Memoria de Oia pretende ser un instrumento para recoller e difundir a microhistoria e a cultura popular desta parroquia, a vez que defender e poñer en valor o seu patrimonio arqueolóxico, etnográfico e natural. Unha fiestra aberta a participación daqueles que teñan algo que contar e compartir, microrelatos, documentos, contos, fotografías ou historias anónimas que quedaron arrombadas nos faiados ou na memoria dos nosos avós.

luns, 7 de abril de 2014

Os muíños de Gontade: auga, pedra e abandono.

Ao longo da historia o home  foi utilizando distintas formas de enerxía na loita pola supervivencia. Primeiro foi o seu propio esforzo, despois o dos animais. Un salto cualitativo  produciuse  cando aprendeu a aproveitar  a enerxía dos elementos naturais.

Os muíños de auga  foron  unha evolución do muíño circular manual que se utilizou ata datas recentes, ao que se lle incorporaron uns  mecanismos artesanais cos que  aproveitar a forza da  auga, conseguindo xirar unha pedra de superiores dimensións e desenvolvendo maior traballo sen apenas esforzo.


Muíño da Chan

No  século XVII, o millo chega de América  para quedarse definitivamente cubrindo os campos de Galicia, convertíndose no principial  cereal panificable e alimento da poboación, ocupando a maioría das terras e ás  máis produtivas, provocando non poucas transformacións na economía, na paisaxe e na vida da xente. O conseguinte aumento da produción de cereal trouxo parello un crecemento demográfico e unhas plusvalías  económicas que permitiron  construír milleiros de muíños repartidos pola rede hidrográfica do país.

Millo branco, corvo e amarelo.


O millo seméntase coa chegada da calor en abril  e maio, crece durante o verán precisando de abundante regadío,   para  ser recollido  en  setembro-outubro e proceder á esfolla Como non completa a maduración na planta, os nosos antepasados inventaron o hórreo, chamado en Oia canastro,  onde se completa o proceso de secado durante o outono e inverno.   Coa palla facíanse medas e palleiros utilizándoa como forraxe  seco para o gando nas  épocas de chuvia.

Tamén se cultivaban outros cereais panificables aínda que en proporcións moito menores: centeo, orxo e trigo que se mesturaban coa fariña do millo,  do que saía  un pan  moi apreciado, pan terciado.  A dificultade de conservación da fariña, nun clima húmedo  a maior parte do ano,  e a ausencia  de sistemas de almacenaxe obrigaba a realizar a moenda regularmente, obrigando a   que a xestión da auga e do tempo nos muíños de herdeiros tivese unha organización perfectamene establecida. Ir ao muíño    era algo cotián que se facía con regularidade, formando  parte do xeito de vida da xente da parroquia.

A maioría dos  muíños de Oia situábanse  no rego de Gontade, cun caudal  regular ao longo do ano e con desniveis do terreo que permitiron a construción de 21 muíños  nun tramo de 400 metros.


Situación

Nome do muíño/presa

Estado de conservación 
Barrio
de 
Ermida
Muíño da Ermida/de Puentes
Bo estado de conservación de paredes, cubo, reducio, pedra e mo, agás tellado.
Muíño do Crenque
Paredes arruadas, conserva cubo e reducio. Cuberto de vexetación
Presa do Crenque
Colmatada
Barrio
de
Gontade
Muíño do Louro/do campo
Bo estado de conservación, mantén todos os elementos da construción e os móbiles.
Muíño do Cerqueiro/de Blanco
Conserva  paredes cubo e reducio. Cuberto de vexetación
Muíño do Albeiro
Paredes arruadas. Cubo  desaparecido, conserva o  reducio.

Muíño das Pinsasas/de Tío Juan Vila/ de Leonides Vila
Bo estado de conservación. En funcionamento ata datas recentes.

Muíño da Chan
Bo estado de conservación. Mantén  todos os elementos da construción e  os móbiles.
Muíño da Tuna
Conserva paredes, cubo e reducio. Cuberto de vexetación.
Presa da Tuna
Aterrada, canalizada e apropiada por un particular.






Tomadas
dos
muíños

Muíño da Ponte

Restaurado polo concello.

Muíño da Ferrancha/do medio

Restaurado polo concello.

