Memoria de Oia pretende ser un instrumento para recoller e difundir a microhistoria e a cultura popular desta parroquia, a vez que defender e poñer en valor o seu patrimonio arqueolóxico, etnográfico e natural. Unha fiestra aberta a participación daqueles que teñan algo que contar e compartir, microrelatos, documentos, contos, fotografías ou historias anónimas que quedaron arrombadas nos faiados ou na memoria dos nosos avós.

sábado, 22 de marzo de 2014

Historia dunha paisaxe

En 2006, a  galería parisina Boisgirard-Antonini, non moi lonxe do museo do Louvre, no barrio parisino de Montmartre, tiña á venda  por 3.000 euros este cadro obra do pintor Martín Echegaray García,  erroneamente titulado Paysage Basque,  se ben  é unha paisaxe  e moi fermosa; non é vasca,  é un  privilexiado  anaco da parroquia de Oia antes da era do cemento.

Paysage Basque- Martín Echegaray García.

Este  oleo de Echegaray  vén  ser unha reprodución da fotografía de Sarabia   que encabeza este blog,  publicada pola revista Vida Gallega  en 1927 e que ao parecer serviu de modelo ao pintor  para recrear cos seus pinceis a illa propiedade da súa familia.

Martín  Juan Echegaray García, pintor vigues, fillo de Martín Echegaray Olañeta e  Inocencia García, naceu  en 1901.   Era membro dunha das familias máis ricas de Vigo naquel tempo.  Seu pai amasou unha gran fortuna na emigración americana  mercando a illa de Toralla en 1910. Echegaray pai  chegou  a ser concelleiro do axuntamento vigués por elección popular en tempos da restauración borbónica, rexeitando ser alcalde para non ser nomeado polo rei  en coherencia co seu ideario republicano.

Martín Echegaray, fillo,   formouse   inicialmente en Vigo,  na academia do pintor pontevedrés   Carlos Sobrino  ata  1922, ano no que ingresa na Real Academia de Belas Artes de San Fernando en Madrid  onde rematou os estudos superiores en 1927.  A súa primeira exposición colectiva en Vigo data de 1924. Anos máis tarde, en 1926 faría a primeira exposición individual no Circulo Mercantil  e  outra en 1930 no Casino vigués, polo que parte da súa produción artística daquela época foi mercada pola burguesía viguesa. A partir de 1927 as referencias situan o pintor en París onde quedou a vivir.  Estivo en  Italia en  1929 adicado  ao estudo  dos clásicos florentinos. Por esas datas realiza as primeiras exposicions  na capital francesa , na sala Camine no barrio latino  e no  Salón de Outono de 1930.

En   1936  pasou a ser un exiliado como tantos outros, tras vivir de preto o drama da represión  co asasinato de  seu irmán Segundo Echegaray a mans dos falanxistas e da garda civil, en represalia polo seu pasado republicano e por agochar na illa de Toralla o mestre e  líder socialista Apolinar Torres,  tendo que saír o resto da  familia Echegaray do pais vía Portugal para instalarse de novo  na  Arxentina. Martín Echegaray permanecería en París ata a súa morte en 1957.


A día de hoxe “Paysage Basque” esta á venda na Niceartgallery de Niza (http://www.niceartgallery.com/Martin-Echegaray/Paysage-Basque-oil-painting.html  por tan so 188 Euros.  Son malos tempos para a lírica…