Memoria de Oia pretende ser un instrumento para recoller e difundir a microhistoria e a cultura popular desta parroquia, a vez que defender e poñer en valor o seu patrimonio arqueolóxico, etnográfico e natural. Unha fiestra aberta a participación daqueles que teñan algo que contar e compartir, microrelatos, documentos, contos, fotografías ou historias anónimas que quedaron arrombadas nos faiados ou na memoria dos nosos avós.

domingo, 12 de xaneiro de 2014

A parroquia de San Miguel de Oia


San Miguel de Oia é unha parroquia  ubicada na ribeira sur da  Ría de Vigo, no suroeste deste  concello,  a dez kilómetros da cidade, que  ten por veciña a  de San Salvador de  Coruxo  polo noreste e  San Xurxo de    Saians ao noroeste.  Os lindes parroquiais quedaron recollidos  polo   Catastro de Ensenada de 1753 :
...El de la feligresía de San Miguel de Oya que contiene una isleta separada linda al levante y norte con la feligresía de San Salvador de Coruxo por el poniente con la mar que se nombra de Toralla y sur con el coto de Saianes cuya limitación principiando por la parte de levante con la fuente que dice del Sapo que sirve de marco sigue el que llaman de Hermida o Padrón y de este hasta la piedra de la Garza y sitio del Vao partiendo con la feligresía de Coruxo y de aquí limitando con la mar pasa al riego de agua de la molinera de Fortiñon y marco del sitio de Lameiras desde el que dividiendo a la feligresía de Camos y citada de Coruxo va a cerrar a la fuente del Sapo. El de la isleta llamada Toralla rodeada por todas partes  con la mar del mismo nombre tiene de levante a poniente la decima  parte de una legua  y de norte a Sur la veintena  y de circunferencia un quinto...


Illa de Toralla.
Durante séculos  a parroquia  foi a célula  territorial e social da Galicia rural. Ten a  súa orixe na cultura castrexa que perviviu ata o período baixo román(séculos III-IV) cando se produce a cristianización de Galicia,  bautizando os topónimos preexistentes coas novas  advocacións   cristiáns; no caso de   Oia sería  coa inclusión  do santo patrón San  Miguel, nome  hebreo do arcanxo Sanctus Michael que significa quen coma el?.  Este proceso cristianizador acompañábase  da  construción dunha capela ou oratorio  nunha ubicación central do territorio ou nun lugar de culto pagán anterior. 

A actual división parroquial establecese na época sueva, cando se crea a  estrutura da igrexa, baseada  na Diócese e na parroquia, durante o reinado de Teodomiro(559-570), quedando  fixados  os límites territoriais das Dióceses e das parroquias nos Concilios de Braga(561) e de Lugo.


