Na contorna da praia de Canido formouse a finais do século XIX e
principios do XX un pequeno núcleo
industrial que tivo as súas orixes máis remotas na explotación das salinas
asociadas á vila romana dos séculos III e IV,
e posteriormente, xa na Idade Contemporánea na produción artesanal de salgadura e escabeche da que perdurou ata os primeiros anos do século XX unha fábrica ubicada na illa de Toralla e outra na praia de
Canido.
En 1884 a parroquia de San Miguel de Oia formaba parte do Concello de
Bouzas, tiña unha poboación de 1500
veciños que se adicaban maiormente as actividades do campo. No mes de xullo dese ano inagúrase unha fábrica destinada á produción de cordas
denominada “Cordelería Ibérica de
Toralla”, en referencia ao lugar onde estaba ubicada. O seu principal promotor foi Francisco Mirambell, natural
de Masnou, provincia de Barcelona, onde naceu no ano 1862. Asentouse en Vigo moi novo para casar con Francisca Millet Beltrán veciña
desta cidade e tamén de orixe catalana,
nun daqueles matrimonios acordados a distancia
propios da burguesía catalana
asentada nas Rías Baixas. Ao pouco
de chegar funda unha sociedade mercantil cos seus paisanos tamén de Masnou, Domingo
Ferrer y Torres e Antonio Fontanills y Fortis.
|
A Cordelería Ibérica de Toralla contaba cos últimos adiantos técnicos e a máis moderna maquinaria traídos
de Inglaterra, pais de referencia no
proceso de industrialización que se estaba producindo en todo Europa, e estaba a altura das mellores fábricas do seu xénero. Producía fíos, cordeis
e cordas para as actividades pesqueiras, para traballos de minería,
andamios e demáis necesidades da
construción.
A fabrica estaba formada por unha nave principal construída en pedra
de 40 x 20 metros, onde se ubicaba a
caldeira de vapor, modelo Cornisk de 20 cabalos de forza, revestida en ladrillo
refractario e enterrada en area para mellorar a concentración de calor, que
producía a enerxía para mover as
máquinas de fiar. Fornecñiase de auga por medio dunha mina de 600 metros
de lonxitude e tiña unha cheminea de 20 metros de altura feita de ladrillo, un peirao propio para o embarque e
desembarque de materias primas, carbón para a caldeira e outras mercadorías, e
unha embarcación a vapor, tamén traída de Inglaterra, coa que
transportaba o xénero aos depósitos de
Vigo, ás praias próximas ou
directamente os barcos. Naquel tempo aínda
non existía a variante que partindo da estrada de Vigo-Baiona, baixaba por
Coruxo ata Canido, o que dificultaba o transporte de mercadorías por
estrada, tendo que facerse por camiños con carros, moito máis lento e custoso
que o transporte por mar co que se tardaba soamente unha hora en chegar a Vigo
nunha embarcación de vapor.
Gravado da fábrica de cordas e peirao. |
Contaba con máquinaria e utillaxe
moi avanzada para a época, máquinas fiadoras,
de torcer fíos, devandadeiras, de cordóns,
coas que se producía corda de dous, tres
e catro cabos, podendo realizar pezas de 1000 metros de lonxitude. Dispuña dun sistema de tubos para repartir o vapor dende a caldeira que, combinado con
engranaxes e transmisións, facían mover as maquinas de fiar. O investimento en
maquinaria foi de 115.000 pesetas, traída toda de Inglaterra. Con ela viñeron obreiros
especialistas que traballaron un
tempo ata que
foron substituídos por traballadores das parroquias de Oia e de Coruxo.
Producíanse 550 kilos diarios de corda, á parte doutras producións elaboradas a man e teas para embalaxes fabricadas cun tear mecánico. Os distintos
tipos de cordas eran: abacá, corda sisal, cáñamo alcatranado, manila, cáñamo
branco, piolas, cáñamo, fíos, boliches e
cordeis de todas clases.
Traballaban máis de 100 operarios, dos cales arredor de 70 eran mulleres, veciños e veciñas de Oia e Coruxo que cobraban
uns salarios que oscilaban entre 0,75 e 1,50 pesetas diarias segundo fosen peóns ou oficiais.
En 1889 na Exposición Universal de París, para a que se construíu a torre
Eifell, a “Cordelería Ibérica de
Toralla” foi premiada coa medalla de ouro pola calidade dos seus produtos.
Mantivo a produción ata o ano 1903
cando pechou debido ás dificultades xurdidas pola perda das
Illas Filipinas en 1898 de onde procedía gran parte das materias
primas utilizadas, tendo que importalas doutros países, perdendo
competitividade e rendibilidade a empresa.
Plano da cordeleira |
Co peche da cordeleira de Toralla non desapareceu esta actividade. Tomou o relevo Guillermo Curvera
Solleiro, membro dunha saga de conserveiros, quen funda en 1900 a fábrica de conserva de Canido, que inicialmente,
e segundo sabemos polas testemuñas orais recollidas na parroquia continuou coa produción de cordas durante algúns anos.
Fontes documentais :
- Memoria relativa a la fabrica de cuerdas denominada Iberica, situada en Toralla( Ría de Vigo), Madrid, establecimientos tipográficos de G. Osler, 1887.
. Artigo de prensa, publicación descoñecida, arquivo da Cámara de Comercio de Vigo.
- Arquivo histórico provincial. Pontevedra. Expedientes de matrícula industrial.
- Memoria relativa a la fabrica de cuerdas denominada Iberica, situada en Toralla( Ría de Vigo), Madrid, establecimientos tipográficos de G. Osler, 1887.
. Artigo de prensa, publicación descoñecida, arquivo da Cámara de Comercio de Vigo.
- Arquivo histórico provincial. Pontevedra. Expedientes de matrícula industrial.