O cultivo do liño tivo gran
importancia na economía de Galicia ata a
segunda metade do seculo XIX en que os
tecidos de produción industrial procedentes de Cataluña ou Inglaterra substituíron as producións artesanais do rural
galego. Na parroquia de Oia quedan testemuños da presenza deste cultivo nos
campos e do seu procesado, en presas,
casas e na mesma patroa a Virxe dos Liñares.
A sementeira do
liño facíase ao rematar o inverno, en
marzo ou abril. Despois de labrada e gradada
a terra, sementábase ao chou. Tamén se cultivaba entre o millo. Durante o
crecemento da planta non se realizaban labores agás quitar as malas
herbas. En xuño-xullo, cando se puña amárelo recollíase arrincando e facendo
gavelas para levalo ao remollo, que se facía en presas e presotes que permañecían cheos de auga
mentres amolecía o liño. Os testemuños recollidos identifican algunhas pequenas
presas, que deberon ser moitas máis. No barrio de Gontade, utilizabase a dos Lagos no monte preto
dos muíños e, entre os campos o presote
da Aceiteira, por enriba de Estea, facíano na presa dos
Lameiros, e en Fortiñon os chamados presotes. Tamén cabe pensar
que a lagoa das poulas foi utilizada para o remollo pola
proximidade cos propios campos de cultivo das Barxas, dos que
semella tamén pode derivar o topónimo Liñares en referencia aos predios abundantes en liño, linum” en latín, por ser terras fértiles e con abundancia de
auga, óptimas para este cultivo.
As
gabelas somerxíanse colocándolles unha pedra enriba. Permanecían en remollo arredor de nove días; despois estendíase en lugares soleados a
secar. Desta fase do procesado do liño
tamén podería derivar o topónimo Liñares se temos en conta a tradición
que sitúa a aparición da virxe no barrio da Ermida a carón de Coruxo, un lugar soleado,
ideal para secar o liño despois de realizado o remollo nas Poulas ou nalgún
presote da contorna.
Fror e planta do liño |
Unha vez secado tíñase que trillar ou mazar, este proceso podíase realizar de xeito manual
ou mediante a utilización dun batán, un gran mazo que era movido pola forza da
auga. O muíño de Tío Juan Vila, hoxe coñecido como Muiño de Leonides Vila en Gontade
semella que foi un batán ou instrumento análogo utilizado para o liño.
No tempo dos nosos avós, nas décadas de 1920-1930, na parroquia de Oia
mantiñase un cultivo residual de liño, en pequenas leiras ou mesturado entre o
millo. Así o facían na casa de José Urbano Comesaña Alvarez veciño do lugar da Mide:
…cando sembraban xa lle
botaban algun millo, mezclado, entón
cando arrancaban o liño xa quedaba
o millo, e sacabanlle duas cosechas… criaba
logo, entón seria nos primeiros
de marzo(a sementeira), criar criaba logo, , e que bonito era, como estaba mui basto, un
verde amarillento si, si a voleo, fasíanse uns regos porque como había agua pa
regar, regabano… e despois cando o arrancaban levabano pali pa nosa casa, e
acordome que ahí na casa paterna …ali debaixo da viña a limpialo, cando era o
tempo de sacalo, creo que o sacaban nos primeiros de junio…e despois de
limpialo, ¿como lle chaman? quitarlle a “bagaña”, a cabesa do liño, a semilla, era onde estaba
a semilla, atabano en manoxos e levabano a fortiñon, e en fortiñon onde hai os
muiños, habia uns charcos, uns presotes, eu non sei xa non me dou conta, e metiano
ali neses presotes non sei si eran nove días, e despois sacabano, secabano,
e era cando empesaban a traballalo,…e eu
acordome a ter nos os ripados ainda na casa …debaixo dunha viña alta que
habia, ripabano ali…
Presa dos lagos, no rego de Gontade |
Unha vez seco o liño
rompíase cunha espadela e ripábase cuns cepillos de arame, arrincando a fibra que se agochaba
dentro da planta para despois fialo.
