Memoria de Oia pretende ser un instrumento para recoller e difundir a microhistoria e a cultura popular desta parroquia, a vez que defender e poñer en valor o seu patrimonio arqueolóxico, etnográfico e natural. Unha fiestra aberta a participación daqueles que teñan algo que contar e compartir, microrelatos, documentos, contos, fotografías ou historias anónimas que quedaron arrombadas nos faiados ou na memoria dos nosos avós.

xoves, 6 de marzo de 2014

Os Liñares en tempos da II República

O 14 de abril de 1931 a monarquía borbónica da Restauración  deu paso á   Segunda República, un tempo de esperanza e ilusións para as clases populares que agardaban desde había tempo un novo réxime democrático e republicano que  dera solución aos problemas que lastraban o  país como a pobreza, o analfabetismo e o caciquismo.  

Naquel tempo en que o  mundo mudaba,  a festa dos    Liñares  coñeceu momentos de  esplendor favorecida pola   beleza dun enclave costeiro aínda sen urbanizar, pola chegada do tranvía en 1926 que acercou Oia a Vigo e o Val Miñor,  e os aires de modernidade e liberdade que percorrían o  mundo aos que non eran alleos os labregos e mariñeiros de Oia. 

    Canido e Toralla dende os Liñares. Vida Gallega.1911.

Un tempo no que  a  “Lira de Ribadavia”, a mellor banda de música  en moitos anos,  subía ao palco do torreiro dos Liñares para satisfacer o apetito musical dos veciños de Oia, cando  abrían a festa  míticos gaiteiros como  Os Morenos de Lavadores ou actuaba  o prestixioso coro Airiños do Mar de Teis.   Tempo, tamén,  en que se creou e  deu os seus   primeiros pasos musicais  a banda de música da parroquia. Nos anos correspondentes ao lustro republicano, a festa dos Liñares alcanzou  sona  en toda a contorna dende o Val Miñor ata o Morrazo converténdose nun dos acontecementos festivos  agardados durante todo o ano.


Pese a que o patrón da parroquia de Oia é San Miguel, a principal festa sempre foi a dos Liñares baixo as denominacións  "Virxe do Libramento" ou "Santa María dos Liñares".  Na  memoria colectiva da veciñanza conserváronse distintos relatos  relativos á aparición da virxe  asociada ao cultivo e procesado do liño. Segundo a tradición oral a  virxe apareceu no linde entre as parroquias de Coruxo e Oia, por riba de  onde estaba o antigo apeadeiro do tranvía no barrio da Ermida. Na microtoponimia  do lugar  aparecen varias denominacións: os Liñares Darriba,  os Liñares Dabaixo, os Liñares Vello  que darían nome á patroa por ser o sitio onde tivo lugar a aparición;  unha cuarta denominación, o Campo da Capilla”  indícanos onde debeu estar   o oratorio ou  capela  orixinaria. O propio topónimo do barrio “Ermida” fai referencia á existencia dalgún tipo de capela e, polo tanto, dun lugar de culto. 

Posteriormente foi trasladada para unha capela construída en Canido-Lavandeira, levando con ela a denominación “Liñares”  para o novo santuario. O traslado debeuse  ás disputas entre os veciños de Oia  e Coruxo sobre a quen lle pertencía  a santa, por estar o lugar da aparición na extrema entre as dúas parroquias. Unhas narracións din que   quedaron con ela os de San Miguel por tela atopado primeiro; outros,  porque a capela miraba para esta parroquía.  

Outros relatos  da tradición oral contan que en tempos ancestrais a marisma das “Poulas” estaba totalmente cuberta polas augas  e as embarcacións entraban ata os barrios de Ermida e Lavandeira para cargar a planta do liño. Contaban os máis  vellos que no lugar da Lavandeira, á altura da liña do tranvía,  conservábanse  argolas de amarre daqueles tempos.

As referencias documentais confirman a existencia dun lugar de culto á virxe dos Liñares que se remonta alomenos á Idade Media, aparecendo citada nun privilexio de 1152 no que o rei Alfonso VII de Castela entregaba ao mosteiro de Celanova  a Illa de San Estebo(Cíes) e acoutaba os termos do mosteiro de Coruxo, mencionando o  lindeiro  dos dominios deste ata o  rego de Gontade,

de la otra parte por el Carballoso, y de allí por el río que corre entre Oya y Santa María de Liñares…

Nos séculos XVII e XVIII , aparecen distintas mencións á virxe e santuario en  testamentos e vontades   de fregueses da parroquia, Jacinto Pérez (1670) e Pedro García do lugar da Matoca(1713).

