Durante o primeiro terzo do século XX
na praia de Canido agromou un
pequeno pero activo centro industrial vencellado ao mar, consecuencia da transformación da industria artesanal da salgadura e do
escabeche cara á conserva en lata
hermética traída polos industriais
franceses. Na década de 1920 contaba con tres fábricas de conserva que daban
traballo a máis de 100 persoas cada unha delas, ao que hai que engadir a
existencia dunha pequena frota de motoras da sardiña formada por alomenos 6
embarcacións con tripulacións de 12-18
homes que se mesturaban con
gamelas, chalanas e barcos do xeito movidos a vela e remos.
A Praia de Canido era un refuxio natural para as embarcacións de pesca ,
escasamente abrigado dos ventos do Sur por Punta Pinos e do Norte pola illa de Toralla, dispuña dun
pequeno dique cunha rampla, moi próximo á praia construído
para dar servizo á conserveira da familia Curvera.
Muro do camiño de acceso antes do recheo e obras do peirao e dique de abrigo.
Data estimada 1935. Foto Sarabia. Arquivo Porto de Vigo.
|
O Porto de Canido fora habilitado para o embarque e desembarque de
mercadorías pola Real Orde do Ministerio
de Facenda de 1894, tiña a
consideración de porto de interese xeral, dependente da Xefatura Provincial de Obras Públicas, ata
1928 en que pasa a depender da Xunta de Obras do Porto de Vigo xunto co de Bouzas.
Corría o ano 1925, durante a ditadura de Primo de Rivera, cando arrancan as xestións
dos empresarios conserveiros, patróns das motoras da sardiña e veciños, co apoio da Unión de Fabricantes de
Conservas para a construción dun porto e a sinalización marítima da entrada ao mesmo. O 26 de novembro dese ano dirixen unha carta ao Director Xeral de Obras Públicas solicitando que se
inicien os estudos para a construción dun embarcadoiro onde se poidesen realizar as operacións de carga e
descarga de peixe e mercadorías para dar servizo ás embarcacións e ás industrias existentes, solicitaban tamén
a realización de estudos para o balizamento dos baixos denominados A Pulgosa, A Marosa, A Casina, Punta do
Ceral e a voladura das pedras coñecidas como Laños e Xamperés, ademais da sinalización para a enfilación do porto.
Simultaneamente, empresarios, patróns e veciños diríxense ao Concello
de Vigo, presidido por Adolfo Gregorio Espino para que apoie a iniciativa e
asuma o compromiso de financiar o 25% da obra, tal e como se requiría pola
normativa do Estado, comprometéndose o Concello a asumir esta porcentaxe, sempre e cando o custo da obra non superase
as 250.000 pesetas. A partir de aquí, a
Xefatura Provincial de Obras
Públicas inicia a elaboración do proxecto de construción.
Naqueles anos, Canido tiña un
importante movemento de barcos, derivado da frota propia e doutros barcos foráneos que descargaban peixe para as conserveiras, ademais dos adicados a cabotaxe, balandros, galeóns e
pequenos vapores que carrexaban as suministracións e embarcaban a produción destas fábricas.
Semella que a construción do porto de Canido ven motivada polos
conflitos que se produciron ao longo da década de 1920-30 entre os empresarios
conserveiros e os patróns dos barcos do
cerco doutros portos da ría que se negaban a entregar a sardiña en Canido polo perigo que supuña para as embarcacións os
numerosos baixos e a falla de
sinalizacións. O “Regulamento de venda,
preparación e empaque do peixe da lonxa do Berbes” de 1920 tan só obrigaba aos barcos que poxaban o peixe a trasladalo ás fábricas establecidas dende Rande ata Cabo de Mar(Samil) quedando fora as fábricas
de Canido. En decembro de 1926 o concello de Vigo modificou este regulamento ampliando as fábricas comprendidas ata Cabo Estai. Determinadas
informacións mencionan que os empresarios
conserveiros de Canido pagaban ademais unha
cantidade de 10 pesetas a cada barco pola maior distancia do transporte.
Entre os factores que favoreceron a localización das conserveiras en Canido nas primeiras décadas do século estaba a proximidade coa boca da ría onde se desenvolvía durante
boa parte do ano a pesca da sardiña,
os barcos do caldeo despois dos primeiros lances achegábanse ata Canido sen pasar pola lonxa do Berbés, vendían o peixe e voltaban á boca da ría aforrando
tempo e combustible. Pola contra, a
lonxanía con Vigo semella que prexudicaba os intereses dos patróns das motoras pola distancia a cubrir despois de poxado o peixe en Vigo, ao que se engadían os numerosos baixos rochosos e a situación do primitivo peirao en rampla a poucos metros da praia con escaso calado.
