Pueblo Gallego. 23.11.1937, páx. 3.


    Formou parte dunha rede de apoio a presos, familias destes e fuxidos, que denominaban Socorro Rojo, en alusión á organización internacional creada a partir da III Internacional. Contou coa axuda doutros colegas, como Darío Álvarez e Olimpia Valencia. Na casa das Grades, a poucos metros do cuartel da Garda Civil de Canido, atoparon acubillo e tratamento médico moitos antifranquistas, entre eles o fuxido de Oia Javier Costas Comesaña “Ligero”, que permaneceu agochado ata 1948. Mediante rifas, os membros do Socorro Rojo recadaban fondos para estes fins. Era, así mesmo, membro da Unión de Intelectuales Libres(UIL), organización desmantelada pola policía en 1947, polo que foi detido e encarcerado durante doce días, ao cabo dos cales quedou en liberdade, ao non se poder demostrar a súa participación. Por esas datas, o cabo da Garda Civil do cuartel de Canido arreoulle unha labazada en plena estación pola cal agregou: “Tú ya sabes por lo que es”.

    Nunha ocasión, do tranvía de Baiona baixou un descoñecido que preguntou a uns nenos onde quedaba a casa de don Modesto, e casualmente un deles era o seu propio fillo. Aquel home era un antigo garda de asalto, que acababa de saír do Campo de Concentración de Camposancos, e que pasou a noite na casa das Grades. Coma el, deberon de ser moitos os represaliados que sabían onde poder atopar axuda, un prato de comida ou consulta médica de balde, bens moi escasos nun tempo de fame extrema e de miseria entre as clases populares, e máis aínda entre os perdedores da guerra, excluídos das prebendas do réxime.

Retrato. 1954. Álbum de la sociedad viguesa. 

Editorial Herrero Montero. Vigo.


    Mantiña estreito contacto co anarcosindicalista Dalmacio Bragado, quen fora dirixente do Sindicato de Boteros e membro sempre activo da resistencia interior. Resultado desta colaboración debeu de ser o paso pola casa das Grades dos anarquistas Francisco Granados e Joaquín Delgado, os “Sacco e Vanzetti españois”, acabados de chegar de Francia, pero que, meses máis tarde, serían detidos en Madrid e condenados a morrer executados co garrote vil, cando corría o ano 1963, e xa era ministro Manuel Fraga Iribarne. Cos anos demostraríase que non cometeran os atentados polos que foron condenados.

    En decembro de 1956, despois dun longo proceso legal, Modesto García Nóvoa conseguiu recuperar o posto de Médico de Asistencia Pública Domiciliaria e obtivo no correspondente concurso praza en Baiona. Aínda que chegaba tarde, significou certa reparación da súa honra profesional.

    Morreu en 1978, en Vigo, onde chegou a ser un médico moi coñecido e recoñecido.

 

Fontes:

- Datos biográficos achegados por: Xulio García Bilbao. Periodista e neto de Modesto García Nóvoa.

- Un médico perseguido: Modesto García Nóvoa. Orosia Castán. Verdad y Justicia. Valladolid. 2013. www.represionfranquistavalladolid org.

- Álbum de la sociedad viguesa. Editorial Herrero Montero. 1954. Vigo.

Xornal  El Pueblo Gallego. 23.11.1937 e  10.06.1958.

Xornal  La Noche. 17.12.1956.