Carmen González Hermida …mama era
fiadeira, fiaban o liño pa roupa, fasian as sabanas e todo, fasias co liño, ela
fiaba fino… onde plantaban muito liño era na Cerca, na parte darriba porque
había agua, tiñan que regalo, despois
cortabano cando era o tempo e levabano en manoxiños a presa, e despois rompiano
e saltaba hasta o corazón do medio era o
que cosían co que fasian a roupa o outro pois tirabano , e había aquí arriba no
monte unha presa moi grande e a xente daqui darriba levaba o liño ali,(presa dos Lameiros).
Espadela |
Para fiar
utilizaban o fuso, fiaban tanto liño como la, e despois retorcían o fío para que quedase máis preto; tamén obtiñan fío para coser a man :
Carmen González Hermida ...chamabanlle fusos, e xa digo… e a lana escarpeabana moi
ben, moi ben, e fasian montes, e despois
enton collian un pedasiño, e ibanlle dando co dedo, co dedo, co dedo e despois
colgabaos no fallado nuns clavos e tiñan
uns aparatos asi de largos, que tiñan unha roda en baixo, enton
xirabase a roda e o que se lle puña
abaixo, fora liño, fora lana, torciase, e faciase un fio, pa calcetar, ou po
tear … e o fio do corazon do liño, aquel que era mais
fino era o que servia pa coser, para coser a man claro, fasian fio de varios gordores e o corason dadentro
aquel era o mais fino…
Tear. Debuxo. |
Despois de fiado o liño tecíase en
teares artesanais. En 1930 quedaba no
barrio da Senra a última
tecedora da parroquia, Juana Hermida, adicada a facer mantas, colchas e outros tecidos utilizando liño, la e
restos de teas. No lugar das Rochas tamén tiñan tear na casa de Juan Beiro. No lugar da Ermida, a casa de Casimiro González e Dolores Giráldez era coñecida como a “casa do tear”. Carmen González Hermida veciña do
Lugar de Senra recorda a Juana Hermida
traballando no tear:
…Vivia diso, era mui
romantica, estaba no tear e daballe seguido e traballaba pa fora, fasia unhas
colchas divinas, traíanlle restos de telas, miña irman Flora máis mama eran costureiras,
e todos aqueles retales os gardaban e ela cortaba, cortaballe eu e mais miña
irman María e uniaos, fasía como fíos e
despois metios no tear, e fasía colchas e mantas e o que fixera falta…
Tear en San Andrés de Comesaña. Vida Gallega. 1927. |
Da importancia que en tempos pasados tivo o liño na vida económica dos veciños de Oia atopamos unha pequena referencia na
memoria sobre a Fábrica de Cordas de Toralla, que data
de 1887 :
... En San Miguel de Oya existían
multitud de molinos harineros, telares para lino y lana, construían
buques menores y su principal comercio consistía en la exportación de la pesca,
el maíz, vino, habichuela, huevos de gallina y algún otro producto agrícola...
Fontes documentais:
Estudos de toponimia galega. Nicandro Ares Vázquez. Tomo I. Real Academia Galega. 2011.
Estudos de toponimia galega. Nicandro Ares Vázquez. Tomo I. Real Academia Galega. 2011.
Memoria relativa a la fabrica de cuerdas denominada Iberica”, Establecimientos tipográficos de G. Osler.
Madrid . 1887.
Fontes orais:
Jose Urbano Comesaña Alvarez. A Mide. Oia.
Carmen González Hermida. A Senra. Oia.
Leonides E. Vila Alborés. Gontade. Oia.
Fontes orais:
Jose Urbano Comesaña Alvarez. A Mide. Oia.
Carmen González Hermida. A Senra. Oia.
Leonides E. Vila Alborés. Gontade. Oia.