Á altura de 1929, durante o período
de elaboración do proxecto, ten lugar un
conflito de intereses entre os conserveiros de Canido e os
armadores e patróns de barcos doutros portos da ría que se negaban
a desembarcar as súas capturas polo perigo que para o acceso ao mesmo supuñan os baixos de Roeiras
e Marosa, que causaban con
frecuencia importantes danos nas
embarcacións, consecuencia desta disputa foi a suspensión temporal
da
ordenanza municipal de 1926 que incluía Canido na obriga de entregar o peixe ás conserveiras, ata que se realizase a balización dos baixos, co correspondente prexuízo para as fábricas no regular abastecemento de
peixe, chegándose a propoñer a redacción
dun novo regulamento onde se contemplase a eliminación do porto de Canido
desta obriga.
Os empresarios conserveiros de
Canido, ante os prexuízos que supuña a
negativa dos barcos a descargar en
Canido, buscaron solucións rapidas ao problema. En febreiro de 1929 proxectan o desmonte ou voladura das pedras
que dificultaban a entrada polo
sur e o dragado da entrada norte. En decembro de 1930 propoñen realizar pola súa conta o balizamento
provisional mediante sendas boias na Marosa e nas Roeiras e unha luz de enfilamento verde en terra para realizar de forma segura a
entrada no porto. Da execución destas
propostas unicamente temos constancia do acordo tomado pola Xunta de Obras do
Porto de Vigo de voar as rochas que máis dificultaban o acceso no verán
de 1931.
O proxecto do porto foi
redactado entre 1927 e 1928
polo enxeñeiro encargado do Servizo Marítimo da Xefatura de Obras Públicas
de Pontevedra Manuel Espárrago, e
continuado, unha vez que o porto de Canido foi agregado ao de Vigo en 1928, polo enxeneiro director da Xunta de
Obras do Porto de Vigo Eduardo Cabello Ebrentz. Consistía nun camiño de acceso dende a estrada provincial formado por cinco
alineacións, e un dique
peirao de dúas alineacións máis, cunha escollera e muro de
protección, proporcionando ás embarcacións abrigo, calado e líña de atraque.
Paralelamente á elaboración do
proxecto do porto, realízase o
das torres de enfilación consistente
na construción de dúas sinalizacións,
unha de terra, metálica, situada
no morro do peirao e e outra de mar de pedra e formigón, cun orzamento
estimado de 12.267,47 pesetas a de mar e de 7.157,34 a de terra que sumaban
30.394,87 pesetas. A Xefatura de Obras Públicas de Pontevedra aprobou o proxecto
en marzo de 1931, acordando a
Dirección Xeral de Obras Públicas en xuño de 1933 subordinar
a execución ao remate das obras
do porto. No xornal el Pueblo Gallego do 1 de marzo
de 1931 infórmase das xestións
feitas polo Alcalde de Vigo en Madrid
quen envía ao presidente da Cámara de Comercio o seguinte telegrama:
“ Proyecto del puerto de Canido, pasó el 27 de
enero informe de Señales Marítimas, manifestamos que en los primeros días de
marzo irá a Vigo el ingeniero señor Enamorado para resolver sobre el terreno
respecto clase de luces, Salúdalo afectuosamente. San Román.
O proxecto foi sufrindo diversas
modificacións, que deron lugar a diferentes proxectos denominados "reformados".
O proxecto inicial de 1928 quedou
aprobado pola Comisión Permanente da Xunta de Obras do Porto de Vigo o 17 de decembro de
1929. Tiña un orzamento estimado en
373.961,44 pesetas, sufriu a primeira
reforma en 1930, consistente en ampliar o camiño de acceso en 55 metros,
pasando a ter un orzamento de 412.232,54
pesetas, cantidade pola que foi aprobado
o 24 de decembro de 1932.
Plano. Arquivo Porto de Vigo. |
O “segundo proxecto reformado” redactouse xa iniciadas as obras, sendo
aprobado o 1 de outubro de 1934 para
dar resposta á petición dalgúns veciños. As modificacións incorporadas consistiron en eliminar a escolleira de talude prevista inicialmente no camino de acceso por muro de mampostería e o
enlace do camiño coa estrada provincial
nunha cota máis baixa da prevista inicialmente, tamén se incorporou a nivelación do terreo segundo a rasante do porto coas fábricas e colocaronse desaugadoiros para evitar o estancamento de augas de chuvia e residuais das fábricas que se acumulaban
neste espazo baleiro por onde
transcorría o antigo camiño de servizo entre as fábricas e o mar, producindo
augas putrefactas cos conseguintes riscos sanitarios. Aínda que se fixo o recheo e as canalizacións que
recollían os residuos das fábricas, o ministerio tan só financiou o
recheo. Cabe supoñer que as canalizacións foron realizadas por conta do concello, incrementándose o orzamento das obras en 39.016,48 pesetas.
