Dende os confíns da prehistoria o home adicouse a
recolección en terra e no mar co que
acadar un sustento alimenticio, o marisqueo foi práctica común entre os
poboadores da beiramar galega dende o paleolítico, pasando polos castros
onde quedou a testemuña material nos concheiros, chegando ata os nosos días.
A situación de
Oia na ribeira sur da ría de
Vigo, con unha costa maiormente rochosa
e batida polo mar permitíalle a muitos labregos misturar o aproveitamento de determinados recursos mariños cos do do campo, mediante a recollida de argazo e mexilón co que estercar
as terras e como fonte de alimentos mediante a practica
dun marisqueo a pe nas zonas rochosas, eran
os “sequeiros”, asi chamados
porque aproveitaban as secas cando
a marea baixa deixando ao descuberto importantes extensións de pozas onde se podían coller distintas
especies, sobre todo pulpo, nécoras, centolos, peneiras, mariscas, ourizos, chocos e congrios. Combinaban o traballo no
campo ou noutros oficios con esta forma de marisqueo para o consumo na casa e
en ocasións para vender, respondía a filosofía de autoconsumo da agricultura
tradicional galega.
José Urbano Comesaña
Alvarez o último sequeiro de Oia, herdou o alcume “zapateiro” de seu avó, que vivía a carón do carreiro dos zapateiros entre o barrio da Senra e Loureiro. Jose
naceu no lugar da Mide en 1914 no seo dun matrimonio de labradores formado por Paulino Comesaña e María Alvarez,
foi a escola os seis anos, primeiramente
nas Figueiras onde era mestre don Ovidio
e despois a escola nacional de nenos da
Senra sendo un dos muitos rapazes que
recibiron as ensinanzas do mestre Manuel
Torres, célebre pintor e viñetista
nos xornais da época.
Os doce anos
deixou a escola para traballar no campo na casa familiar e adicarse a percorrer as rochas entre Fortiñon e Cabo
Estai buscando sobre todo pulpo, pero tamén congrio, chocos, algunha centola,
coñecía todas as pequeñas covas, os “laños” onde se esconde o pulpo e o
congrio,
José Comesaña, de mozo con sacho e chapeu. |
…os laños era o buraco onde
estaba o pulpo metido, había laños deses que
de marea a marea tiña sempre pulpo, pero como romperas a sacalo xa non
volvía a ter pulpo, como lle romperas algo o laño xa non volvía a ter pulpo, aínda
que non quedara nada, que notaran que foi lastimado ou algo, xa non. Había que sacalo rápido, si era
grande non o sacabas enteiro, entón agarrabase e sacarías raxo por raxo pero
enteiro non o sacabas, alí xa non
volvia a haber pulpo, iso hai que lle preguntar a eles, eu penso que eles
sabrían ou mirarían que alí os lastimaron, e entonses non volven alí…
O pulpo secabase o sol e gardabase no canastro ou no faiado para comer
durante o inverno e en epocas de mal tempo, facíase asado na lareira aliñado con allo e aceite ou cocido con
patacas, tamén se enviaban os familiares emigradas en Bos Aires ou
Montevideo en paquetes con viandas diversas, latas de sardiñas e alcriques,
mel, augardente e outras delicatesen daquel tempo,
…Eu collía muito pulpo e secabaos o
sol,…despois de lavalos o pulpo
estirabao con unha cana e colgabase
a secar nun sitio soleado e ventilado, e
non se lle facia nada, sol e nada máis,
as moscas aínda que foran non lle facía
efecto, o que lle facía efeto, o vir o mes de agosto, eran os abellóns, as avispas, eses, mentres o
pulpo estaba verde comianlle un pedaso que entraba o dedo polo medio do raxo...
