Os
muíños de auga foron unha evolución do muíño circular manual que se utilizou ata datas recentes, ao que
se lle incorporaron uns mecanismos
artesanais cos que aproveitar a forza da auga,
conseguindo xirar unha pedra de superiores
dimensións e desenvolvendo maior traballo sen apenas esforzo.
Muíño da Chan |
No século XVII, o millo chega de América para quedarse definitivamente cubrindo os campos
de Galicia, convertíndose no principial cereal panificable e alimento da poboación, ocupando
a maioría das terras e ás máis
produtivas, provocando non poucas transformacións na economía, na paisaxe e na
vida da xente. O conseguinte aumento da produción de cereal trouxo parello un crecemento
demográfico e unhas plusvalías económicas que permitiron construír milleiros de muíños repartidos pola rede hidrográfica do país.
Millo branco, corvo e amarelo. |
O millo
seméntase coa chegada da calor en abril e maio, crece durante o verán precisando
de abundante regadío, para ser recollido en setembro-outubro e proceder á esfolla. Como non completa a maduración na planta, os
nosos antepasados inventaron o hórreo, chamado en Oia canastro, onde se completa o
proceso de secado durante o outono e inverno. Coa palla facíanse medas e palleiros utilizándoa como forraxe seco para o gando nas épocas de chuvia.
Tamén se cultivaban outros cereais panificables aínda que en proporcións moito menores: centeo, orxo e trigo que se mesturaban coa fariña do millo, do que saía un pan moi apreciado, pan terciado. A dificultade de conservación da fariña, nun clima húmedo a maior parte do ano, e a ausencia de sistemas de almacenaxe obrigaba a realizar a moenda regularmente, obrigando a que a xestión da auga e do tempo nos muíños de herdeiros tivese unha organización perfectamene establecida. Ir ao muíño era algo cotián que se facía con regularidade, formando parte do xeito de vida da xente da parroquia.
A
maioría dos muíños de Oia
situábanse no rego de Gontade, cun caudal regular ao longo do ano e con desniveis
do terreo que permitiron a construción de 21 muíños nun tramo de 400 metros.
Situación
|
Nome do
muíño/presa
|
Estado de
conservación
|
Barrio
de
Ermida
|
Muíño da Ermida/de Puentes
|
Bo estado de
conservación de paredes, cubo, reducio, pedra e mo, agás tellado.
|
Muíño do Crenque
|
Paredes arruadas,
conserva cubo e reducio. Cuberto de vexetación
|
|
Presa do Crenque
|
Colmatada
|
|
Barrio
de
Gontade
|
Muíño do Louro/do campo
|
Bo estado de
conservación, mantén todos os elementos da construción e os móbiles.
|
Muíño do Cerqueiro/de Blanco
|
Conserva
paredes cubo e reducio. Cuberto de vexetación
|
|
Muíño do Albeiro
|
Paredes arruadas.
Cubo desaparecido, conserva o reducio.
|
|
Muíño das Pinsasas/de Tío Juan Vila/ de Leonides
Vila
|
Bo estado de
conservación. En funcionamento ata datas recentes.
|
|
Muíño da Chan
|
Bo estado de
conservación. Mantén todos os elementos da construción e os
móbiles.
|
|
Muíño da Tuna
|
Conserva paredes,
cubo e reducio. Cuberto de vexetación.
|
|
Presa da Tuna
|
Aterrada, canalizada e apropiada por un particular.
|
|
Tomadas
dos
muíños
|
Muíño da Ponte
|
Restaurado polo
concello.
|
Muíño da Ferrancha/do medio
|
Restaurado polo
concello.
|
|
Muíño de don Diego
|
Restaurado polo
concello.
|
|
Presa da Ferrancha
|
Semicolmatada
|
|
Muíño de Patricio/ da Dobesa
|
Paredes en bo
estado. Reducio e cubo en bo estado. Conserva pedra do muiño.
|
|
Presa de
Patricio
|
Semicolmatada
|
|
Muíño dos Coellos
|
Paredes arruadas
agas a do cubo. Reducio e cubo en bo estado. Conserva pedra do muiño.
|
|
Muíño do Cura
|
Paredes
parcialmente arruadas. Reducio e cubo en bo estado.
|
|
Muíño de Carlos
|
Paredes
parcialmente arruadas. Reducio e cubo en bo estado.
