Na cultura tradicional galega abundaban
os oficios ambulantes, afiadores
de Ourense, augardenteiros de Sober, paneiras da Graña, capadores e cereiros de
Terra de Montes, canteiros de Tenorio e
Xeve, maiormente homes e, en
menor medida, mulleres. Orixinarios de zonas rurais afastadas dos centros urbanos,
que en determinadas épocas do ano se desprazaban a comarcas lonxe das súas aldeas onde
pasaban tempadas desenvolvendo unha actividade de xeito itinerante. Nuns
casos botaban uns poucos días ou semanas,
noutros meses, voltando á casa
nos momentos de menos traballo ou cando tiñan que realizar as actividades
propias do campo como a sega ou a
vendima.
Entre esta tipoloxía de oficios
estaban os “serranchíns”, traballadores
especializados en serrar a madeira e
deixala disposta para a súa posterior transformación polos carpinteiros na construción
de casas, barcos, móbles, etc. A maioría
deles eran orixinarios de Portugal. Percorrían
Galicia con serras, tronzadores e machadas
ao lombo para facer táboas, tablóns,
bigas, pontóns, quillas, cadernas e outras pezas de barcos.
Serranchíns. |
Israel Jesús Gameiro Hermelo, coñecido polo alcume "serrenchín" en referencia o oficio de seu pai, seus irmáns e el mesmo. Natural de Priegue-Nigrán e veciño do lugar da Dobesa, no barrio de Gontade, en San Miguel de Oia onde casou con María Trinidade Rodas. Naceu o 25 de setembro de 1916 no seo do matrimonio formado por Serafín Gameiro natural de Leiría, Portugal, e Josefa Hermelo de Gandón de Abaixo, en Aldán. De neno, entrou a servir en distintas casas para poder levar un xornal á casa.
Israel Jesús Gameiro Hermelo e María Trinidade Rodas de noivos. |
Foi a escola nocturna aos once anos onde aprendeu a ler, escribir e as catro regras. Fillo e irman de serranchíns, dende a infancia traballou serrando madeira facendo parella con seu pai e os seus irmáns no serradoiro familiar no que traballaban nas tempadas en que os serranchíns estaban na casa.
…serrenchín era
meu pai, e despois
a mellor serra que hubo en Galicia
foi José e Lusiano, "os serrenchins", meus
hermanos, iban tres meses na temporada de verano a Lugo os
serraderos, e iban a Carnota, botaban tres meses traballando por fora da casa…
Os serranchíns traballaban
a mantido, sendo costume
proporcionarlles un leito para dormir, que podía ser a palleira, a lareira, un alboio, onde improvisaban unha cama con herba seca ou follaco.
Andaban a pares. Podían levar con eles
un rapaz que lles axudaba a portar a ferramenta
e auxilialos no traballo. Acostumaban a ser membros dunha mesma familia.
Debuxo. Ferramentas dos serranchíns. |
Nuns casos eles mesmos cortaban a madeira no monte. Facíano despois do minguante
de novembro e durante o inverno para que conservase as mellores propiedades. Utilizaban
a machada e o tronzador, axudándose de cuñas para facilitar o movemento deste. Cando
eran pezas de gran volume como quillas ou bigas de casas, ou as destinadas ás estruturas dos barcos como cadernas, cortaban
as árbores seleccionando aquelas con curvaturas
naturais reducindo os encaixes de
carpintería, o que aumentaba a resistencia da estrutura do barco.
… si era unha torada mui jorda que fasian pinos a todo o larjo pa tapas,
rejadas, bans, xa fasian as pesas
no monte, e despois iban po astillero, a mais que as sepillaban e as empleaban, fasíanse barcos de madeira, fasíanse
barcos grandes…
Serranchíns traballando nun asteleiro. |
Noutros casos xa tiñan as toradas cortadas dende o inverno no taller ou na casa, e eles facían a tablada segundo o
desexo e necesidades do contratista. Tamén traballaban para os serradoiros
preparando as madeiras máis valoradas.
…fasían todo o tablado pas casas, fasían as tablas e
serraban os pinos, eles iban traballar tres meses na temporada de verano a
xunto os serraderos, porque nos serraderos o fío como ten muita traba comelle máis madeira que
os serrenchíns… entón pois levaban os serrenchíns porque era madeira de
castaño e de nojal, madeiras boas, madeiras de cartos, o nojal utilisábase
muito pa muebles e o castaño sabes tí que foi a millor madeira que hai…
O traballo de serrar iniciabase co escascado que se facía coa machada, logo subían un extremo do madeiro á burra, un soporte feito cun toro suxeto
por unhas gallas, e o outro
extremo a un cabalete ou outras gallas quedando
suspendido no aire o que permitía que un serranchín traballase por arriba e
outro por abaixo.
…o choio era: montaban un
cabalete con dúas patas, ¿sabes como é unha burra? coa machada fasíanlle así,
uns cortes e dalí metíanlle unha pata da burra, do cabalete, e alí xa non
fallaba, e doutro lado outra…
O seguinte paso consistía en marcar cun cordel tinguido de cor as liñas de corte collendo cada serranchín un por unha punta, tensando e
marcando de golpe sobre o madeiro.