Muíño de don Diego

Restaurado polo concello.
 Presa da  Ferrancha
Semicolmatada
Muíño de Patricio/ da Dobesa
Paredes en bo estado. Reducio e cubo en bo estado. Conserva pedra do muiño.
Presa de  Patricio
Semicolmatada

Muíño dos Coellos
Paredes arruadas agas a  do cubo. Reducio e cubo en bo estado. Conserva pedra do muiño.
Muíño do Cura
Paredes  parcialmente arruadas. Reducio e cubo en bo estado.
Muíño de Carlos
Paredes parcialmente arruadas. Reducio e cubo en bo estado.
Presa de Carlos
Semi colmatada
Muíños
novos
Muíño de Arauxo
Tres paredes en bo estado. Reducio e cubo en bo estado. Conserva pedra   do muíño.
 Presa de Arauxo
Colmatada
Muíño de Vicente
Paredes en bo estado. Reducio e cubo en bo estado. Conserva pedra do   muiño.
Muíño de Viña
Paredes en bo estado. Reducio e cubo en bo estado. Conserva pedra do   muíño.
Presa de Viña
Colmatada
Muíño da Pedra/Pedreira
Paredes en bo estado. Reducio e cubo en bo estado. Conserva pedra do   muíño.
Muíño do Caranquexo
Paredes en bo estado. Reducio e cubo en bo estado. Conserva pedra do   muíño.
Presa do Caranquexo
Colmatada
Muíño darriba de todo

Tres paredes en bo estado, unha parcialmente arruada.Reducio e cubo en   bo estado. Conserva pedra do muíño.
 Presa dos muíños novos
Colmatada
 Presa darriba de todo
Colmatada

Empezando pola parte baixa do rego, o primeiro muíño é  o da Hermida tamén coñecido como de Puentes,  situado entre as casas deste barrio; máis arriba nos  campos de cultivo  está o  muíño do Crenque cunha pequena presa e o canal de desvío coa  maior lonxitude de todo o conxunto; a pouca distancia deste  temos o muíño do Campo, tamén coñecido como do Louro  que ten por riba  o de Blanco, ou do Cerqueiro;  xa no camiño de Gontade atopase o do Albeiro e  o das Pinsasas coñecido en décadas pasadas como de Tío Juan Vila,  hoxe  leva o nome de súa filla Leonides Vila, un muíño vivenda con dúas pedras de moer. Á altura da fonte de Gontade e por debaixo da estrada  de Baiona están o muíño da Chan e o da Tuna, que dispuñan dunha presa doada a finais do século XIX por Tía Rosa do Cerqueiro, hoxe desaparecida produto dun aterramento ilegal e da apropiación do terreo por un propietario lindeiro. Xa no monte, os primeiros tres muíños  son o da Ponte,    o da Ferrancha, tamén chamado   do Medio e   Don Diego, restaurados  polo Concello e polo tanto, en bo estado de conservación,     teñen por riba  a presa  da Ferrancha.  A seguir vén o de Patricio,   tamén coñecido como da Dobesa, con outra presa denominada igual que o muíño. Cruzando o antigo Camiño Real adentrámonos nos muíños do curso alto do rego. Os máis abandoados de todo o conxunto,  son  o  dos Coellos,   o do Cura   de Carlos, de igual nome que a presa situada por riba deste, a máis grande de todas. A  partir de aquí empezan os muíños novos: eran o de  Arauxo, coa presa do mesmo nome; o   de Vicente;  de Viña, coa presa homónima. Por riba está o da Pedra ou Pedreira e   o do Caranquexo coa correspondente presa; e, por último o darriba de todo, que tiña dúas presas: a dos muíños novos e a darriba de todo.

Muíño de don Diego.
Muíño de Patricio 
Os nomes  dos muíños de Gontade poden variar segundo sexa o informante dun barrio ou doutro da parroquia.  Boa parte deles teñen alomenos dous nomes.  Nuns casos fan referencia ao lugar de onde eran os herdeiros, (Hermida, Cerqueiro, Dobesa, Pedra);  noutros  fan referencia ás familias ou propietarios orixinais (Don Diego, Arauxo, Blanco, Carlos, Patricio, Cura); uns poucos recollen o nome dun  elemento xeográfico próximo (da ponte), ou  polo emprazamento respecto dos outros muiños (do medio, darriba de todo); ou fan referencia o uso para o que se destiñaba como o muíño do albeiro, denominación que se daba os muíños utilizados para moer trigo.