|
|
Presa de Carlos
|
Semi colmatada
|
|
Muíños
novos
|
Muíño de Arauxo
|
Tres paredes en
bo estado. Reducio e cubo en bo estado. Conserva pedra do muíño.
|
Presa de Arauxo
|
Colmatada
|
|
Muíño de Vicente
|
Paredes en bo
estado. Reducio e cubo en bo estado. Conserva pedra do muiño.
|
|
Muíño de Viña
|
Paredes en bo
estado. Reducio e cubo en bo estado. Conserva pedra do muíño.
|
|
Presa de Viña
|
Colmatada
|
|
Muíño da
Pedra/Pedreira
|
Paredes en bo
estado. Reducio e cubo en bo estado. Conserva pedra do muíño.
|
|
Muíño do Caranquexo
|
Paredes en bo
estado. Reducio e cubo en bo estado. Conserva pedra do muíño.
|
|
Presa do
Caranquexo
|
Colmatada
|
|
Muíño darriba de todo
|
Tres paredes en
bo estado, unha parcialmente arruada.Reducio e cubo en bo estado. Conserva pedra do
muíño.
|
|
Presa dos muíños novos
|
Colmatada
|
|
Presa
darriba de todo
|
Colmatada
|
Empezando pola parte baixa do rego, o primeiro muíño é o da Hermida tamén coñecido como de Puentes, situado entre as casas deste barrio; máis arriba nos campos de cultivo está o muíño do Crenque cunha pequena presa e o canal de desvío coa maior lonxitude de todo o conxunto; a pouca distancia deste temos o muíño do Campo, tamén coñecido como do Louro que ten por riba o de Blanco, ou do Cerqueiro; xa no camiño de Gontade atopase o do Albeiro e o das Pinsasas coñecido en décadas pasadas como de Tío Juan Vila, hoxe leva o nome de súa filla Leonides Vila, un muíño vivenda con dúas pedras de moer. Á altura da fonte de Gontade e por debaixo da estrada de Baiona están o muíño da Chan e o da Tuna, que dispuñan dunha presa doada a finais do século XIX por Tía Rosa do Cerqueiro, hoxe desaparecida produto dun aterramento ilegal e da apropiación do terreo por un propietario lindeiro. Xa no monte, os primeiros tres muíños son o da Ponte, o da Ferrancha, tamén chamado do Medio e Don Diego, restaurados polo Concello e polo tanto, en bo estado de conservación, teñen por riba a presa da Ferrancha. A seguir vén o de Patricio, tamén coñecido como da Dobesa, con outra presa denominada igual que o muíño. Cruzando o antigo Camiño Real adentrámonos nos muíños do curso alto do rego. Os máis abandoados de todo o conxunto, son o dos Coellos, o do Cura e o de Carlos, de igual nome que a presa situada por riba deste, a máis grande de todas. A partir de aquí empezan os muíños novos: eran o de Arauxo, coa presa do mesmo nome; o de Vicente; o de Viña, coa presa homónima. Por riba está o da Pedra ou Pedreira e o do Caranquexo coa correspondente presa; e, por último o darriba de todo, que tiña dúas presas: a dos muíños novos e a darriba de todo.
Os
nomes dos muíños de Gontade
poden variar segundo sexa o informante dun barrio ou doutro da parroquia. Boa parte deles teñen alomenos dous
nomes. Nuns casos fan referencia ao lugar
de onde eran os herdeiros, (Hermida, Cerqueiro, Dobesa, Pedra); noutros fan referencia ás familias ou propietarios
orixinais (Don Diego, Arauxo, Blanco,
Carlos, Patricio, Cura); uns poucos recollen o nome dun elemento
xeográfico próximo (da ponte), ou polo emprazamento respecto dos outros
muiños (do medio, darriba de todo); ou fan referencia o uso para o que se destiñaba como o muíño do albeiro, denominación que se daba os muíños utilizados para moer trigo.
Muiño do Louro |
Os
muíños de Gontade son muíños
de herdeiros, non son
comunais como se acostuma a dicir. Esta é unha forma de propiedade compartida
entre os descendentes dos que os construíron ou que compraron os dereitos de
moenda, veciños sempre da parroquia de Oia, agás o muíño das Pinsasas (de Leonides Vila)
que é un muíño de maquía. Nuns muíños moíase cada 15 días se eran 14 herdeiros, ou cada 13 días se eran 12 herdeiros. Se o muíño era
de pouco rendimento, con unha pedra pequena e un cubo tamén pequeno, como o muíño do Crenque, cada herdeiro tiña varios días, xa que precisaba
máis tempo para moer.