…aliñaban unha parte, marcaban unha liña con un cordel
manchado de color, tiñan unha plantilla pa o gordo das tablas, e despois para
marcar por abaixo puñan o cordel así e aplomaban, e xa por abaixo fasían o mismo…
Empezaban a cortar pola punta libre, a que non estaba suxeita a burra,
un serranchín por arriba e outro por abaixo, que era o que facía máis traballo,
polo que a cada pouco alternábanse para repartir o esforzo; utilizaban cuñas
para manter o corte aberto e facilitar o
movemento da serra. Podían utilizar
a serra
de aire semellante a un tronzador ou a
serra portuguesa consistente
nunha folla de aceiro dentada que vai
tensada dentro dun bastidor de madeira,
da que podía haber distintas variantes e tamaños.
Serra portuguesa conservada por Israel Jesús Gameiro Hermelo"serrenchín". Lugar de Dobesa. Barrio de Gontade. Oia. Vigo. |
Variante pequena de serra portuguesa, coa folla no lado. Conservada por Israel Jesús Gameiro Hermelo "serrenchín". Lugar de Dobesa. Barrio de Gontade. Oia. Vigo. |
Jesús aprendeu o oficio de serranchín con seu pai e
seus irmáns, pero cambiouno polo de albanel, primeiro, para facerse despois
mariñeiro traballando nas motoras da sardiña de Baiona e Panxón. Foi tamén chaboleiro na Ribeira do Berbés e por último rematou a súa vida laboral na fábrica
de Carnaud en Coruxo.
Polas súas veas
corre sangue festiva e parrandeira. Afeccionado a cantar, a
disfrazarse e a disfrutar da vida, de mozo gostaba de saír cantar polas casas as noites de Nadal e outras datas sinaladas. Cantaban coplas e romances que reproducían
feitos ou acontecementos de
trascendencia social ou sinxelamente
burlescos para puro divertimento. “Iamos
de jallifa”. Percorrían lugares e barrios de Oia e
parroquías lindeiras cantando de casa en casa, hidratando a gorxa en todas elas
con viño da colleita; así ata altas
horas da madrugada. Formaba cuadrilla co
“callajo”, gaiteiro de Coruxo, ou “Melitón“, acordeonista da Ermida, e
outros moitos. Un daqueles cantares relataba o crime de San Andrés.
El crimen de San Andrés
despertó gran interés
por ser crimen tan horrendo
y horrible al pareser
salió de casa de su novia
sin nadie sospechar
que dentro de unos instantes
la muerte le iban a dar
Mansimino, tú has sido un
criminal
que mataste a tu cuñado
por robarle el capital.
Como aos da súa xeración,
tocoulle vivir o tempo da guerra
civil alistado no exército
de Franco. Fíxoo nunha unidade de
artillería, o que lle evitou padecer a dureza das trincheiras. Estivo toda a
guerra na fronte de Teruel pasando por poboacións como Villanueva del
Rebollar, Talves, rematando na Serra do Espadán, xa en Castellón. Naquela estadía na fronte de guerra impresionárono as
mulleres milicianas que combatían nas trincheiras inimigas loitando polos ideais que representaba a legalidade republicana,
…un día levanteime de noite,
eu e mais un compañeiro e fomos a mirar así a un sercado, hasta o que lle
chaman a baioneta, e había mulleres no
frente na parte dala, con aqueles peitos
e o machete, e o fusil o lombo, e ajabeaban
por aqueles penedos parriba !eran feroses! cando estaban na trinchera alí
morrían, pero mentres non morrían fasían
barro, había muitas…
Jesús "serrenchín" con dous compañeiros no tempo da guerra. |
Home dunha gran capacidade de traballo e fortaleza física, xa de maior
chegou a facer en dúas ocasións o camiño de Santiago, a última delas os
oitenta e tres anos. A persoa de Jesús “serrenchín”
asociouse durante anos a unha bicicleta coa que se desprazaba ao traballo e que
utilizaba para realizar os portes máis insólitos,
…eu
andaba muito en bicicleta, sempre carjado, con feixes de batume. Hai un armario
ahí, que o truxen en bicicleta, sete kilómetros desde Prieje…
Jesús "serrenchín" participando nunha marcha ciclista. |
Israel Jesús Gameiro Hermelo, o último “serranchín” da contorna, memoria viva de Oia con noventa e oito anos de idade, coidado pola súa filla Elsa xoga todas as tardes unha partida de cartas con veciñas do barrio como forma de socialización e divertimento, tal e como o facían os nosos avós. Conservou con agarimo e orgullo dúas serras portuguesas, seña de identidade dos serranchíns e testemuña material dun tempo no que seu pai, seus irmáns e el mesmo fenderon centos de madeiros en longas e extenuantes xornadas de traballo coas que gañar digna e honradamente o sustento familiar.