Memoria de Oia pretende ser un instrumento para recoller e difundir a microhistoria e a cultura popular desta parroquia, a vez que defender e poñer en valor o seu patrimonio arqueolóxico, etnográfico e natural. Unha fiestra aberta a participación daqueles que teñan algo que contar e compartir, microrelatos, documentos, contos, fotografías ou historias anónimas que quedaron arrombadas nos faiados ou na memoria dos nosos avós.

sábado, 22 de febreiro de 2014

Os disturbios de Oia pola requisa dunha matanza.


Corría o verán de  1933, dous anos despois de nacer a maltratada II República  cando uns funcionarios  municipais acompañados de un cabo e  dous axentes da policía urbana se presentaron nunha casa  do lugar de Loureiro onde sacrificaran dous porcos  co obxecto de requisar  a matanza, alegando que  carecían da  correspondente autorización sanitaria. Era  sábado, 26 de agosto.  

Cando os veciños de Loureiro e arredores   viron o  camión para levar  os porcos  correu a voz pola parroquia, ao pouco  empezou a acudir  a xente  concentrándose un gran número de persoas arredor da casa  co propósito de impedir a  incautación, producíndose  un forcexo cos axentes no que  estes  foron agredidos,  regresando rapidamente  a Vigo o chófer do camión  e informando á garda civil e á alcaldía do que estaba acontecendo en Oia.  Como sempre fan as autoridades nestes casos,  a medida foi reforzar o dispositivo policial con  varios  números máis da garda civil que montados a cabalo   e por parellas controlaban  a entrada e saída  do camiño de Amariz.

Pero os veciños de Oia non estaban dispostos a que
levasen os dous porcos. Aproveitando o seu coñecemento do terreo, desprazáronse entre os campos de millo por matos, valados  e carreiros e evitaron os controis da garda civil,   lanzaron  pedradas e realizaron disparos ao aire  contra as forzas de  seguridade que,  ante a resistencia presentada polos veciños, tiveron que pedir novos reforzos ao cuartel da garda civil  de Bouzas, incrementando o operativo policial con varios gardas máis,  que seguiron sendo insuficientes para controlar a ira veciñal.
Os incidentes continuaron ao longo da tarde.  Un veciño coñecido como Manolo Areses, insultou a un garda civil que facía garda á altura do Cruceiro e este perseguiuno a cabalo pero non conseguiu prendelo escapando por entre os campos e carreiros. Foi  entón   cando  unha pedra lanzada por algún veciño alcanzou a un dos gardas  en plena cara, resultando ferido,   polo que tivo que ser   trasladado con urxencia á casa de socorro cunha fractura do maxilar superior de carácter reservado.
Co paso das horas, e xa entrada a noite, o numero de veciños amotinados  foi aumentando, algúns deles ian armados  con escopetas e revólveres realizándose certo numero de  disparos, tendo  a garda civil que responder con tiros  ao aire para conter a  multitude,   ata que pasada a  medianoite conseguiron controlar a situación, non sen    realizar  varias detencións.
Segundo  os veciños, a requisa da matanza produciuse porque  os donos dos porcos non sacaran o permiso  regulamentario para sacrificar os animais,  a  alcaldía xustificaba o xeito de actuar dos funcionarios e forzas da orde pública  alegando que os porcos sacrificados   foran sometidos previamente a unha analise de visceras polos servizos veterinarios do Concello detectándose febres contaxiosas, polo que debían  ser incautadas as carnes  para evitar o seu consumo.  Pola súa parte o   Sindicato Agrícola de Oia e Saians”  órgano de representación veciñal naqueles anos xustificaba da seguinte maneira  a actuación dos veciños :
...el vecindario lo que quería era que los cerdos muertos no fuesen traídos a la ciudad, sino que se procediera a la cremación en el propio lugar de los sucesos, si la carne era nociva para la salud.  Que el vecindario solo adopto una actitud expectante, sin armas y que si de un grupo salieron algunas piedras, hiriendo alguna de ellas a un guardia, fue debido a que el alcalde de barrio de la parroquia abofeteo a una anciana...
O alcalde de barrio, mencionado na nota informativa do Sindicato Agrícola  era daquela Paulino Valverde, veciño do Cruceiro. Segundo outras informacións, a actuación do Alcalde   de      Barrio non foi a mencionada polo Sindicato Agrícola, senón que actuou para quitarlle unha pedra das mans a unha muller que previamente lanzara outras contra os gardas civis. 
Por estes feitos  instruíronse  dilixencias xudiciais contra as persoas detidas  co obxecto de aclarar os feitos, descoñecendo se algún veciño foi condenado ou pasou pola cadea.

Fontes documentais :
Faro de Vigo, 27.08.1933 e  29.08.1933.
El Pueblo Gallego, 29.08.1933.

Fontes orais:
Alfonso Miranda. O Cruceiro. Oia.
Jose Urbano Comesaña Alvarez. Mide. Oia.