A data de construción destes muíños semella que se estendeu o
longo de varios séculos, alomenos durante o XVII, XVIII e XIX. No Catastro de Ensenada (1750) xa se menciona o muíño da Hermida. O muíño
de Patricio conserva unha inscrición coa data de 1799, e os muíños porriba da presa de Carlos
coñécense como muiños novos. Partindo
destas referencias podemos estimar que boa parte dos muíños entre a Hermida ata o de Carlos foron contruídos con anterioridade a
1800 e que os muíños novos, situados na parte máis alta do rego son os últimos construídos xa no século XIX, se ben cabe pensar que
determinados muíños da parte baixa do rego, como o do Crenque que precisou un
longo canal de desvío dende o rego da Lobada, cunha escasa capacidade de moenda debeu
tamén ser construído nun momento tardío. Os primeiros muíños e os máis antigos,
por lóxica, estaban situados nos lugares onde se daban as mellores condicións
de desnivel do terreo e de caudal, e os últimos nos lugares máis
afastados, como os muiños novos ou que requiríron canalizacións e obras de
acondicionamento máis custosas, como o do Crenque.
Muíño do Crenque |
O
veciño que tiña grandes
colleitas dispuña de
horas ou días en varios
muíños, de maneira que pudese moer o volume de gran que tiña ou ceder horas de
moenda que non aproveitaba para ser utilizadas por outros veciños que non dispuñan
de horas ou días de muíño. Tamén se arrendaban, facíase por todo o ano e cobrábase en millo. Por un día de muíño cada 13
ou 14 días, podía pagarse medio ferrado de millo ao ano.
O muíño é un mecanismo movido pola forza
da auga que fai xirar o rodicio, chamado en Gontade reducio, que move a pedra de moer. Consta dos
seguintes elementos: a construción, de
planta retangular cunha
superficie que podía variar pero que estaba arredor dos 25 metros
cadrados con dous andares; a parte inferior comunmente coñecida como inferno, en Gontade denomínase reducio, e a parte superior como muíño; construído con paredes de pedra de
mampostería a dúas caras ou
cachotes con tellado de unha auga de tella do país sobre unha estrutura de
madeira, ripado, con unha porta e un pequeno
ventanuco. Nalgúns muíños ao lado da porta sitúase o pousadoiro,
pedra saínte da parede onde se apoiaba o saco do millo ao chegar. Para esconder
a chave, os herdeiros dispuñan dun
oco agochado na parede ou no reducio chamado pestouro, despois da guerra durante os anos da fame, debido aos roubos a chave do muíño gardábase en casas de veciños dos barrios de Gontade e Hermida. O cubo é un depósito lixeiramente inclinado situado
porriba do reducio e no costado superior do muíño, construído con perpiaño, que serve para aumentar a presión cando o caudal é
pequeno. Para o muíño poder
moer, o cubo ten que estar cheo e alcanzan
alturas de ata 6-8
metros, cunha anchura que varía entre 1,00 ata 1,40 metros na boca
superior, estreitandose cara ao fondo onde se sitúa un pequeno burato, a sateira, por onde libra a auga a presión que bate nas
pas do reducio e o fai xirar.
Muíño de Leonides Vila durante unha reparación. |
Mo do muíño de Leonides Vila despois de picada. |
Elementos e accesorios. Muíño de Leonides Vila. |
No
interior, colgando do teito está a moega, caixón de madeira con forma de
pirámide invertida onde se deposita o
gran, que vacía na quella, unha pequena canle de madeira
lixeiramente inclinada cara á adiante por onde corre o gran axudado pola vibración producida polo taramelo, pau que colga da
quella que ao rozar coa mo faina vibrar, caendo o gran no ollo do muiño onde é triturado
entre as pedras de moer, a
mo e o pé. A pedra que se move mo, está sostida pola segorella, peza de ferro con
forma de cruz que encaixa nesta
por medio duns rebaixes e no lobete, que embutido na buxa, peza de madeira dura(de buxo) fai de eixo, atravesa o pé e empalma
coa vara, onde se sitúa o reducio, roda de ferro cunhas aspas
interiores con forma cóncava onde bate a auga que sae a presión da sateira, facendo xirar a vara e a mo: por debaixo deste está o arriero, peza de madeira sumerxida na auga onde se situa a agulla que é o eixo, un rodamento sinxelo que pode
ser de pedra, de seixo ou de ferro; por
último a vara coa que se tapa a sateira cando se quere encher o cubo e o pesadouro, para abrir cando se quere deixar de moer.