Hai laños do pulpo e laños do congrío, este ademáis de utilizar as
covas naturais que forman as rochas
ocultase facendo o seu propio escondite,
…outros fasiana eles, fasia él a cueva, a maior parte, e
estaban alí….esas xa nada, pero na pedra
firme había muitos sitios e metíanse ahí e estaban ahí…
As secas máis
importantes son as de Carnaval e Pascua, cando muitos veciños aproveitaban para coller
ourizos e todo o que o mar puña a súa disposición, pero os sequeiros
traballaban todo o ano buscando entre as pozas que deixa a marea baixa,
…con unha luna a marea era grande
e coa outra a marea era pequena, non había seca, había charcas… eu andaba todo o ano, en verano iba mañan e tarde, porque os días eran grandes, entón hai dúas mareas, da tempo de faser dúas
mareas… pulpo principalmente era o que mais collía, facía aquel recorrido e pa
casa…
Os sequeiros baseaban o seu traballo nun
coñecemento polo miudo de cada pedra, cada laño e cada poza, os utis utilizados
eran sinxelos, o bichero e a xota
para o pulpo e a lañeira para o congrio,
…había aljuns que no verano, de maio pa diante levaban a xota como lle chamaban,
un trapo blanco enjanchado nunha cana, entón salían, non sendo nese tempo si
están no laño non salen, … para o congrio usabase a lañeira, era un bimbio grande de dous metros, un cuero
amarrado no bimbio e o ansuelo amarrado nel, …entonses nese ansuelo puñalle un
pulpo pequeno, entón metiallo no sitio onde estaba, que eles tiñan os seus
sitios, a ver, si había e tiña fame picaba, entón colliana, janchaban por aquí…
e nunha ocasión , había un congrio bastante grande, e o tal Argentino Beiro,
que andabamos xuntos, enjanchou, picou pero o sacalo desenjanchouse,e os dous
ajarrados a él, … porque resbalan tanto, pero nos conseguimos collelo, a él non
sei si non lle trabara nun dedo, eu andaba a piñas con él e lastimara un dedo
tamén, pero collemolo…
Costa rochosa debaixo de Mide, Oia-Vigo. |
Ademáis de pulpo e congrío collían nécoras e centolas
aínda que estas escaseaban máis porque
gostalle estar algo apartadas da rompente, tamén podían coller chocos,
…o choco era máis fino, pa
cóllelo , tiñas que apuntar ben co bichero, ou co que fora pa romperlle a
cuncha, hai que darlle de golpe senón
non o colles, porque empesa a arrear tinta e xa non o podes mirar, e si esperas
a que termine de clarear a auja o choco segue no sitio, estaba no mismo sitio…
Xa de mozo a José tocoulle vivir o drama da guerra civil en
propias carnes, aínda que librara de
facer o servizo militar por marina na quinta do ano 1934,
…eu non fun a mili porque
librei por número, había sorteo, eu quería ir e apuntarame pola marina, disia
eu.- quero ir por ahí a mirar mundo, e resulta que non me tocou…
Tra-la sublevación dos militares no verán de 1936 os falanxistas
da parroquia intentaron alístalo
“voluntario” para ir a fronte pero negouse, de todos os xeitos tivo que facelo en 1937 cos do seu reemplazo formando
parte do batallón de ametralladoras da 105 División, o seu primeiro contacto coa
guerra foi en Jaulín, a trinta kilómetros de Zaragoza, onde coñeceu as
penurias e calamidades da vida nas
trincheiras,
…tes de todo na guerra, e unha
cuestion de suerte … o máis fastidiado era por ejemplo cando chovía, a terra de
Aragón, todo iso por ahí, son terrenos mui pantanosos, e o pouco que chove, non
poden transitar nin carros nin cabalos,
que se espichan, e estuvemos nunha ocasión tres días sin rancho, non podían
chegar nin os mulos nin os carros, e acordome que comemos chocolate, aínda
estuven pensando un día, ¿Cómo fixemos pa faser lume? E na ajua que había na
trinchera donde mexabamos, collemos a ajua e fixemos chocolate, e comemolo e
que bo era, non había que comer, claro, e dijo eu : ¿quen tiña os mistos?