Muiño do Louro 

Os muíños de Gontade son  muíños de herdeiros, non son comunais como se acostuma a dicir. Esta é unha forma de propiedade compartida entre os descendentes dos que os construíron ou que compraron os dereitos de moenda,  veciños   sempre da parroquia de Oia,  agás o muíño das Pinsasas (de Leonides Vila) que é un muíño de maquía. Nuns muíños moíase  cada  15 días se eran 14 herdeiros,  ou cada  13 días  se eran 12 herdeiros. Se o muíño era de pouco rendimento, con unha pedra pequena e un cubo tamén  pequeno, como o muíño do Crenque, cada  herdeiro tiña varios días, xa que precisaba máis tempo  para moer.

A data de construción destes muíños semella que se estendeu o longo de varios séculos, alomenos durante o XVII, XVIII e XIX. No Catastro de Ensenada (1750) xa se menciona o muíño da Hermida.  O muíño de Patricio  conserva unha inscrición  coa data de 1799,  e os muíños porriba da presa de Carlos coñécense como muiños novos. Partindo destas referencias podemos estimar que boa parte dos muíños  entre a Hermida ata o de Carlos  foron contruídos con anterioridade a 1800 e que os muíños novos, situados  na parte máis alta do rego son os últimos construídos xa  no século XIX, se ben cabe pensar que determinados muíños da parte baixa do rego, como o do Crenque que precisou un longo canal de desvío dende o rego da Lobada,  cunha escasa capacidade de moenda debeu tamén ser construído nun momento tardío. Os primeiros muíños e os máis antigos, por lóxica, estaban situados nos lugares onde se daban as mellores condicións de desnivel do  terreo e  de caudal, e os últimos nos lugares máis afastados, como os muiños novos ou que requiríron canalizacións e obras de acondicionamento máis custosas, como o do Crenque.


Muíño do Crenque

O  veciño que tiña  grandes colleitas dispuña de horas   ou días en varios muíños, de maneira que pudese moer o volume de gran que tiña ou ceder horas de moenda que non aproveitaba para ser utilizadas por outros veciños que non dispuñan de horas ou días  de  muíño. Tamén se arrendaban,  facíase por todo o ano e cobrábase en millo. Por un día de muíño cada  13 ou 14 días, podía pagarse medio ferrado de millo ao ano.

 muíño é un mecanismo movido pola forza da auga que fai xirar o rodicio, chamado en Gontade reducio, que move a pedra de moer. Consta dos seguintes elementos: a construción,  de planta retangular  cunha superficie que podía variar pero que estaba arredor dos 25 metros cadrados  con dous andares; a parte inferior comunmente coñecida como inferno, en Gontade denomínase reducio, e a parte superior como muíño; construído con paredes de pedra de mampostería a dúas caras  ou cachotes con tellado de unha auga de tella do país sobre unha estrutura de madeira, ripado con unha porta e un pequeno ventanuco.  Nalgúns muíños  ao lado da porta sitúase o pousadoiro, pedra saínte da parede onde se apoiaba o saco do millo ao chegar. Para esconder a chave,  os herdeiros dispuñan  dun  oco agochado na parede ou no reducio chamado pestouro, despois da guerra durante os anos da fame, debido aos roubos a chave do muíño gardábase en casas de veciños  dos barrios de Gontade e Hermida.  O cubo  é un depósito  lixeiramente inclinado situado porriba do reducio e no costado superior do muíño, construído con perpiaño,  que serve para  aumentar a presión cando o caudal é pequeno.  Para o muíño poder moer, o cubo ten que estar cheo e  alcanzan alturas de ata   6-8 metros, cunha anchura  que varía entre 1,00 ata 1,40 metros  na boca superior, estreitandose cara ao fondo onde se sitúa un pequeno burato, a sateira, por onde libra a  auga a presión que bate nas pas do reducio e o fai xirar.
Muíño de Leonides  Vila  durante unha reparación.
Mo do muíño de Leonides Vila  despois de picada. 
 Elementos e accesorios. Muíño de Leonides Vila.
No interior,  colgando do teito está    moega, caixón de madeira con forma de pirámide invertida onde se deposita  o gran,  que vacía na  quella unha pequena canle de madeira lixeiramente inclinada cara á adiante por onde corre o gran axudado pola  vibración producida polo taramelo, pau que colga da quella que ao rozar coa mo faina   vibrar,  caendo o gran  no  ollo do muiño onde é triturado entre as pedras de moer,  a mo e o .  A pedra que se move mo, está sostida pola segorella, peza de ferro con forma de cruz  que encaixa nesta por medio duns rebaixes  e no lobete, que embutido na buxa, peza de madeira dura(de buxo)  fai de eixo, atravesa o  e  empalma coa vara, onde se sitúa o reducio, roda de ferro cunhas aspas interiores con forma cóncava onde bate a auga que sae a presión da sateira, facendo xirar a vara e a mo:  por debaixo deste está o arriero, peza de madeira sumerxida na auga onde se situa a agulla que é o eixo,  un rodamento sinxelo que pode ser de pedra, de seixo ou de ferro;  por último   a vara coa que se tapa a sateira  cando se quere encher o cubo  e o pesadouro,  para abrir  cando se quere deixar de moer.