Interior do muíño da Hermida |
A
fariña ao sair de entre as pedras impulsada polo movemento de rotación, cae no caixón. Orixinalmente a fariña caía no chan,
no tremiñado de onde se
barría. Na mocedade dos
nosos avós a maioría dos muíños de Gontade tiñan caixón, os que non, utilizábanse para
moendas destinadas a alimentación dos animais onde se facía fariña brava ou picón.
Cada certo tempo había que picar a mo,
levantábase, dabaselle a volta e cun pico de canteiro labrábase de novo para
obter unha superficie
rugosa. As primeiras
moendas despois deste traballo utilizábanse para os animais pois mesturábanse
os grans da pedra coa fariña.
Segundo
a cantidade de millo que se fose moer, os herdeiros permanecían no muíño á espera ou voltaban para a casa agás os de Gontade, Hermida e barrios
próximos. José Urbano Comesaña Álvarez, alcumado o zapateiro, era un herdeiro que vivía no
outro extremo da parroquia, cargado co saco de millo ao lombo percorreu
centos de veces camiños e carreiros dende o lugar da Mide ata Gontade
para moer no muíño da Tuna, da Pedra e
da Chan :
...nós
tiñamos todas as semanas un día, 24 horas, pola parte paterna tiñamos no da Chan e pola materna no da
Tuna, entón tiñamos nos dous, nunha semana nun e outra semana noutro...ibas pola mañán botábalo a moer e viñas pa casa, si daba tempo, según o
que foras a moer, si levabas muito dábache tempo de poñelo e vir pa
casa e ir despois de comer, calculabas máis ou menos, sabías o traballo
que facía o muiño. No inverno non facía falta
encher o cubo, entonces pa non perder tempo polo día íbase pola
noite, levábase dous, tres ferrados de millo que sería o que moía en toda
a noite, e chegabas pola mañan e mirabas toda aquela fariña, todo o traballo feito. Había veces que xa andaba tocando a castañeta, andaba en van, xa non tiña
gran ningún, moía pedra...pero despois(anos corenta, tempo da fame)
deron en ir a roubar, e xa de noite xa non iba nadie pa deixar o muíño a
moer, aínda que pecharas con chave entrábanche polo tellado ou por donde
fora, sabían que estaba moendo...
A fariña máis apreciada era o oleo, a que quedaba pegada á pedra. Cando se moía millo novo que non estaba ben seco o muíño embolaba, facendo pasta en vez de fariña. Había muíños cunha pedra máis grande e outros máis pequena, en función do tamaño da pedra, do volume do cubo e do axustado que estivese o mecanismo do muíño podía moer mellor ou peor, máis rápido ou máis lento, facer unha fariña máis fina ou máis brava.
José Urbano Comesaña Álvarez "zapateiro".-...
non moían todos igual, o muíño da Tuna, si estaba ben preparado, moíao nunha
hora, pero o da chan xa non o moía porque xa non era da misma
construción, xa tiña a pedra máis pequena, xa tiña menos potencia. O que
lle chamaban da Pedreira en pouco máis de media hora xa moía o
ferrado de millo, o da Pedreira e o do Arauxo eran os millores, os que millor
moían, pola forma deles, principalmente o da Pedreira, aquilo daba
gusto miralo tragar no millo...
Os
muíños sitúanse a pouca distancia do rego da lobada do que se desvía a auga por un rego onde acostuma a situarse a presa que se utilizaba nos meses de
verán cando o caudal era menor para embalsar a auga e despois encher o cubo. Os muíños
asociábanse a determinadas presas denominadas como o muíño máis próximo. Unha
presa podía ser utilizada para un muíño, como o do Crenque, para
varios, como a da Tuna ou para todos os que tiña debaixo como a
de Carlos.
- O reparto da auga entre muíños e regantes.
As dez presas do rego dos muíños eran tamén utilizadas para regadío durante
os meses de verán, o aproveitamento da auga estaba definido de tal xeito que cubríra tanto as necesidades dos campos como a dos muíños, tendo preferencia os regantes sobre os muíños
polo que estes deberon construirse con posterioridade o aproveitamento
comunitario das augas mediante presas e tandas de regadío. A única presa do rego de
Gontade que non tiña muíño debaixo era a dos Lagos, era ademáis
de presa para regadío un presote do
liño, as outras presas non se podían utilizar para
esta actividade porque as fibras do liño podían ser levadas pola auga e enredarse no reducio do
muíño.
