Tanto os avós dos nosos avós como
os nosos avós cando precisaban mercar ou vender gando,
sementes ou ferramentas acudían ás
feiras que se realizaban pola bisbarra, nas que se desenvolvía
un comercio a pequena escala relacionado coa actividade agraria.
Hoxe non sabemos distinguir unha feira dun mercado. As feiras
celebrábanse un día do mes ou do ano; os
mercados poden celebrarse varias veces no mes ou
semanalmente. Nas feiras vendíase e mercábase
gando e produtos asociados a actividade
campesiña: sementes, ferramentas. Nos mercados vendíanse outros produtos
que non eran animais.
Trato nunha feira. Blog : Entre o castelo e a muimenta.
Ir á feira era unha
actividade festiva, un día en que os labregos deixaban o duro traballo cotián
no campo para comprar, vender ou soamente mirar. Segundo fose a época do ano
prevalecía un tipo de gando sobre outro. En setembro e outubro abundaban bois, vacas e touras que os veciños compraban para manter
durante o inverno e vender na primavera despois de labrados os campos e cando empezaba
a escasear a herba; a partir de xaneiro aparecían os porcos para criar; no
verán, años e cabritos. As feiras máis
próximas eran as de Valadares, Bouzas e Nigrán; había outras como Parada, Ramallosa,
Gondomar, Zamáns...
Cos ventos liberais de
principios do século XIX e das Cortes de Cádiz, a facultade para autorizar feiras deixa de ser unha prerrogativa real. Neste contexto liberalizador, a mediados de século nace a Feira das Roteas, tamén
coñecida como Feira de Coruxo. Corría
o ano 1853 cando o Alcalde do Concello
de Bouzas, do que formaban parte as parroquias de Oia e Coruxo, solicita
autorización ao “Gobierno de Provincia de Pontevedra” para celebrar
unha feira de gando o día 10 de cada mes neste lugar. Dende o goberno
provincial solicitaron distintos
informes aos concellos afectados pola feira, o propio de Bouzas e o de Vigo,
estimando este último que a realización desta feira sería prexudicial:
…los vecinos son 1400, que los frutos y objetos que
constituyen la riqueza del mismo son maíz, trigo, centeno, habichuelas, patatas
y vino, aumentándola el ganado vacuno, lanar y de cerda. Que en este distrito
municipal como no se celebra feria alguna y solo mercados en esta ciudad de
toda clase de frutos, legumbres, y de ganados solo el de cerda a donde se
provistan los habitantes de la población y las cercanías para su consumo… por
consiguiente perjudica la feria pretendida para el punto de las Roteas que
dista de este pueblo legua y media…
polo
contrario o Concello de Bouzas, solicitante da feira, argumenta para a súa
realización do seguinte xeito:
…el punto señalado
para feria se halla a la distancia de legua y media por lo menos de las
parroquias del Nigran Capital del distrito del mismo nombre, Valladares en el
de Lavadores y ciudad de Vigo capital del partido en que se celebran ferias y
mercados, a los cuales en nada puede afectar el establecimiento de la nueva
feria, especialmente por la circunstancia de que en el dia propuesto en ninguno
de estos puntos tienen aquellas lugar ….la localidad de las Roteas se halla en
un punto céntrico de este distrito y lo es además del valle del Fragoso y Miñor
y por su dilatada extensión de 8750 varas castellanas cuadradas de terreno
plano ofrece las mejores comodidades para el objeto a que se destina...
Estaba ubicada no linde
entre as parroquias de Coruxo e Oia no percorrido do “camiño real” que dende
Vigo chegaba ao Val Miñor, nun torreiro coñecido como “O campo da
feira” que dispuña dun manancial utilizado como bebedoiro para o
gando. A Feira das Roteas deixou de realizarse no período aproximado entre 1902
e 1910, semella que a consecuencia da integración do Concello de Bouzas no de
Vigo, pola falla de interese na súa realización dos novos responsables locais,
co conseguinte prexuízo para os veciños da bisbarra que tiñan que desprazarse
máis lonxe para mercar ou vender o seu gando e outros produtos. O 15 de
decembro de 1910 os veciños de Oia presentaron un escrito ante o Concello de
Vigo encabezado coas sinaturas de Adolfo Alvarez e Evaristo Sanromán e asinada
por 91 veciños máis, para que se volvese facer a feira os días 10 da cada mes,
“como de antiguo venía haciéndose”.
Nos anos trinta coñecíase como “a feira do oito” porque era este o día de celebración, cando acudían ás Roteas, tratantes e veciños para mercar e
vender todo todo tipo de reses, que se situaban en determinados espazos
debidamente acoutados, segundo fosen vacas, touras, porcos, ovellas... Tamén acudían
a vender utíles e ferramentas para os traballos do campo e outros insumos que
achegaban determinados establecementos comerciais de Vigo e postos ambulantes,
todo isto complementado con algún posto de comida e bebida.
Entre os abusos que sufrían os nosos avós nas súas transacións comerciais,
estaba a practica do “fiado” ou “cautela” pola que o labrego non cobraba
o importe da res vendida ata unha feira posterior á que se realizou o trato,
dándose númerosos casos de desaparición do feirante co correspondente prexuízo
para o labrego.
Ou a presenza dos “plantóns” ou “estacas”, falsos feirantes que lle ofrecían uns baixos prezos aos labregos polas súas reses, pasando despois o verdadeiro feirante mellorando escasamente a oferta e mercando a prezos moi perxudiciais para os labregos.
Ou a presenza dos “plantóns” ou “estacas”, falsos feirantes que lle ofrecían uns baixos prezos aos labregos polas súas reses, pasando despois o verdadeiro feirante mellorando escasamente a oferta e mercando a prezos moi perxudiciais para os labregos.
Estas prácticas e costumes eran
denunciadas polos sindicatos e sociedades agrarias que reclamaban ás
autoridades para que vixiaran a presenza de “plantóns” ou “estacas” e que impuxesen a obriga de realizar os pagos de
reses ao contado, evitando os abusos cometidos por tratantes sen escrúpulos
que se aproveitaban da necesidade e a ignorancia do labrego.
A feira das Roteas deixou de realizarse arredor de 1950.
Fontes documentais :
Arquivo Concello de Vigo. Abastos, AB-COM-12.
Faro de Vigo, 14.09.1933.
El Pueblo Gallego, 4.06.1936
Arquivo Concello de Vigo. Abastos, AB-COM-12.
Faro de Vigo, 14.09.1933.
El Pueblo Gallego, 4.06.1936