…lavabamos a roupa pero os piollos non salian, continuaban, e
disiannos que a terra de Aragón que produsía o piollo, estaba na terra, en
cambio na parte de Valencia xa era a pulga, e tiñan razón, porque despois deixamos
o terreno de Aragón e o piollo foi
desaparsendo pero aparseron as pulgas …bueno, era a familia que tiñamos, a que mais abundaba…
Recluta José Comesaña. |
José ademáis da fronte do Ebro estivo en Córdoba, sen chegar a
participar en accións de guerra directa, de todos os xeitos foi ferido
en dúas ocasións,
… non me tocou batallas duras
e sin embargo fun dúas veses ferido. Cando caín ferido por primeira ves, desde
o monte dónde estábamos mirábamos alí o rio. Eu estaba o lado do cabo que estaba coas mans
matando piollos… a primeira foi nesta perna foi por bala explosiva, un batacaso, coma o que colle un
pau e da con toda a forsa, pero con toda a forsa que teña, dache, xa me quedou
a perna así, encollida parriba…e despois a outra foi na parte de Córdoba en
Peñarrolla, foi na pantorrilla na outra perna, pasou por debaixo desta perna e
meteuse nesta, estábamos fasendo a trinchera
pa meter a ametralladora, antes
tiñamos a ametralladora Okes que era fransesa, e despois xa eran das que
recuperaran das batallas, tiñamos unha rusa,
que eran pequenas baixas e giratorias con sinta, esas xa tiñan a sinta
de mil metros cada sinta, cando empesaba a cuspir balas aquilo era de pánico…
De volta na casa
seguiu traballando no campo e
percorrendo as rochas e as pozas
a procura de pulpos e o que atopara, os poucos anos casou con Lucinda
Fernández, o primeiro traballo
asalariado foi as ordes dun maestro canteiro de Chandebrito chamado Rogelio co
que fixeron distintas obras, sobre todo no concello de Nigrán chegando a
construir un nicho vertical para un veciño daquel concello que pasara boa parte
da vida postrado nunha cama,
…traballamos no sementerio, que fixemos un nicharo pa un
dalí de Nigran, que quería que o enterraran de pe, que deitado xa levaba toda a vida na cama, mandou faselo pa él, porque de
estar deitado, estaba cansado…
Jose Comesaña “zapateiro” home afable
e conversador fixose despois garda municipal, traballo que desenpeñou ata a xubilación, sen
deixar de adicarse o campo e a súa
ocupación como sequeiro. Tuvo unha
longa vida, e unha excelente memoria na
que gardou saberes e vivencias doutro
tempo. Presenciou a
construcción do tranvía de Baiona e da estrada que une Canido con Estonada, mercou gando na feira das Roteas e coñeceu a festa do Carme no Cruceiro e
despóis en Canido e os anos dourados dos Liñares antes da guerra civil. Criouse
arredor dunha lareira escoitando os
contos do tártalo, da santa compaña e do
sacahuntos, plantou liño entre o millo e levouno a remollar os presotes
de Fortiñon para despóis ripalo debaixo da viña na casa familiar. Cruzou innumerables veces a parroquia co saco
de millo o lombo para moer nos muiños de
Gontade e escoitou os cantares das
esfolladas as noites de luar nos campos entre a Mide e Chandalba. Presenciou a
navegación de cabotaxe de galeóns, balandros
e gamelas a vela e o rodar dos últimos
carruaxes de cabalos. Plantou millo
hibrido traído polo Sindicato Agrícola da parroquia
en tempos da segunda República froito da
colaboración solidaria entre as sociedades agrarias das parroquias e Misión Biolóxica de Pontevedra, cando ninguén o facía nin en España
nin en Europa. Mirou nacer a Lira de San Miguel e coñeceu os Pirrallos,
os Felisindos e Os Galiños e Oia, gaiteiros esquecidos da parroquia xunto a Pepe
roubacans compañeiro seu na 105 División, sen deixar de baixar día sí
e día tamén os cantís da Furna, O Apio, Treitas, Campocerrado e Fortiñon
onde arrincarlle o mar algún que
outro pulpo. Foi parte e testemuña da transformación da Oia dos nosos avós con un xeito de vida que pouco había mudado durante séculos a Oia urbana e desarraigada actual.
José Comesaña no seu 95 cabodano. |
José Comesaña Alvarez "zapateiro" o último sequeiro de Oia, morreu o 14 de abril de 2013 os 99
anos, o seu corpo foi soterrado no cemiterio
parroquial dos Pasantes, máis a súa alma
descansa no ceo dos sequeiros e o seu
espíritu segue percorrendo laños e pozas
entre Fortiñon e Cabo Estai.