Había
dous tipos de auga, a de correntes, augas libres que non se apresaban e non tiñan dono, que discorrían polo
rego da lobada, tiñan a súa orixe en pequenos mananciais e fugas de auga das
sateiras, dos atoles e dos rebosadoiros, e as augas
dos muíños, que eran á súa vez augas de regadío, coñecíanse polo nome dos campos ou cochos que se regaban con elas, como a auga dos padróns das barrouchas e das barxas.
Presa da Ferrancha |
A partir de San Xoán, os muíños situados por debaixo da presa de Carlos mesturaban o aproveitamento
da auga para moer co de regadío; os muíños novos, situados porriba desta
presa eran os únicos que seguían moendo
día e noite. Segundo recordan os maiores da parroquia, antigamente á altura da Tomada Nova no curso alto
do rego, desviábanse as augas para regar campos e cochos en barrios distantes da parroquia como o Outeiro.
Os regantes pechaban as presas pola tarde e regaban á noitiña. O sistema de regadío utilizado podía variar, nuns casos facíase mediante tandas nas que cada campo tiña unhas horas e días estipulados, noutros regábase por cocho, varios campos á vez, aproveitando o abundante caudal da lobada.
Os regantes pechaban as presas pola tarde e regaban á noitiña. O sistema de regadío utilizado podía variar, nuns casos facíase mediante tandas nas que cada campo tiña unhas horas e días estipulados, noutros regábase por cocho, varios campos á vez, aproveitando o abundante caudal da lobada.
A auga da noite
e da mañá pertencía aos muíños. O veciño que tivese moenda pola mañá ia á noitiña e tapaba a presa, e de
madrugada ou pola mañá cedo, segundo a auga que houbese, abríalle a presa para encher o cubo do muíño e poder
moer o que durara a auga. Esa auga ía pasando dun cubo a outro podendo moer
todos os muíños que estivesen por debaixo da presa. A auga dos regantes tamén se
podía utilizar para moer. Como as horas de muíño e as horas de regadío estaban
establecidas por días, os herdeiros que precisaban moer acordaban co regante que
a auga pasase polo muíño ou muíños por debaixo das presas, dándolles servizo a ambos os dous.
Cando un cubo
estaba cheo, se ninguén lle abría a sateira para moer, desviábase por un rego lateral a través do rebousadoiro, pasando ao seguinte
muíño. Cando a auga escaseaba, sobre todo
a partir de setembro, había que reforzala, proceso que consistía en pechar simultáneamente todas as presas poriba do
muíño e abrirlles de arriba para abaixo; deste xeito o caudal da primeira
reforzaba o da seguinte, entraba no cubo e
así no seguinte muíño e na seguinte presa.
O resto do ano, pasado o tempo de regar o millo e os outonos secos, os muíños podían moer noite e día. En tempo de
chuvia, cando a lovada era grande, non era necesario pechar as presas.
Os cubos dos muíños podían utilizarse como
presas. Unha vez cheos, se o
herdeiro non facía uso da auga, vaciábase para regar os campos mesturando coa auga de correntes.
- O muíño de maquía de Leonides Vila.
A carón
do camiño de Gontade, atópase
o muíño coñecido a principios
de século como Muíño das Pinsasas, entre
os anos vinte e os anos cincuenta, como Muiño de Tío Juan Vila e dende entón, como o Muiño
de Leonides Vila. Diferente dos demais muíños do rego de
Gontade por estar integrado
nunha vivenda e ser un
muíño de maquía, en referencia ao sistema de cobro
utilizado. Leonides
Evangelina Vila Alborés, a última muiñeira da contorna, recorda que na súa infancia aínda se conservaban uns ocos no piso e no teito da casa por onde pasaban
unhas grandes correas que partían do reducio do muíño utilizadas en décadas anteriores
para mover algún tipo de trebello relacionado co procesado do liño, que ben
podía ser un batán ou instrumento análogo.
Maquía do muíño de Leonides Vila. |
Cabe
recordar que o mesmo mecanismo hidráulico
dos muíños era utilizado para distintos procesos de transformación artesanais
como o ferro, a seda, a lá, a madeira, ou o liño.
Na
década dos vinte na mesma
planta do muíño dispuña dunha cociña e
servíanse comidas á xente de paso, forasteiros ou aos carabineiros de
Canido cando facían a ronda por Gontade.
