Esquecidos pola memoria colectiva e a tradición oral, cousa que non pasou
con outros elementos arqueolóxicos como mámoas e castros que deixaron a súa pegada na toponimia
facilitando a súa identificación, os petróglifos son un fenómeno propio das
Rías Baixas que sobreviviron aos axentes erosivos da natureza durante milleiros
de anos, polo que os que os fixeron semella buscaban unha perdurabilidade gravando con
certa profundidade as distintas formas na rocha viva.
Estes gravados deberon ter un fin
divulgativo. ¿Foron feitos para ser vistos? Neles reúnense unha serie de ideogramas
ou representacións formando un universo simbólico cuns patróns ou referentes comúns en todo o noroeste, que tiveron un significado para aquelas xentes, alomenos para
os que os fixeron: labirintos,
covas, coviñas, círculos, espirais, representacións
animais, figuras humanas, armas, etc.
A súa cronoloxía pode enmarcarse nun
ámbito temporal máis ou menos amplo que se estende entre o III e o II milenio a.c. Calcolítico, Idade do Cobre e Idade de Bronce, supoñen a primeira expresión dunha forma de arte do
noroeste ibérico, situados maiormente en zonas costeiras, o que explicaría a presenza de determinadas influencias
mediterráneas produto dos contactos por vía marítima
coas culturas do oriente que alcanzaban o noroeste peninsular nas súas
travesías comerciais.
A día de hoxe, a parroquia de Oia
conserva un importante e pouco coidado patrimonio arqueolóxico e etnográfico descoñecido
para muitos veciños. Entre ese patrimonio, teñen especial relevancia os petróglifos
formando pequenas estacións dispersas polos montes da
parroquia, nos que cabe destacar a
existencia dunha importante concentración de axedrezados e sobre todo de muiños
naviculares tamén chamados muiños chairos, piletas de sección rectangular, ou equipos
de muiñada.
Estes rebaixes con forma
cuadrangular veñen sendo descubertos e
catalogados en datas recentes no sur da
ría de Vigo, poden aparecen illados ou formando parte de conxuntos rupestres. O muíño formábano o rebaixe ou cavidade que se conservou ata a actualidade no que encaixaba a parte móvil e a moa ou pedra de moer que era desprazada
dentro da cavidade para triturar o produto. A consecuencia deste proceso
sufría un desgaste vertical e cara ao fondo dándolle á cavidade a característica
forma barquiforme. Na parroquia de Oia hoxe en día aparecen identificados 19
destes muíños.
Petróglifo Monte Pequeno.
Debuxo: Clube Espeleolóxico Mauxo
|
.
- Petróglifo dos Pintos.
Ubicado no lugar de Ermida a carón da estrada da vía. Fórmano cinco muíños naviculares situados en paralelo.
- Petróglifo de Monte Pequeno.
Consta de combinacións circulares
con coviñas centrais e riscos axiais xunto a catro muiños naviculares.
- Petróglifo de
Carballoso-última presa.
Situado porriba do último muíño do rego de Gontade, consta de un taboleiro,
coviñas, cazoletas e tres muíños naviculares.
- Petróglifo da Chan Grande.
Situado a pouca distancia da fonte do Sapo, na parte alta do monte comunal, destacan
as combinacións circulares con coviña
central.
- Petróglifos de Carballoso.
Conxunto de gravados dispersos con círculos concéntricos, coviñas, pías e catro
muíños naviculares, dispersos en varias localizacións. Neste conxunto
aparecen cinco taboleiros de axedrezados, a maior
concentración da comarca de Vigo.
- Petróglifos do Outeiro do
parque.
Conxunto sen catalogar e recentemente descuberto, situado dentro do parque
forestal de Oia, consta de tres muíños naviculares.
Muíños naviculares dos Pintos (Oia) |
Parte deste petróglifos atópanse próximos ao rego de Gontade, onde ademáis
se concentran vinte muíños hidráulicos, boa parte deles abandoados e expoliados. A
este conxunto arqueolóxico e etnográfico hai que engadir o valor paisaxístico
do propio rego e dos lugares por onde discorre. Este conxunto patrimonial precisa
ser catalogado, protexido e sinalizado para evitar a sua deterioración e
desaparición.
Porque só valoramos o que coñecemos, faise necesario a creación dun carreiro ou
senda panorámica para a súa observación, goce e posta en valor.
Para saber máis :
http://petroglifosdomauxo.com/category/oia/
http://xosecounhago.com/?cat=13
Para saber máis :
http://petroglifosdomauxo.com/category/oia/
http://xosecounhago.com/?cat=13