Interior do muíño da  Hermida

A fariña ao sair de entre as pedras  impulsada polo movemento de rotación, cae no caixón.  Orixinalmente a fariña caía no chan, no tremiñado de onde se barría.  Na mocedade dos nosos avós  a maioría dos muíños de Gontade  tiñan  caixón, os que non, utilizábanse para moendas destinadas a alimentación dos animais onde se facía fariña brava ou picón.

Cada certo tempo había que picar a mo, levantábase, dabaselle a volta e cun pico de canteiro labrábase de novo para obter unha  superficie rugosa. As  primeiras moendas despois deste traballo utilizábanse para os animais pois mesturábanse os grans da pedra coa fariña.

Segundo a cantidade de millo que se fose  moer, os herdeiros permanecían no muíño á espera ou voltaban para a casa agás os de Gontade, Hermida e barrios próximos. José Urbano Comesaña Álvarez,  alcumado o zapateiro,  era un herdeiro que vivía no outro extremo da parroquia, cargado co saco de millo ao lombo  percorreu centos de veces  camiños e carreiros dende o lugar da Mide ata Gontade para moer no muíño da Tuna, da Pedra  e da Chan :

...nós tiñamos todas as semanas un día, 24 horas,  pola parte paterna tiñamos no da Chan e pola  materna no da Tuna, entón tiñamos nos dous, nunha semana  nun e outra semana noutro...ibas pola mañán botábalo a moer e viñas pa casa, si daba tempo, según o que foras a moer, si levabas muito dábache tempo de poñelo  e vir pa  casa e ir despois de comer, calculabas máis ou menos, sabías o traballo que facía o muiño.  No inverno non  facía falta encher o cubo, entonces  pa non perder tempo polo día  íbase pola noite, levábase dous, tres ferrados de millo que sería o que  moía en toda a noite, e chegabas pola mañan  e mirabas toda aquela fariña, todo o traballo feito. Había veces que xa andaba tocando a castañeta, andaba en van, xa non tiña gran ningún, moía pedra...pero despois(anos corenta, tempo da fame) deron en ir a roubar,  e xa de noite xa non iba nadie pa deixar o muíño a moer, aínda que pecharas con chave entrábanche polo tellado ou  por donde fora, sabían que estaba moendo...

A fariña máis apreciada era o oleo,  a que  quedaba pegada á pedra. Cando se moía millo novo que non estaba ben seco o muíño embolaba, facendo pasta en vez de fariña. Había muíños cunha pedra  máis grande e outros máis pequena, en función do tamaño da pedra, do volume do cubo e  do axustado que estivese o mecanismo do muíño podía moer mellor ou peor, máis rápido ou máis lento, facer unha fariña máis fina ou máis brava. 

José Urbano Comesaña Álvarez "zapateiro".-... non moían todos igual, o muíño da Tuna, si estaba ben preparado, moíao nunha hora,  pero o da chan xa non o moía porque xa non era da misma construción, xa tiña a pedra máis pequena, xa tiña menos potencia.  O que lle chamaban da Pedreira   en pouco máis de media hora xa moía o ferrado de millo, o da Pedreira e o do Arauxo eran os millores, os que millor moían, pola forma deles, principalmente o da Pedreira,  aquilo daba gusto miralo tragar no millo...
       
Os muíños sitúanse  a pouca distancia do rego da lobada do que se desvía a auga por un rego  onde acostuma a situarse a   presa que se utilizaba nos meses de verán cando o caudal era menor para embalsar a auga  e despois encher o cubo. Os muíños asociábanse a determinadas presas denominadas como o muíño máis próximo. Unha presa podía ser utilizada para un muíño, como o do Crenque, para varios, como a da Tuna ou para todos os que tiña debaixo como a de Carlos.