Carmen
Alborés, nai de Leonides, herdou a casa de
seus pais pero o muíño aínda que estaba integrado nesta era compartido por distintos herdeiros: dous tíos de Carmen chamados
Eduardo Sanromán e Modesta
Sanromán, e a nai, Juana Sanromán. Tiñan cada un deles 3,5 días
de moenda, que lle foron
comprados por Juan Vila e Carmen Alborés, quedándose con todos os días de
moenda do muíño, deixando de ser un muíño de herdeiros e facendose Juan Vila e
súa dona Carmen con todos os dereitos de moenda do muiño, adicándose dende
entón a moer para terceiras persoas, pasando a ser un muíño de maquía.
Este
muíño consta de un cubo de grandes dimensións con dúas sateiras para poder mover dous reducios e dúas pedras de moer. A construción está formada por tres andares: o reducio, o muíño e a
vivenda. Utilizaba
a auga de correntes e de
todas as presas que tiña por riba, tendo que reforzar a auga para manter o cubo cheo e o muíño
moendo.
Casa muíño de Leonides Vila antes de reformar. Data estimada 1930. |
Casa muíño de Leonides Vila despois de reformar. Data estimada 1945. A dereita o muiño do Albeiro. |
Juan
Vila era un home polifacético. Ademáis
de muiñeiro era labrador,
carpinteiro, encargábase de arranxar os muíños do rego de Gontade e das
parroquias da contorna, actividades que compaxinaba coa
de músico, tocaba o bombardino na Unión Musical de Coruxo
nos anos vinte e trinta, unha das mellores bandas galegas daquel tempo.
Leonides Evangelina Vila
Alborés. ...este muíño moía noite e día. Cando nos levantábamos a mañán, xa a fariña
de todo o caixón subía por riba e a mo iba salpicando a
fariña, cando moia centeo boaba muito e había veces que o
polvo que se perdía era un kilo de mastura, máis ou menos, entón
como iba a peso había que responder polo que se facía, o
finado de papá botáballe unhas sabanas
colgandoas da moega cubrindo o muíño ata o borde do
caixón, e todo aquilo iba pa Coruxo pa tenda
de Pastor e pa do Bagullo en Saiáns, muito
se traballou neste muíño...
O muíño
de Tío Juan Vila traballaba para
aqueles veciños que non tiñan horas de moenda nos muíños de herdeiros, sobre
todo xente de Coruxo, dos barrios da Marina, o Coto e Carrasqueira, que subían
andando polos carreiros atravesando as tomadas dos Pintos co saco de millo ao lombo ou na cabeza,
deixábano e aos poucos días
pasaban a recoller a fariña e pagaban a maquía por cada ferrado de fariña moída. Nos
tempos da fame subían ata o muíño de Tío Juan Vila e trocaban peixe por fariña.
Os
muíños foron caendo en desuso por distintas causas, o
desenvolvemento industrial da fabricación de pan a baixos
custos, a chegada dos muíños eléctricos e a
redución do cultivo de millo como consecuencia do abandono do campo e a “urbanización”
do estilo de vida en aldeas e parroquias.
Muíño do Cerqueiro |
Muíño de Arauxo |
As dez presas e vinte e un muíños do rego de Gontade forman o maior conxunto hidráulico destas características do concello de Vigo. Mentres noutras parroquias e concellos os muíños estan sendo recuperados e a súa contorna tratada con criterios paisaxísticos, a maioría dos de Gontade atópanse nun estado de conservación lamentable, resultado do espolio e o abandono, agás os tres muíños restaurados polo concello décadas atrás, o de Leonides Vila, o da Chan e o do Louro.
De todos os elementos que forman este conxunto, o único totalmente perdido é a presa da Tuna, canalizada e cuberta con un aterramento ilegal co que o propietario lindeiro se apropiou da presa e do rego . !!Sempre houbo aproveitados!!
De todos os elementos que forman este conxunto, o único totalmente perdido é a presa da Tuna, canalizada e cuberta con un aterramento ilegal co que o propietario lindeiro se apropiou da presa e do rego . !!Sempre houbo aproveitados!!
!!! Salvemos os muíños de Gontade !!!
Fontes orais :
Leonides Evangelina Vila Alborés. Gontade. Oia.
Jose Urbano Comesaña Alvarez. Mide.Oia
Amparo Acuña Valverde. Tarrio. Coruxo.