Ata finais do século XVIII mantívose a tradición de corre-la fogaza, segundo se recolle  en distintos documentos relativos á herdade denominada “cocho de Liñares”, sementeira de medio ferrado de trigo, situada a carón do torreiro que tiña que aboar á capela unha fogaza de pan de trigo para o día da  festa, que  naquel tempo se celebraba o  8 de setembro. Colocábase a fogaza no altar dos Liñares para despois ser  corrida ou bailada entre os veciños e romeiros para finalmente poxala a beneficio da santa,

y  además dello en dicho día se hace traer al atrio de dicha  hermita una hogaza de trigo cozido para  que la luchen o bailen por qualesquiera personas que allí vinieren de romería...

O costume de  “correr ou bailar a fogaza” mantívose ata 1788 cando o cura da freguesía de Oia, Alejo Rodríguez,   descontento co pouco edificante que resultaba  a tradición e a escasa contribución pecuniaria que supuña  para as arcas da capela, reclamaba  que ademais desta se lle entregase un ferrado de trigo, argumentando que a fogaza “suele traer malas consecuencias y por consiguiente ninguna utilidad ni conveniencia a la capilla y a sus vecinos”. Tras meses de litixio cos arrendadores  do Cocho de Liñares,   o tribunal eclesiástico estableceu o pagamento dunha pensión de oito reais, desaparecendo a obriga de entregar a fogaza e deixando de celebrarse esta tradición.

No século XIX, determinados documentos confirman a propiedade veciñal do santuario mencionando a súa ubicación no lugar de Lavandeira.


Procesión ante a capela vella. El Pueblo Gallego. 16.09.1930.

Volvendo ao  século XX, na década de 1930, totalmente esquecida a tradición de bailar a fogaza, o día de celebración era  o segundo domingo de setembro. A  festa duraba  tres ou catro días:  vésperas, domingo, luns e martes de Liñares.  O domingo   os arredores do torreiro ateigábanse de xente procedente de moi distintos lugares:  do Morrazo  viñan en barco; do Val Miñor e de Vigo,  no tranvía,  nas liñas regulares que se reforzaban con máis vagóns para a ocasión ”o  largo”,  ou   puñase  en funcionamento "o corto" que saía do Paseo de Alfonso en Vigo e remataba en Canido.  O último tranvía saía de Canido para Vigo e a Ramallosa a 1:30 da madrugada.

Dende primeiras horas  do domingo ou do luns de Liñares ían chegando as familias  de parroquias próximas e lonxanas que, andando co cesto da comida na cabeza ou colgando do brazo, percorrían camiños e carreiros nun continuo gotear  de xente  ata chegar ao torreiro da festa.  Pola tarde viñan  os mozos e mozas de Vigo e do Val Miñor afeccionados ao baile e á verbena.

Ademais das actuacións musicais esperadas durante todo o ano,  coas mellores bandas daquel tempo, as vésperas pola noite botábanse fogos artificiais e de palenque a diario e a distintas horas do día, contratábase iluminación eléctrica para o torreiro e realizábanse  outras actividades de entretemento: cucañas, sorteos de rifas e deportivas como  partidos de futbol;  tamén había postos diversos de  rosquilleiras, atraccións de feira e  as barcas, randeeiras con forma de barco  para os máis novos. 

A gran maioría dos romeiros  repartíanse polos arredores do torreiro,  estendían o mantel polo chan e  no medio puñan o cesto da comida e o garrafón do viño;    outros collían mesa nos bares que abrían para eses días. Dous eran fixos, o do Coco e o dos Paxuriños”, onde se acostumaba a levar a  comida, ocupábase a mesa e consumíase  viño,   café e outras viandas. Xeralmente un maior da familia, a avoa,   permanecía na mesa tendo conta da comida, da roupa, xogando ás cartas ou falando, mentres os rapazes e o resto da familia participaban da romaría.  Os máis podentes, uns poucos, encargaban a comida. 