Mapa do antigo concello de Bouzas.
San Miguel de Oia sitúase  nunha ladeira do macizo  formado polos montes de Coruxo, Chandebrito, Camos, San Miguel, Priegue  e Saiáns, que alcanzan unha altura de 457 metros nos outeiros do  Maúxo,  descende  con distintos graos de  desnivel cara ao noroeste,  formando un triángulo,  cunha superficie de 7,2 kilómetros cadrados repartida en  tres espazos claramente diferenciados: o  propio monte situado na  parte alta  onde se presentan as pendentes máis  pronunciadas , as terras de cultivo  cos lugares habitados que ocupan o espazo  máis extenso  cun relevo sinuoso e irregular, e  a costa maiormente abrupta e rochosa con algún pequeno areal.
Conta cunha pequena rede hidrográfica formada por  diversos regatos, dos que o   máis caudaloso é  o de Gontade,  tamén chamado de Carballoso, que nace na Fonte do Sapo no alto do monte  a carón do outeiro granítico de Castro Chouzo onde conflúen as estremas das parroquias de Coruxo, Oia , Saiáns,  serve como linde durante parte do percorrido entre as parroquias de Coruxo e Oia, cruza o barrio de Gontade e Ermida recollendo as augas doutros regos como o do Garxal e o das Cerdeiras, xúntase co  rego que dende Balteiros cruza Coruxo. Ámbolos dous achegan o caudal que serve para crear o humedal do Vao “as Poulas” destruído en boa parte polos aterramentos realizados polo Club  de Campo. Outros regatos da parroquia son o  de Sobreira, que  nace entre Verdella e Loureiro,  pasa polos Aldareus e desemboca entre Punta Sobreira e Punta Marosa na Praia de Sobreira. O rego da Mide ou das Rochas nace na Senra de Arriba,  cruza pola Mide onde ten unha presa, e desemboca no mar no lugar coñecido como Os Caídos.
O monte da parroquia, situado ao sur da mesma ocupa os espazos onde se alcanzan as maoires cotas de altitude,  descende cara ao noroeste con distintos graos de desnivel onde se localizan distintos outeiros   graníticos como Rioseco e en cotas inferiores, a carón do rego de Gontade  o enclave de Carballoso,  cuberto noutro tempo por un  espeso souto de carballos e amieiros.
No tempo dos nosos avós   tiña distintos usos segundo fose comunal ou  privado. O primeiro estaba deforestado, adicándose  a pasto para o gando e a batume para estrar as cortes. Había zonas de libre acceso onde calquera veciño podía cortar toxo e outras parceladas con marcas,  pedras ou estacas que eran usufrutuadas polos veciños. Cada casa-comuneiro dispuña de  dúas parcelas,  unha na parte baixa do monte e outra  na alta.  O resto de  terreo de  uso forestal formábano as tomadas, parcelas de propiedade privada, adicadas  a producir leña,  madeira e batume,  onde se acostumaba a plantar “toxo manso” unha variedade  menos  leñosa que facía mellor cama aos animais nas cortes e un esterco moi valorado. Mercábase a semente nas feiras e  plantábase facendo pequenas covas. No resto da parroquia aparecen pequenos enclaves boscosos, tamén propiedades: o Montenegro e as Cerdeiras na Matoca, o Pinal de Xan de Crego por debaixo de cemiterio e o Pombal  no Río da Igrexa,  Liñares,  as Tomadas do Mar, as Castiñeiras e a tomada do Ferrancho  ou a  de Gontade, tamén na Mide preto do mar, denominadas as tomadas de Treitas e as de Chandalba enriba de Os Caidos.  Por riba dos cantís de Cabo Estai  había  terreos baldíos ultilizados polos veciños para o pastoreo.
Oia ten unha costa maioritariamente  rochosa e batida polo mar  con varias praias. A máis grande a de  Canido,  séguenlle as de Fuchiño tamén coñecido como Xunqueiro, Barxa de Oia  e Sobreira,  sendo o resto da costa   rochosa. Continúa pola pequena praia de A Buraca, despois as pedras de A Laxe e  O Petán, A Pedra do Cuco, Campocerrado, A furna , segue polo Apio e o Canto da Area. Estas dúas eran praias pequeñas de area que se perderon co paso dos anos; continúa    cos Seixos e, xa en Saiáns, a Praia da Novia e Fortiñon.


Praia da Buraca.
No tempo dos nosos avós, a  praia de Canido era o  centro da actividade industrial da parroquia,  tempo no que  o topónimo Canido aparece mesturado co de Toralla  en mapas e documentos  onde atopamos denominacións como “ "as marismas de Toralla” en referencia ao humedal das “Poulas  ou   a “Cordelería Ibérica de Toralla nome  desta  factoría téxtil  asentada neste lugar.   Na súa memoria, publicada en 1887,  realízase  a seguinte referencia  á contorna:
...La mencionada parroquia de San Miguel de Oya, en la cual se observa, junto a la ría, el delicioso lugar denominado Toralla(que algunos llaman también el puerto de Canido), dista escasamente unha hora, en lancha de vapor, de  los muelles de Vigo. De esta feligresía de Oya, que corresponde al Ayuntamiento de Bouzas, dicen los cronistas que ha sido una población numerosa en  tiempos de los fenicios   y que se han hallado en ella preciosos mosáicos y otros vestigios que acreditan este aserto...
A Illa de Toralla, hoxe destrozada polo urbanismo salvaxe para privilexio duns poucos, recibe o nome  do lugar  fronte ao que se sitúa.  A punta leste coñécese como Centoleira e a do oeste, como Curveiro. Ao norte  estaba o Lago e ao sur  tiña dúas pequenas praias; Area Grande ao leste e Area Pequena  no oeste.