Tocaba a fín do ano
1922 cando o ferrolán Severiano Martínez Anido se veu agochar á Illa de Toralla tras ser
destituído do seu posto como Gobernador Civil de Barcelona por extralimitarse na
represión das folgas obreiras e
do sindicalismo anarquista, nún tempo en que a opinión pública do país viviu
sucesivos sobresaltos polo xeito de actuar deste militar.
Severiano Martínez Anido |
Nado en 1862 en
Ferrol, militar de
carreira, fixo a guerra en Filipinas
contra os independentistas. Condecorado por méritos de guerra, pasou despois a combater no conflito de Marrocos polo que
o ascenderon a Coronel en 1910. Foi axudante do Rey Alfonso XIII
durante un curto período de tempo voltando despois ao norte de África onde
ocupou o cargo de Gobernador Militar de Melilla. Con esta experiencia en conflitos
tan sanguentos, chámano en 1917 para ocupar o posto de Gobernador
Militar de Barcelona e despois o de Gobernador Civil coa misión de reprimir as
revoltas obreiras que culminaron coa folga xeral dese ano.
Illa de Torala con Villa Gioja, residencia de verán da familia Echegaray na praia de Area Grande. |
Martínez Anido
caracterizouse durante o seu tempo como responsable gobernamental na capital
catalá por practicar
unha represión brutal, aplicando métodos expeditivos contra o sindicalismo anarquista
da CNT, onde puxo en práctica a lei de fugas, consistente en simular a
fuxida dun detido nun
traslado para poder asasinalo.
Xunto coa patronal e
o capitán Xeral de Cataluña, Joaquín Miláns del Bosch (pai do
golpista do 23-F), funda o Sindicato
Libre, chamado polos
anarquistas Sindicato Amarelo, convertendo as rúas de Barcelona nunha guerra
solapada entre os cenetistas e os pistoleiros a soldo do Sindicato Libre, na que participou a propia policía
mandada polo ferrolán.
A desproporción da violencia empregada contra os folguistas e sindicatos provoca a seu relevo en outubro de 1922. Entón, Martínez Anido convértese no obxectivo prioritario dos grupos anarquistas, o que obriga ao militar a procurar un lugar onde ocultarse nos meses seguintes. Chega a Vigo o 14 de decembro de 1922 e agóchase durante arredor de tres meses na illa de Toralla, propiedade de Martín Echegaray quen anos máis tarde, xa en tempos da II República, sería acusado de darlle refuxio a este sanguinario militar. Segundo a versión da familia Echegaray, este foi chamado ao Goberno Civil de Pontevedra onde o gobernador lle preguntou se daría acubillo a unha persoa en perigo cunhas ideas moi distintas das súas. O dono de Toralla aceptou o compromiso pola súa amizade co gobernador.
Durante a súa estancia en Toralla, Martínez Anido fíxose pasar por un comerciante de panos de Barcelona, aínda que parece que non pasou desapercibido ao ser recoñecido nalgunha saída á cidade de Vigo, para o que utilizaba unha embarcación dos propietarios da illa, do que se fixeron eco os xornais, aínda que a noticia acompañouse de versións un tanto fantásticas como a que afirmaba que embarcara para América.
Martínez Anido leendo o discurso na inaguración do monumento de Monteferro. Xullo. 1928. |
Despois da marchar de Toralla, ascende a xeneral e noméano Gobernador militar de Cartaxena. Durante a ditadura de Primo de Rivera asume o cargo de ministro de gobernación e vicepresidente do Consello de Ministros, tempo no que volve a achegarse a Vigo para inaugurar, en 1928, o monumento á mariña universal de Monteferro, momento no que volve visitar a illa de Toralla.
Martínez Anido rodeado de nenos nas escaleiras de Villa Gioja, en Toralla. Xullo. 1928. |
Coa proclamación da
II Republica é expulsado do exército exiliándose en Francia ata 1935, ano no
que o goberno dereitista da CEDA, sendo ministro de defensa Gil
Robles, restitúelle os
dereitos como militar. En 1936, o goberno da Fronte Popular vólvelle retirar o estatus.
Cando os militares
africanistas se sublevan contra a República en xullo de 1936, Martínez
Anido únese aos golpistas. Franco noméao ministro de Orde Pública, tempo no que o embaixador da
Alemaña nazi chega a dicir :
“El terror que practica
actualmente Martínez Anido en la zona nacional resulta inadmisible incluso a
los ojos de la propia Falange”
Morre ao pouco tempo
en Valladolid. Corría o ano 1938, despois de adicar boa parte da súa vida
a aplicar contra a
poboación civil brutais métodos represivos, incluso
impropios de conflitos bélicos, característica dos militares africanistas
españois daquel tempo que entendían o mundo como un cuartel e aos cidadáns como
simple infantería, propia ou inimiga.