Ao lado do palco da música, instalábase o posto de comidas e bebidas coñecido  como “Bugallo”, anunciábase no xornal uns días antes. Ofrecía polos asados, cabrito e outras comidas  quentes e o mellor viño do Ribeiro. No bar dos Paxuriños acostumábase a matar unha toura para eses días. Ademais non faltaba o polbo,  o carneiro, as sardiñas e viño do país, tinta femia, claro. Na sobremesa,  pedíase café e algún dixestivo,   augardente ou anis. Arredor do torreiro xuntábanse outros establecementos de hostalaría. Un deles era unha cervexaría, que se mesturaba con kioskos de feira e rosquilleiras.  Os bares da contorna tamén facían negocio. O “Bar Canido”, situado na mesma praia, anuniciábase tamén no xornal ofrecendo comidas por encargo para os días da festa. 


Os romeiros botaban o día dende a mañá ata a noite. Facíase a comida, a merenda,  algúns tamén a cea. Pola tarde chegaban  os de  Vigo que utilizaban o tranvía e empezaban a marchar os que viñeran pola mañá. A última hora da tarde  collían sitio para  cear os da parroquia e Saiáns, ocupando os  que quedaban baleiros, rematando a festa ás tres da mañá, escoitando o concerto  das  bandas que tiña  sona en toda a contorna, que se ían turnando en pases curtos, "a competencia"dende a sobremesa   ata o remate, tratando de cautivar a multitude de oíntes.

O torreiro e arredores permanecía ateigado de xente dende a mañá ata a noite.  Co paso das horas   e a inxesta de viño e licores íase caldeando o ambiente, sobre todo entre os mozos que gostaban de fanfarronear para destacar ante as mozas, acabando sempre cunha liorta entre os de Coruxo e os de San Miguel, “Cartageneros e Coreanos”.  Era a espuma da   festa, se non había liorta non había que contar.

Os músicos das bandas chegadas de fora aloxábanse en casas de veciños repartidos  pola parroquia, onde lles daban cama e comida durante a súa estancia, creándose vínculos de amizade e relacións persoais que trascendían o universo parroquial. Coa  festa chegaban persoas de vida errante, esmoleiros que pedían esmola nos accesos ao  torreiro  e xitanos que puñan algunha atración na festa e percorrían a parroquia durante eses días pedindo polas casas  pan, patacas, fariña e ovos. As malas línguas culpábanos de pequenos furtos que acostumaban a ocorrer por eses días, e a desaparición de animais como galiñas e  incluso  gatos. Algúns anos acudía unha “muller da vida” que durante os días da festa prestaba servizos sexuais  nalgún alboio das inmediacións do torreiro.

Os veciños de Oia vestían eses días as súas mellores prendas. Nas semanas anteriores, as costureiras da parroquía traballaban arreo para que todos pudesen "estrenar", nun  tempo en que os nenos andaban descalzos e cheos de mocos e sabañóns, e os maiores con roupa remendada innumerables veces. Tan só se podía mercar unha prenda de roupa moi ocasionalmente,  que se estreaba en días moi sinalados como a festa da patroa. Decían que a roupa nova se gardaba para  "cando a igrexa bota fume por arredor" en referencia á procesión.


Xente  nos bares da festa. El Pueblo Gallego. 16.09.1930.

No xantar do domingo, nas casas da parroquia, xuntábase a familia toda arredor da mesa onde non faltaba  o "Cocido de Liñares". Ademais durante os días da festa, os fornos da parroquía cocían petadas de pan, empanadas, asaban polos, carneiros ou cabritos para compartir coa familia e os amigos no momento máis agardado do ano, a  cea no torreiro o día de Liñares.

A festa dos Liñares era a de máis sona  e á que máis xente acudía dende Vigo ata Baiona. Aínda que había ofrecidos  e tiña  a súa importancia o culto relixioso, non era unha  romaría  milagreira  como San Campio ou A Franqueira,  prevalecía o lúdico   e festivo sobre o relixioso, era eminentemente unha festa musical onde a xente acudía a  comer, beber e escoitar as interpretacións das mellores bandas.

No  ano 1930, a  banda  de música  principal das festas foi a Lira de Ribadavia. Tamén actuaron os gaiteiros do  coro Airiños  do Mar e hubo fogos artificiais de terra e de mar, trofeo de fútbol xogándose os partidos no campo do Vao,   cucañas marítimas e terrestres. 