  • O reparto da auga entre muíños e regantes.
As dez presas do rego dos muíños   eran tamén utilizadas para regadío durante os meses de verán, o aproveitamento da auga estaba definido de tal xeito  que cubríra tanto as necesidades dos campos  como a dos muíños,  tendo preferencia os regantes sobre os muíños polo que estes deberon construirse con posterioridade o aproveitamento comunitario das augas mediante  presas  e tandas de regadío. A única presa do rego de Gontade que non tiña muíño debaixo era a  dos Lagos, era ademáis de presa para  regadío un   presote  do liño,  as outras  presas non se podían utilizar para esta actividade porque as fibras do liño  podían ser  levadas pola auga e enredarse no reducio do muíño.

Había dous tipos de auga, a de correntes, augas libres que non  se apresaban  e non tiñan dono,  que discorrían polo rego da lobada, tiñan a súa orixe en pequenos mananciais e fugas de auga das sateiras,  dos atoles e dos rebosadoiros,  e as augas dos muíños, que eran á súa vez augas de regadío, coñecíanse polo nome dos campos  ou cochos que se regaban con elas,  como a auga dos padróns  das barrouchas e das barxas.

Presa da Ferrancha

A partir de San Xoán, os muíños situados por debaixo da presa de Carlos mesturaban o aproveitamento da auga para moer co de regadío; os muíños novos, situados porriba desta presa  eran os únicos que seguían moendo día e noite. Segundo recordan os maiores da parroquia, antigamente  á altura da Tomada Nova no curso alto do rego, desviábanse as augas para regar campos e cochos  en barrios distantes  da parroquia como o Outeiro. 

Os regantes  pechaban as presas pola tarde e regaban á noitiña. O sistema de regadío utilizado podía variar, nuns casos facíase mediante tandas nas que cada campo tiña unhas horas e días estipulados, noutros regábase por cocho, varios campos á vez, aproveitando o abundante caudal da lobada.

A  auga da noite e da mañá pertencía aos muíños. O veciño que tivese moenda pola mañá ia á noitiña e tapaba a presa, e  de madrugada ou  pola mañá cedo, segundo a auga que houbese, abríalle a presa para encher o cubo do muíño e poder moer o que durara a auga. Esa auga ía pasando dun cubo a outro podendo moer todos os muíños que estivesen por debaixo da presa. A auga dos regantes tamén se podía utilizar para moer. Como as horas de muíño e as horas de regadío estaban establecidas por días, os herdeiros que precisaban moer acordaban co regante que a auga pasase polo muíño ou muíños por debaixo das presas, dándolles servizo a ambos os dous.

Cando un cubo estaba cheo, se ninguén lle abría a sateira para moer, desviábase por un rego lateral a través  do rebousadoiro, pasando ao seguinte muíño. Cando a auga escaseaba, sobre todo a partir de setembro, había que reforzala, proceso que consistía en pechar simultáneamente todas as presas poriba do muíño e abrirlles de arriba para abaixo; deste xeito o caudal da primeira reforzaba o da seguinte,  entraba no cubo  e así no seguinte muíño e na seguinte presa.   O resto do ano, pasado o tempo de regar o millo e os outonos secos,  os muíños podían moer noite e día. En tempo de chuvia, cando a lovada era grande, non era necesario pechar as presas.

Os cubos dos muíños podían utilizarse como presas.  Unha vez cheos,  se o herdeiro non facía uso da auga, vaciábase para regar os  campos mesturando coa auga de correntes.

  •    O muíño de maquía de Leonides Vila.
A carón do camiño de Gontade,  atópase o muíño  coñecido a principios de século como Muíño das Pinsasas, entre os anos vinte e os anos cincuenta, como Muiño de  Tío Juan Vila e dende entón,  como o Muiño de Leonides Vila. Diferente dos demais muíños do rego de Gontade  por estar integrado nunha  vivenda e ser un muíño de maquía, en referencia ao sistema de cobro utilizado. Leonides Evangelina Vila Alborés, a última muiñeira da contorna, recorda que na súa infancia aínda se conservaban uns ocos no piso e no teito da casa por onde pasaban unhas grandes correas que partían do reducio do muíño  utilizadas en décadas anteriores para mover algún tipo de trebello relacionado co procesado do liño, que ben podía ser un batán ou instrumento análogo.


Maquía do muíño de Leonides Vila.
Cabe recordar que o  mesmo mecanismo hidráulico dos muíños era utilizado para distintos procesos de transformación artesanais como o ferro, a seda, a lá, a madeira, ou o liño.