O “terceiro proxecto reformado”
aprobouse poucos días antes do inicio da guerra civil, o 3 de xullo de
1936, aumentou o orzamento en
19.760,38 pesetas. As causas, nesta ocasión, foron os destrozos ocasionados
polos temporais no pavimento de empedrado que se asentara inicialmente nas
zonas menos expostas sobre area, facendo de novo sobre leitada de morteiro nunha
superficie de 1081,10 metros cadrados, reforzándose tamén a escolleira de protección
do morro.
Ultima enfilación do camiño de acceso antes do recheo, muelle e dique de abrigo.
Data estimada 1936. Foto Sarabia. Arquivo Porto de Vigo.
|
O último proxecto, denominado “cuarto reformado”, foi consecuencia tamén dos desperfectos ocasionados polos temporais
e quedou aprobado o 7 de abril de 1937, realizándose un muro de protección, continuación do que xa había sobre o dique á altura de onde na actualidade está o club Marítimo gañando o terreo baleiro deixado pola canteira, incrementándose
de novo en 33.262,16 pesetas, alcanzando
ao remate das obras a cifra de 504.241,56 pesetas.
Co desenvolvemento dos distintos proxectos foi aumentando o orzamento das
obras, que superaban sucesivamente o compromiso do concello de financiar o 25%
sempre e cando non superase as 250.000
pesetas, asumindo o concello a parte correspondente dos distintos
incrementos que se foron producindo, contando ademais co compromiso dos
industriais, Tomás Mirambell, Antonio Cerqueira, Juan Arturo Paz e os herdeiros
de Martín Echegaray de financiar tamén gastos engadidos. De todos os xeitos, non
aparecen entre a documentación conservada certificacións que acrediten que
estes empresarios chegaron a financiar parte da obra.
As obras de construción do novo porto de Canido foron adxudicadas en
pública poxa o 30 de setembro de 1933 pola
cantidade de 412.205,54. O adxudicatario da contrata foi Julio Rodríguez Blanco, quen
llas cedeu en maio de 1934 á empresa domiciliada en Vigo, Construcciones
S.L da que era titular Quinciano Negro Monje.
Iniciáronse os traballos o 29 de novembro de
1933, estando previstas que remataran o
o 29 de novembro de 1937, demorándose ata
o 28 de marzo de 1941. De todos os xeitos, o groso das obras
realizáronse entre 1933 e 1936. Foi, polo tanto, unha obra que naceu coa monarquía borbónica da restauración, construíuse durante a república e rematouse no franquismo.
Boa parte da pedra utilizada na obra foi sacada dunha
canteira excavada no mesmo porto, debaixo da finca de Puntapinos onde na
actualidade se ubican un taller mecánico e o Club Marítimo de Canido, quedando un oco de grandes dimensións
utilizado nos días de temporal para gornecer as pequenas embarcacións. Durante a
execución das obras faleceu en accidente laboral un traballador veciño de Oia.
Canteira debaixo de Puntapinos. Foto Sarabia. Arquivo Porto de Vigo. |
O porto de Canido estaba incorporado ao
réxime aduaneiro do porto de Vigo,
o arbitrio sobre a venda de peixe era do 0,30% do valor da venta
realizada. As mercadorías podían descargarse
en Vigo onde pagaban a correspondente taxa, podían
vir a Canido mediante transbordo
no prazo de 48 horas sen pagar nada,
tamén podían descargar en Canido
sen pasar por Vigo previo despacho en Aduana. A tarifa pola utilización de peiraos e ramplas era de 0,45 pesetas por
tonelada de cabotaxe, e 0,70 pesetas se procedía do extranxeiro. Os buques de vela adicados ao
cabotaxe pagaban 0,75 pesetas por día
de utilización do porto.
No ano 1949, no porto de Canido había rexistrados 20 barcos a motor e 102 a remos e vela que supuñan a nada desprezable cifra
de 550 tripulantes. Cabe pensar que se
incluían os mariñeiros de gamela das praias próximas como Sobreira, A Buraca, Fontaíña e Calzoa, xa na parroquia de Coruxo.
Fontes orais:
Leonides Evangelina Vila Alborés. Gontade. Oia.
Eugenia Comesaña Alonso. Loureiro. Oia.
Jose Urbano Comesaña Alvarez. A Mide. Oia.
Jose Urbano Comesaña Alvarez. A Mide. Oia.
Fontes documentais:
El Pueblo Gallego.
Arquivo Porto de Vigo.
Arquivo Concello de Vigo.