En 1931, a comisión de festas estaba formada  por   Manuel Solla, Jose Piñeiro, Jesús Álvarez e Emilio Giráldez,  e contou  de novo coa Lira de Ribadavia. 

Os mordomos que asumiron a organización da festa en 1932 foron Plácido Dios Misa, Adolfo Alonso e Eulogio Valverde, ano  que actuou a  Unión Musical de Coruxo e se produxeron os incidentes entre musicos desta banda que darían lugar o nacemento da Lira de San Miguel de Oia.


Unión musical de Coruxo. Data estimada 1930.

En 1933, o programa incluía, como banda principal, a Municipal de Ponteareas dirixida por José Francisco Foristán.

A comisión de   1934  estivo composta por cinco mordomos: Javier Costas Comesaña”Ligero”, Daniel Álvarez Santomé, José Alonso, José López e Florindo Pedreira. Foi unha festa de catro días: vésperas, domingo,  luns e martes(15, 16, 17 e 18 de setembro ). Tivo de novo como banda de música nos días centrais da festa(domingo e luns) a Lira de Ribadavia, acompañada pola  “Banda de Musica de San Miguel de Oia” que actuou tres días(sábado, domingo e luns) e que viña de ser fundada.  


Lira de Ribadavia, formación de 1934. Arquivo Lira de Ribadavia.

O orzamento deste ano alcanzou  a cifra de 3.323,95 pesetas,  cantidade obtida maiormente polas aportacións dos veciños da parroquia que, ademais de  cartos,  tamén achegaban millo,  o que nos indica que en tempos pasados as achegas de produtos do campo deberon ser unha maneira de financiamento comunitario de determinadas actividades como as festas, manténdose  esta práctica recadatoria de forma residual nos anos trinta.


Lira de San Miguel de Oia. Data estimada 1933.
As achegas en diñeiro por cada casa ou persoa oscilaron entre as 0,20 e as 10 pesetas, sendo a contía media arredor de 5 pesetas. Uns poucos veciños entregaban  millo, outros   achegaban  tanto  millo como cartos. Unha vez vendido o millo supuxo  76,75 pesetas. Ademais  realizabase unha  recollida de cartos entre diversos colectivos da parroquia: a xuventude,  as tripulacións das motoras da sardiña de Canido, os traballadores e traballadoras das fábricas de conserva (os de Puntapinos achegaron 20,20 pesetas; os de Curbera, 20,25 e os de  Cerqueira, 3,75 pesetas). Outras achegas importantes eran as que facían os donos dos dous bares que había na festa: Manuel”Coco”, 50 pesetas e “Os Paxuriños”, 75 pesetas;   a panadería de Canido,  20 pesetas; Apolinar Viéitez, comerciante  de Coruxo, 25 pesetas; e Julio Riera, veciño de Canido, 20 pesetas. As maiores doazóns eran as dos veraneantes (564 pesetas) e a de Tranvías Eléctricos de Vigo(200 pesetas).  Por último, estaban os  ingresos que xeraba a propia festa: a bandexa da igrexa, 216,65 pesetas, a venda de rifas, 140,85 pesetas; o aluguer de postos, 526 pesetas e as rosquilleiras, 24,15 pesetas.


Os Morenos de Lavadores. Formación de 1935.

O desembolso máis importante foi  o pagamento dos servizos da  “Lira de Ribadavia” que   costou 1.400 pesetas, seguido polo aboado á Banda de San Miguel de Oia,  550 pesetas. Para amenizar as vésperas, contratouse un gaiteiro e outro para o martes que costaron  25 e  20 pesetas respectivamente. Outros gastos de importancia foron  os fogos (319,50 pesetas), o alumeado eléctrico(212 pesetas),  os gastos da capela(100 pesetas) e o permiso para a festa(25 pesetas).

A comisión de festas pagou o xantar de   distintas persoas e profesionais, a garda civil, o director da banda de música, os bombeiros, e mercaronse chocolate e seis cabazos de viño para invitar  aos músicos, ademais de galletas e anís.