Na década dos vinte  na mesma planta do muíño dispuña dunha cociña  e servíanse comidas á  xente de paso, forasteiros ou aos carabineiros de Canido cando facían a ronda por Gontade.

Carmen Alborés, nai de Leonides, herdou a casa  de seus pais pero o muíño aínda que estaba integrado nesta  era compartido por distintos herdeiros: dous tíos de Carmen chamados Eduardo Sanromán e  Modesta Sanromán, e a nai,  Juana Sanromán. Tiñan cada un deles 3,5 días de moenda,  que lle foron comprados por Juan Vila e Carmen Alborés, quedándose con todos os días de moenda do muíño, deixando de ser un muíño de herdeiros e facendose Juan Vila e súa dona Carmen con todos os dereitos de moenda do muiño, adicándose dende entón a moer para terceiras persoas, pasando a ser un muíño de maquía.

Este  muíño consta de un cubo de grandes dimensións con dúas sateiras  para poder mover  dous reducios e dúas pedras de moer. A construción está formada por tres andares: o reducio, o muíño e a vivenda. Utilizaba a  auga de correntes e de todas as presas que tiña por riba, tendo que  reforzar a auga  para manter o cubo cheo e o muíño moendo.


Casa muíño de Leonides Vila antes de reformar. Data estimada 1930.
Casa muíño de Leonides Vila  despois de reformar. Data estimada 1945. A dereita o muiño do Albeiro.


Juan Vila era un home polifacético.  Ademáis de muiñeiro era  labrador, carpinteiro, encargábase de arranxar os muíños do rego de Gontade e das parroquias da contorna,  actividades que  compaxinaba coa de  músico, tocaba o  bombardino na Unión Musical de Coruxo nos anos vinte e trinta, unha das mellores bandas galegas daquel tempo.

Leonides Evangelina Vila Alborés. ...este muíño moía noite e día. Cando nos  levantábamos a mañán, xa a fariña de todo o caixón  subía por riba e a mo     iba salpicando a fariña, cando moia  centeo boaba muito e había veces que   o polvo  que se perdía era un kilo de mastura, máis ou menos, entón como   iba a peso había que responder polo que se facía,  o finado   de papá   botáballe unhas sabanas  colgandoas  da  moega   cubrindo  o muíño ata o   borde do caixón, e todo  aquilo  iba pa Coruxo  pa tenda de    Pastor  e pa  do Bagullo en Saiáns, muito se traballou neste muíño...

O muíño de Tío Juan Vila traballaba  para aqueles veciños que non tiñan horas de moenda nos muíños de herdeiros, sobre todo xente de Coruxo, dos barrios da Marina, o Coto e Carrasqueira, que subían andando polos carreiros atravesando as tomadas dos Pintos  co saco de millo ao lombo ou na cabeza, deixábano e  aos poucos días pasaban a recoller a fariña e pagaban a maquía   por cada  ferrado de fariña moída.  Nos tempos da fame subían ata o muíño de Tío Juan Vila e trocaban peixe por fariña.

Os muíños foron caendo en desuso por distintas causas,  o desenvolvemento industrial da fabricación de pan  a  baixos custos,  a chegada dos   muíños eléctricos e a redución do cultivo de millo como consecuencia do abandono do campo e a “urbanización” do estilo de vida en aldeas e parroquias.


Muíño do Cerqueiro
Muíño de Arauxo 
Presa de Carlos 

As dez presas e vinte e un muíños do rego de  Gontade forman o maior conxunto hidráulico destas características  do concello de Vigo. Mentres noutras parroquias e concellos os muíños estan sendo recuperados e a súa contorna tratada con criterios paisaxísticos, a maioría  dos de Gontade atópanse nun estado de conservación lamentable, resultado do espolio e o abandono,  agás os tres muíños restaurados polo concello décadas atrás, o de Leonides Vila, o da Chan e o do Louro. 

De todos os elementos que  forman este  conxunto,  o único  totalmente perdido é a presa da Tuna, canalizada e cuberta con un aterramento ilegal co que o propietario lindeiro se apropiou da presa e do rego . !!Sempre houbo aproveitados!!



!!! Salvemos  os muíños de Gontade !!!


Fontes orais :

Leonides Evangelina Vila Alborés. Gontade. Oia.
Jose Urbano Comesaña Alvarez. Mide.Oia
Amparo Acuña Valverde. Tarrio. Coruxo.