En 1935, a festa durou tres días: vésperas, domingo e luns(14, 15 e 16 de setembro).  De novo foi a Lira de Ribadavia a encargada  de cativar coas súas interpretacións  os moitos afeccionados á música e ambientar cos seus bailables a verbena do domingo e do luns. Xunto a ela, completaron o programa   uns  gaiteiros de sona, “Os  Morenos”, de Lavadores. Como en anos anteriores houbo servizo de autobuses dende distintos lugares, reforzouse o servizo de tranvías e fletaronse vapores que dende Moaña e Cangas achegaron a xente do Morrazo ata Liñares.


      Membros do Coro Airiños do Mar de Teis. Vida Gallega.1931.           

A partir do verán de  1936, co establecemento do estado de guerra polos militares fascistas e o toque de queda, prohibíronse todo tipo de celebracións agás as procesións relixiosas. Comezaba  a "longa noite de pedra". Mentres durou a  guerra,  unicamente algún ano ao rematar a misa un acordeonista ambientou a festa  recuperando certa normalidade en 1939. Aquel ano  a comisión de festas incluíu no programa un peculiar coro formado por presos republicanos que cumprían as súas condenas no infausto campo de concentración da Illa de San Simón. Entre os membros do coro estaban dous  veciños da parroquia, Eugenio BastosAngel Rodríguez”Bagullo”. Trouxéronos en barco. Era unha mañá pechada de neboa. Botaron bombas de palenque dende a punta do peirao de Canido para que puidesen realizar o atraque, fixeron o xantar  na fábrica de Curbera,  os que eran da parroquia déronlles permiso para ir as súas casas e visitar os familiares.  Moitos veciños non  quixeron escoitar os presos represaliados polo franquismo cantar a misa de Liñares, preferiron quedar nas súas casas, outros si que foron.

Os Morenos de Lavadores xantando no bar de Angelito "Bagullo". 1953.

Mordomos da comisión de 1949 diante do palco acabado de inagurar.
Na primeira fila, agachados, Benigno Goberna, Daniel Álvarez Santomé e Gabino "Pito"
Na segunda fila, sentados, Manuel Xan Fernández, Serafín "da Pedra", Alejandro Tombilla e Enrique Acuña.
De pé, Ovidio Rodríguez, Miguel " o grecho", Manuel "Gorello", Manuel Areses, Alfredo Sío.

Xa en pleno franquismo, recuperado o fervor relixioso, en 1953 a fachada da capela sufriu importantes destrozos a causa dun raio, ampliándose o templo de xeito considerable cara ao noroeste. As obras foron dirixidas polo arquitecto Antonio Comingues, que mantivo as liñas academicistas  da parte antiga datada nos seculos XVIII e XIX. O custo desta ampliación realizada en 1951 correron pola conta do empresario e residente estival en Canido, Ramón Beamonte del Río.


Capela dos Liñares a saída da procesión. Data estimada 1970.

Por esas mesmas datas, no conxunto do torreiro dos Liñares realizaronse outras modificacións: o muro a carón do camiño, as escaleiras de acceso á capela e a construción dun palco novo inagurado en 1949 e  doado polo veciño de Oia, Juan Jesús Álvarez Santomé da que quedou o testemuño gráfico  cos membros da comisión de festas daquel ano.

Fontes  orais:

Lucía Puentes Alonso. A Ermida. Oia.
Leonides Evangelina Vila Alborés. Gontade. Oia.
Julia Sanjuan Román.  O Cruceiro. Oia.
Carmen López Costas. O Cruceiro. Oia.
Alfonso Miranda. O Cruceiro. Oia.
Laudelina Dios Misa. Canido. Oia.
Manuel Alonso Sanromán. A Senra. Oia.
José Urbano Comesaña Alvarez. A Mide. Oia.
Josefina Pérez Sanromán. Saiáns.
Amparo Acuña Valverde. Tarrio. Coruxo.

Fontes documentais :

Faro de Vigo.
El Pueblo Gallego.
Vida Gallega.
Arquivo familiar Carmen Costas. A Matoca. Oia.
Arquivo Lira de Ribadavia. Ribadavia. Ourense.
Arquivo familiar César Fernández Álvarez. Gontade. Oia.
Arquivo persoal Xerardo Santomé. Coruxo.
Inventario histórico das Ermidas de Vigo. Autor: J. Miguel González. Concello de Vigo.